O verán acelera a caída do paro en Galicia sen paliar a precariedade e temporalidade dos contratos

A rúa compostelá do Franco, ateigada CC-BY José Luis Cernadas Iglesias

A chegada das vacacións, a hostalería e o turismo deron un impulso á redución do paro rexistrado en Galicia. O país liderou a baixada do desemprego no Estado en xullo ao caer en 7.794 o número de persoas apuntadas nas oficinas de colocación con respecto ao mes anterior, segundo os datos do Ministerio de Emprego e Seguridade Social. 

O paro rexistrado cae en 7.794 persoas en xullo, onde o número de afiliados á Seguridade Social increméntase en 16.721

A cifra de total de parados rexistrados queda en 181.871, que son 13.586 menos que hai un ano, unha baixada de 6,95%, aínda afastada da media estatal de -9,43%. Pola contra, con respecto ao pasado mes, Galicia lidera a redución relativa do desemprego -cun -4,1%- fronte ao -0,8% de media no Estado. "Cada día de xullo saíron das listas do paro 251 persoas", presume a Xunta. 

A creación de emprego foi importante no país, cun aumento de afiliacións á Seguridade Social de 16.721 no mes de xullo e unha suba interanual de 22.625. Son os servizos os que absorben a inmensa maioría do descenso do paro rexistrado. É neste sector onde máis descende o desemprego, con 4.925 persoas menos apuntadas nas antigas oficinas do INEM, aínda que baixa en todos os ámbitos. Tamén en todas as provincias galegas. 

O paro acelera a súa caída en Galicia, nomeadamente na época estival, pero sen paliar nin a temporalidade, nin a parcialidade nin a precariedade. A contratación no verán e en épocas de vacacións caracterízase polas minguadas condicións laborais. Tamén desta vez. Os contratos aumentaron no mes de xullo en case 4.000 con respecto ao mes anterior (+3,8%) e en máis de 8.000 (+8,1%) respecto do ano pasado. Pode ser un dato positivo de non ir máis aló que a cifra. Pero de combinalo coas altas rexistradas na Seguridade Social -case 17.000- a conta é clara. Son algo máis de 6 contratos por persoa. O que é o mesmo: a contratación medra a un ritmo seis veces maior que a creación de emprego. Por cada persoa desempregada menos que sae das listas do paro, 13 contratos nun mes. 

Por cada nova alta na Seguridade Social asináronse seis contratos en Galicia durante o mes de xullo

E que contratos? Os indefinidos caen no último mes (en case 600, unha redución do 7,96%) pero repuntan algo con respecto a hai un ano ao incrementarse nun 11%. En canto aos contratos temporais, aumentan en 4.539 (-4,7%) en comparación co mes de xuño e en 7.430, case un 8% máis que hai doce meses. De ter en conta os datos acumulados, tan só o 8,2% dos contratos asinados en Galicia son indefinidos, fronte aos 91,8% temporais.  Neste mes de xullo, aínda é peor: 93,8% temporais fronte ao 6,2% fixos

En Galicia hai arredor de 160.000 persoas paradas con experiencia laboral e que non cobran prestacións por desemprego

Alén disto, no mes de xuño había 87.363 persoas a cobraren unha prestación por desemprego (son 9.205 prestacións menos que hai un ano), sendo só o 40 % das prestacións contributivas, 34.835. Ademais, 41.029son subsidios por desemprego, 10.437 da renda activa de inserción e 1.062 do programa de activación de emprego.

En canto á cobertura do sistema de protección por desemprego, foi do 48 % en xuño, mentres que un ano antes era do 50 %. Polo tanto, en Galicia hai arredor de 160.000 persoas paradas que teñen experiencia laboral mais non cobran prestacións por desemprego.

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.