Os escándalos co PP en Madrid ensombrecen as operacións de Ferroatlántica en Galicia

Villar Mir, nun acto co conselleiro de Industria en 2014 © Xunta

Ferroglobe, a empresa resultante da fusión de Ferroatlántica coa estadounidense Globe Speciality Metals, ten claros os seus plans para Galicia. Disponse a solicitar ante a Xunta a autorización para culminar a operación que xa ten decidida e mesmo pactada cos sindicatos estatais -malia á oposición de delegados galegos-: segregar o negocio das factorías de ferroaliaxe de Cee e Dumbría da actividade das centrais hidroeléctricas que explota nos ríos Xallas e Grande como paso previo á venda destes encoros por entrar na categoría de "non estratéxicos". No entanto, á controversia que esta operación está a xerar dende hai meses na contorna da Costa da Morte -o persoal ve en risco uns 400 empregos- únese agora a suposta ligazón das empresas do grupo Villar Mir coa presunta trama corrupta que, con centro en Madrid, atinxe ao PP nos últimos días a golpe de operación xudicial.

Un dos detidos no marco da Operación Lezo, en cuxo centro a Garda Civil sitúa o ex-presidente madrileño Ignacio González, foi Javier López Madrid, conselleiro da construtora OHL pero tamén presidente de Ferroglobe. O executivo e xenro de Juan Miguel Villar Mir, condenado no caso das tarxetas black de Caja Madrid, está acusado de pagar a González 1,4 millóns de euros en comisións a cambio dunha adxudicación en Madrid no ano 2007. Así se viu obrigada a admitilo a propia empresa nun comunicado emitido tras a detención, no que se apresurou a aclarar que "no momento do presunto pagamento o señor López Madrid era un conselleiro non executivo de OHL", construtora na que "nunca desempeñou ningunha responsabilidade executiva".

O presidente de Ferroglobe, empresa que pretende vender as centrais nos ríos Xallas e Grande, foi detido por presuntas comisións ilegais ao PP madrileño

Do mesmo xeito, Ferroglobe tenta tranquilizar os seus accionistas negando as acusacións, pero sobre todo tentando afastalas da actividade da propia compañía. Os presuntos delitos imputados a López Madrid, en liberdade baixo fianza de 100.000 euros, "non atinxen a Ferroglobe ou as accións do señor López Madrid no nome de Ferroglobe ou no da súa predecesora, o Grupo FerroAtlántica". En calquera caso, agregan, o empresario "nega vehementemente" os feitos que lle son imputados e o consello de administración da compañía estará pendente do "desenvolvemento" do proceso.

A lupa sobre Villar Mir e petición de explicacións

Pero López Madrid non é o único cargo deste grupo empresarial salpicado por este escándalo. O instrutor da Operación Lezo, Eloy Velasco, iniciou novas pescudas sobre o propio Villar Mir para aclarar a "presunta comisión de delitos" por parte de quen fora ministro de Facenda con Arias Navarro tras a morte de Franco. O empresario, nomeado marqués en 2011 polo rei Juan Carlos I, está tamén investigado polo presunto financiamento ilegal do PP, entre outros problemas legais que se unen á delicada situación do seu grupo empresarial. Non en van, o pasado verán OHL foi expulsada do Ibex 35 polo seu devalo.

Villares: "Está Ferroatlántica exercendo influencia sobre o PP para o seu propio beneficio empresarial?"

Este é o contexto no que se multiplican as peticións de explicacións por parte da oposición galega, reiteradas no pleno que se celebra no Parlamento desde este martes. Así, o voceiro de En Marea, Luís Villares, considera "especialmente relevante" o estourido da operación Lezo xusto no momento en que é "inminente" a solicitude de segregación e venda das centrais, tal e como anunciou a empresa. "Que vai facer Feijóo? Está Ferroatlántica exercendo influencia sobre o PP para o seu propio beneficio empresarial? Enganámonos se dicimos que hai unha relación directa entre o trato de favor a esta empresa e o financiamento do PP?", pregúntase Villares, que lamenta a actitude "deliberadamente ambigua" do Goberno galego ao respecto.

Rueda asegura que o Goberno galego vai "esixir as condicións que marca a lei" e enmarca as críticas na "falta de rigor" e no "oportunismo"

Nun sentido semellante a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, preguntábase o pasado luns "a que espera o señor Feijóo" para "dicirlle a Villar Mir que non vai facer caixa coas centrais" galegas. A Xunta, advirte a nacionalista, non debe "deixar pasar un minuto" para "frear a pretensión ilegal do empresario", máis aínda tras "coñecerse que está sendo investigado nun caso de presunto financiamento ilegal do PP". "Galiza non está para pagarlle os favores de Villar Mir ao PP", advirte.

Estas advertencias foron retrucadas este martes dende a Xunta por boca do vicepresidente, Alfonso Rueda. En ausencia de Feijóo, de viaxe en Bruxelas, Rueda carga especialmente contra as críticas de Villares por seren, di, un exercicio de "oportunismo" e "falta de rigor", toda vez que a Xunta non fará máis que respectar a "legalidade" e velar polo "mantemento dos postos de traballo". "En Marea sobe ao oportunismo e á falta de rigor e así lles vai" mentres que o Goberno do PP, asegura, se limitará a esixir "as condicións que marca a lei".

Unha das explotacións hidroeléctricas de Ferroglobe en Galicia © Ferroglobe

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.