Ferroatlántica pide permiso á Xunta para vender as centrais e alerta da destrución de emprego se non o obtén

Factoría de Ferroatlántica en Cee © Greenpeace

Chegou o anuncio oficial. Ferroatlántica solicitou este xoves á Xunta a segregación das centrais hidroeléctricas dos ríos Xallas e Grande das plantas de ferroaliaxe de Cee e Dumbría. A compañía pide oficialmente a Augas de Galicia que, "en aplicación do interese xeral e de acordo a dereito", devolva as concesións hidrálicas ao seu estado orixinal. E advirte que a autorización sería a "única" maneira de manter o emprego e o futuro da compañía no país. 

Ferroglobe solicita a eliminación da prohibición de segregar as actividades de ferroaliaxe e produción eléctrica, vixente desde os anos 90

A empresa propiedade do empresario Villar Mir -imputado no caso Bárcenas por presunto financiamento ilegal do PP e investigado na Operación Lezo- reclama a "eliminación da prohibición" de segregar as actividades de ferroaliaxe e produción eléctrica que data dos anos 90, de cando o empresario pasou o controlar os activos, e que considera que se aplicou "de forma excepcional" e "en circunstancias especiais". Cos traballadores de Cee-Dumbría-Centrais Hidroeléctricas, os alcaldes da comarca e toda a oposición en contra, a multinacional Ferroglobe solicita que as concesións dos ríos Xallas e Grande volvan ao seu estado primixéneo. 

A compañía asegura ter "iniciado os trámites para levar a cabo a operación", que di que é a "única" que garante "o futuro da compañía" en Galicia e "o mantemento de todo o emprego asociado a ela". Foi a principios de ano cando se deu a saber que Ferroglobe, resultado da fusión de Ferroatlántica coa multinacional Globe, vendería as centrais por 255 millóns, das que o grupo recibiría 153 descontados os gastos financeiros, tras informar do feito relevante ás autoridades da Bolsa de Londres e Nova York. 

O grupo de Villar Mir considera que o veto á segregación é "extemporáneo" e foi aplicado "de forma excepcional e en circunstancias especiais"

Xa no titular do comunicado emitido, Ferroglobe pide ao Goberno galego que "autorice a operación que garanta o futuro da compañía en Galicia" para no texto advertir que a cancelación da "extemporánea" prohibición vixente "permitirá a venda das centrais e, con ela, executar o plan industrial de futuro avalado pola maioría sindical o pasado 8 de abril". Aquel acordo a nivel estatal, rexeitado por 20 dos 27 delegados das diferentes empresas do grupo en Galicia, provocou que os delegados de CCOO e UGT en Ferroatlántica abandonasen os sindicatos

A compañía insiste en que a competitividade da compañía non melloraría sen a aplicación dese plan industrial, así como "a viabilidade das fábricas galegas", que estaría "en risco". O comunicado vai máis aló porque asegura que o veto á separación das actividades "vulnera o dereito fundamental á liberdade de empresa" e é de imposible" aplicación na práctica e "contraria ao ordenamento xurídico vixente". "De acordo con varias leis, decretos, ordes e resolucións ditadas de 2013 en adiante, as centrais do Xallas e do Grande xa nin sequera poden legalmente subministrar electricidade directamen ás fábricas de Cee, Dumbría e Sabón". 

Ferroatlántica entende que a prohibición "vulnera o dereito fundamental á liberdade de empresa" e é "contraria ao ordenamento xurídico"

Ferroglobe asegura, ademais, que hai "circunstancias sobrevidas ás últimas resolucións que reiteraron a prohibición de segregación". E insiste en que a "hipotética vinculación das centrais e as fábricas podería poñer en risco os ingresos polo servizo de interrumpibilidade, e como consecuencia, a propia viabilidade das fábricas de ferroaliaxe". 

Entre as promesas, a multinacional di que o plan industrial inclúe para Galicia investimentos por valor de 102 millóns para "manter rexuvenecer os cadros de persoais actuais, crear outros 200 empregos directos e favorecer a xeración de 300 indirectos". Tamén asegura que garante o mantemente dos 421 empregos fixos nas fábricas de Cee, Dumbría e Sabón e advirte aos 31 traballadores das seis centrais hidroeléctricas que "non debe temer polo seu futuro laboral" porque a empresa "atopou para eses centros de produción un comprador solvente que garante por escrito a preservación íntegra do actual volume que garante por escrito a preservación íntegra do actual volume de emprego". 

