0 Gardados para despois

Fundación Barrié: o dano colateral da venda do Pastor sume na incerteza accións sociais e culturais

Miguel PardoMiguel Pardo | @depunteirolo


A venda por un euro do Grupo Banco Popular ao Santander ten consecuencias engadidas para Galicia. Supón a desaparición definitiva do histórico Pastor, entidade con 250 anos de historia que mantiña certa autonomía e a súa propia marca e ficha bancaria malia ser absorbida pola entidade agora subsumida tamén. A concentración bancaria será máis evidente aínda no país, onde arredor do 60% das sucursais serán ou de Abanca ou da entidade que preside Ana Botín. Pero hai máis: a Fundación Barrié queda sen as accións que tiña e non terá nin participación nin voz neste reforzado banco, polo que perde o dereito aos dividendos por acción e, xa que logo, a unha das súas principais formas de financiamento. Non a única. 

A Fundación Barrié queda sen as acción e sen os dividendos do Popular, do que chegou a ter o 8%

Tal e como informara Economía Digital hai un ano, a Fundación Barrié ingresaba case o dobre polas rendas dos alugueiros dos edificios polos que o Popular lle paga na Coruña, Vigo e Bergondo que polos dividendos. Arredor de 6 millóns de euros fronte a algo menos de 3 cada ano. Cando o Pastor foi absorbido, a Fundación Barrié de la Maza recibiu máis do 8% do Popular a cambio do 42% que posuía na entidade galega, que tiña na devandita Fundación o seu principal accionista. As accións estaban valoradas nuns 1.000 millóns de euros. A principios de 2016, e logo da ampliación de capital, esa participación representaban 55,8 millóns de accións e unha mínima participación que foi a menos, ata quedar en aproximadamente o 1,5%. Agora non ten nada. 

A importante carteira de activos inmobiliarios da Fundación e a renda que recibe do Popular polos alugueiros -os principais os das sedes do banco na Coruña e Vigo- poderíanlle permitir seguir adiante, no caso de que agora o Santander se faga cargo deles. Ingresaría uns 30 millóns de euros até 2029. 

Se o Santander mantén o acordo que a Barrié tiña co Popular, ingresaría uns 30 millóns até 2029 polos alugueiros de inmobles ao banco

Foi despois da absorción do Pastor, hai seis anos, cando se cedeu o contrato de arrendamento polo que o Popular mantería os dereitos e obrigas desde ese verán de 2012. Queda por ver se o Santander mantén este acordo, xa que as duplicidades de oficinas e sedes son evidentes. Na Coruña, a sede central do Pastor situada no Cantón Pequeno ten a poucos metros -e coa Fundación Barrié polo medio- a oficina principal do Santander, un histórico e amplo edificio cuxo caseiro é Amancio Ortega e onde tamén traballa o despacho de avogados Garrigues. 

A sede do Pastor na Coruña está a tan só uns metros da oficina principal do Santander, un histórico edificio propiedade de Amancio Ortega

A Fundación Barrié foi creada en 1966 por Pedro Barrié de la Maza, que declarou a institución como herdeira universa da súa fortuna, ao que se lle engadiu logo o patrimonio da súa irmá e da súa viúva. Declarada de interese galego pola Xunta vinte anos despois, foi a accionista maioritaria do Pastor ata que este foi absorbido polo Popular. 

Coas dúas grandes sedes no centro da Coruña e Vigo, a Barrié contribuíu en varios proxectos culturais, educativos ou sanitarios e colaborou na creación das escolas universitarias de Arquitectura e Arquitectura Técnica na cidade herculina e a de Enxeñería Industrial nar urbe olívica, así como do Instituto da Lingua Galega. A Fundación di "orientar toda a súa actividade ao desenvolvemento de Galicia". Sen banco xa de referencia, o camiño continuará, pero queda ver se poderá manter todos os proxectos, desde a concesión de importantes bolsas de formación no estranxeiro para estudantes destacados ata o seu actual investimento na rehabilitación do Pórtico da Gloria na Catedral de Santiago. Conta, ademais, cun importante patrimonio cultura e artístico. 

A Barrié mantén importantes proxectos educativos e culturais, desde bolsas no estranxeiro á rehabilitación do Pórtico da Gloria

Alén desas importantes bolsas de posgrao para a formación no estranxeiro, a Barrié tamén ofreceu outras para estudos universitarios, levou a cabo programas para o desenvolvemento de competencias e creou diversos institutos de investigación. "Estamos nunha etapa de valoración de novos proxectos", aseguran na súa web. No mesmo ámbito do ensino, son coñecidas tamén as iniciativas da Fundación na formación do profesorado e na innovación tecnolóxica e educativa.

Ademais, a Barrié leva anos financiando varios proxectos de investigación nas universidades, concede premios ás mellores iniciativas de mozos e mozas investigadores e colabora coa formación destes a través de diferentes programas. En canto á acción social, a Fundación ofrece programas de balde para axudas na sustentabilidade económica de diferentes entidades, conta con proxectos de reinserción co Proxecto Home ou centros penitenciarios e outros de prevención do abandono escolar ou do consumo de drogas e de axuda a familiares de persoas con Alzheimer. 

En canto a patrimonio e cultura, a Fundación financia e inviste traballos de rehabilitación na Catedral de Santiago -como o do Pórtico da Gloria- e leva a cabo iniciativas coa Real Academia Galega como o Portal das Palabras. Cunha importante colección de arte, s súas achegas a pintores galegos e a súa importante actividade cultural, a Barrié conta tamén con senlleiros fondos documentais como a biblioteca de Carlos Martínez Barbeito ou a de Domingo García-Sabell. 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

Feijóo cifra en 120 millóns o patrimonio inmobiliario da Barrié e di que as rendas garanten o seu futuro

D.REINERO

“É unha mala noticia” pero “é un problema no que a Xunta ten cero competencias”. Así se pronunciou este xoves o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, ao ser preguntado pola adquisición do Banco Popular e con el dos restos do Pastor polo Banco Santander, ao que só lle poderá pedir “sensibilidade” con Galicia. Con respecto á Fundación Barrié, o presidente si admitiu que o Goberno galego ten unha maior marxe de supervisión e vixiará o seu futuro, do que dixo que está garantido polo menos durante os próximos doce anos grazas ás rendas de 7 millóns de euros anuais que obtén do alugueiro do seu patrimonio inmobiliario, que cifrou en 120 millóns de euros. 

O presidente di que pedirá ao Santander “sensibilidade” con Galicia pero que “a Xunta ten cero competencias”

A Feijóo preguntóuselle este xoves, na súa comparecencia posterior á reunión semanal do seu Goberno, se xa mantivo algunha conversa cos responsables do Santander e cal é a súa opinión sobre o papel dos supervisores bancarios nesta crise. Sobre a segunda cuestión, Feijóo evitou pronunciarse, ao contrario do que viña facendo coas súas críticas reiteradas contra quen eran responsables do Banco de España durante a crise das caixas galegas, cando gobernaba o PSOE. Sobre a primeira pregunta, o presidente só recoñeceu falar da cuestión co ata de agora vicepresidente do Popular e anteriormente presidente do Pastor, José María Arias, ao que en ningún momento mencionou polo seu nome. “Chamoume o vicepresidente do banco [...] díxome que o problema non foi de capital senón de liquidez”, indicou Feijóo, quen posteriormente, ao falar do futuro da Fundación Barrié, se referiu ao mesmo Arias, novamente sen nomealo pero como se fose outra persoa, como “o presidente da Fundación”.

Feijóo indicou que a Barrié dispón duns 40 millóns de euros en valores á marxe da súa participación no Popular agora reducida a cero

Sobre o futuro da Barrié, Feijóo indicou que, segundo as cifras que lle facilitou Arias, a entidade ten un patrimonio inmobiliario duns 120 millóns de euros. Aínda que parte dese patrimonio está alugado ao banco, e o peche de oficinas pode afectarlle, Feijóo dixo que están “garantidos” uns ingresos por esas rendas de 7 millóns de euros ao ano durante os próximos 12 anos. Ademais, segundo revelou, a fundación dispón duns 40 millóns de euros en valores á marxe da súa participación no Popular agora reducida a cero. “Temos tempo para orientar e reorientar esa fundación”, sentenciou Feijóo.

Con respecto á desaparición do Popular, para Feijóo “é unha mala noticia, non hai ningunha dúbida”, da que só tira como positivo que os aforradores teñan garantidos os seus depósitos. Pero salientou que non é positiva nin para os accionistas nin para os traballadores. Sobre os primeiros, Feijóo cifrounos nuns “25.000 a 30.000” accionistas en Galicia que veñen de perder todo o seu investimento. E sobre os segundos o presidente sinalou que en Galicia hai 110 oficinas do Popular e do Santander que se solapan pola súa proximidade, o que fai prever o seu peche. Iso afectará dalgún xeito aos traballadores, que o presidente cuantificou nun total en toda Galicia duns 1.200 do Popular e 800 do Santander. “Moitos traballadores ademais eran accionistas do banco”, engadiu.