A empresa promete realizar investimentos por 102 millóns, manter o emprego e crear outros 200 postos de traballo

"Trátase dunha compañía que asumirá a xestión de activos mantendo postos de traballo e compromisos ambientais. Conta con cen anos de experiencia no sector eléctrico e é unha das maiores empresas de renovábeis do mundo", insiste Ferroglobe, que asegura que esta firma "comprometeuse a converter a Costa da Morte nunha auténtica plataforma" porque "fixará alí a súa sede fiscal e social en España". 

"Dado que o plan vai en beneficio do interese xeral que o Goberno galego debe defender, agárdase unha resolución favorable", remata o texto, que bota a vista atrás e asegura que nos anos 90 a Xunta "alterou parcialmente e de forma excepcional as concesións orixinais" para que o negocio das centrais "sostivese o das factorías, daquela deficitarias" e evitase o seu peche. Agora, segundo di a empresa, a aplicación dese concepto de interese xeral obrigará a "actuar de maneira oposta". Asegura que a explotación das fábricas é case catro veces maior que en 1996 e o das centrais, case cinco veces inferior.

Os traballadores ven na oferta e na solicitude "unha chantaxe" e insisten en que os obxectivos da empresa son "o desmantelamento e a deslocalización"

Durante todos estes meses, a Xunta insistiu en que non tiña unha proposta en firme da empresa, pero recoñecía estar disposta a "analizala", no caso de que a presentase. E xa chegou. Desde o comité, no entanto, queixábanse da ausencia de interlocución co Executivo malia pedir en numerosas ocasións unha xuntanza. Para os traballadores, as ofertas, promesas e agora esta solicitude oficial son "unha chantaxe" e entenden que os verdadeiros obxectivos do grupo de Villar Mir son "o desmantelamento das fábricas na Costa da Morte e a deslocalización". Así, advirten que a produción que aquí se dá tamén se dá en Venezuela, China e Suráfrica, que é a onde temen que acaben por levar a actividade.

A solicitude oficial chega tan só un día despois de que o conselleiro de Economía, Francisco Conde, respondese no pleno do Parlamento a unha pregunta do BNG sobre as intencións da Xunta. Insistiu unha e outra vez en que non había petición ningunha da empresa e acusou o Bloque de "alarmismo". "Neste momento non existe ningún tipo de solicitude, se iso prodúcese haberá que resolver o expediente e cumprir a lei", dixo, logo de advertir que a Xunta "seguirá comprometida" co mantemento da actividade industrial e o emprego, para o que "continuará actuando con total transparencia e diálogo". 

Coñecida a petición formal de Ferroglobe, o alcalde de Dumbría convocou unha xuntanza con rexedores da comarca para a tarde deste xoves. 

 

Sentenzas en contra das intencións da empresa

Hai resolucións en contra da segregación que agora reclama Ferroglobe. Sentenzas do TSXG e do Supremo certifican que as dúas ramas -a de ferroaliaxe e a de enerxía hidroeléctrica- son unha soa actividade produtiva e foron ditaminadas tras os recursos presentados por Villar Mir. O grupo empresarial propúxose hai máis de vinte anos mercar a división de ferroaliaxes de Carburos Metálicos separando as actividades de ferroaliaxes e enerxía en dúas empresas e converter así as centrais eléctricas, destinadas á provisión de enerxía ás fábricas de Cee e Dumbría, en simples produtoras de enerxía eléctrica para a súa venda no mercado.

Daquela, o Goberno de Fraga e coa aprobación do Parlamento condicionara a autorización administrativa para o cambio de titularidade das concesións que Carburos ten dos aproveitamentos hidroeléctricos no Xallas e Grande do Porto á non segregación en dúas sociedades distintas da actividade de ferroaliaxes e produción de enerxía eléctrica, preservando así o seu interese público e condicionando que a produción enerxética estea vinculada aos usos industrias das factorías.

En 1994, a Xunta esixe ademais á empresa compradora un plan de viabilidade que garanta a solvencia da explotación conxunta dos aproveitamentos hidroeléctricos e da produción de ferroaliaxe. Villar Mir acepta todas as condicións pero interpón recurso contencioso-administrativo ante o TSXG, que ditamina a favor do Goberno galego, ao igual que o Supremo en 2001 logo doutro recurso de Ferroatlántica. Agora, queda na man do Goberno de Feijóo mudar estas concesións e acceder ás peticións do grupo de Villar Mir. 

Manifestación contra a venda das centrais de Ferroatlántica CC-BY-NC-SA CIG

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.