0 Gardados para despois

O presidente luso dá luz verde á reforma forestal que impulsa a Navigator a expandirse en Galicia

Miguel PardoMiguel Pardo | @depunteirolo


A maior industria papeleira de Portugal puxo a súa ollada en Galicia, onde prevé crear "uma base forte" e abastecerse de madeira ante os atrancos que, segundo di, supón a reforma da lexislación forestal que xa aprobou a Assembleia da República e será aplicada nos vindeiros meses. Tal e como avanzou Praza.gal, The Navigator Company -a antiga Portucel- prevé expandirse no país ante o veto ao eucalipto que prepara o Executivo luso e valora a "alta produtividade" que as plantacións desta especie teñen na outra beira do Miño. 

A maior industria papeleira de Portugal prevé en Galicia "uma base forte" e abastecerse de madeira

Na presentación dos resultados do primeiro semestre aos investidores, Navigator confirmou que está "a olhar para outras fontes de floresta e de madeira fora de Portugal, diferentes das que hoje utiliza”. Os seus responsables admitiron a intención de establecer "uma base forte no norte de Espanha, na Galiza". Ademais, aclaran que non pretenden aumentar a súa extensión de monte en Portugal, onde xestionan 120.000 hectáreas, senón espallarse cara ao país. “Poderemos ter mais em Espanha e menos em Portugal. Queremos ter mais em Espanha para diversificar e a produtividade lá também é elevada”, dixo Diogo da Silveira, presidente executivo da empresa.

Preguntada por este diario sobre estes plans, a empresa non os desmente, pero prefire non avanzar nada ata que a mudanza lexislativa non sexa implantada polo Goberno de Portugal. "A reforma florestal ainda se encontra em aprovação nas sedes próprias, a qual a The Navigator Company está a acompanhar", aclara o grupo papeleiro sobre unha modificación lexislativa que vixía de perto e que, precisamente, vén de ser promulgada o pasado martes polo presidente da República Portuguesa, Marcelo Rebelo de Sousa, mais non sen "reparos".

O presidente da República vén de promulgar e avalar a reforma que veta o eucalipto mais con "reparos" 

A nova lei foi aprobada polo Parlamento luso nunha maratoniana xornada o pasado 19 de xullo, último día de traballos antes das vacacións. O tráxico incendio de Pedrógão Grande levou a Rebelo de Sousa a esixir ao Executivo e ao Parlamento que acelerasen a elaboración de novas leis desta reforma forestal global. As diferenzas nos partidos de esquerda, nomeadamente no referido á eliminación de plantacións de eucaliptos, intensificou o debate ata aprobar catro novos decretos, que veñen de ser avalados polo presidente da República, malia "estarem longe de esgotar todas as atuações dos poderes públicos no domínio versado, e de apenas um deles –o do cadastro– não suscitar reparos". 

A reforma indica que quen quixer plantar unha nova área de eucalipto, nunha zona definida, debe antes recuperar e identificar unha plantación desa mesma especie que non teña bos niveis de produtividade, arrancala e deixar o terreo en condicións para o uso agrícola ou pecuario ou plantar unha nova tipoloxía de árbore. A Estratégia Nacional para as Florestas prevé que a superficie de eucaliptos non supere máis as 812.000 hectáreas actuais en Portugal, así como aumentar a poboación de carballos nun 40%

Navigator considera "inacreditável" a reforma da floresta que vén de ser avalada por Rebelo de Sousa

Ante esta reforma, Navigator agarda un "impacto no mercado da madeira em 12 anos" e olla para Galicia. É contraria a unha nova lexislación que cre que foi aprobada nos termos actuais por mor do impacto causado polos tráxicos incendios de xuño e as máis de 60 vítimas mortais. Foi iso o que, segundo o grupo, fixo "ao Governo e aos seus aliados ir para uma lei inacreditável". "Se não fossem esses grandes incêndios e a perda de vidas, a avaliação teria sido diferente", insiste. Con todo, e a falta da aplicación definitiva, o novo paquete lexislativo xa ten o aval do presidente e continúa o seu camiño. Ao tempo, a antiga Portucel vira cara ao seu país veciño, onde ve unha posibilidade importante de negocio e non atopa os que considera atrancos no seu territorio. 

En Galicia, a superficie de eucalipto aumentou un 65% no que vai de século. O plan forestal de 1992, aínda vixente, prevía chegar a 2032 cunhas 245.000 hectáreas de masas puras de eucalipto, pero os datos máis recentes de Medio Rural indican que xa supera as 300.000. As críticas da oposición á proliferación desta especie, o problema dos incendios e o abandono do monte e do rural mestúranse nun polémico debate que chegou a enfrontar con dureza a empresa Ence coa voceira nacional do BNG, Ana Pontón

É neste escenario onde Navigator prevé competir precisamente con Ence, a grande industria pasteira dominadora do mercado en Galicia, con máis de 120 millóns anuais en compras forestais, e a quen o Goberno central -estando en funcións- lle aumentou a concesión na ría de Pontevedra ata o ano 2073 nunha polémica e discutida decisión. Os investimentos previstos nos vindeiros anos na planta de Lourizán e na asturiana de Navia prevén que incremente en 30.000 toneladas anuais a súa capacidade de produción de celulosa. A antiga Portucel chega disposta a instalar unha base no país e a fornecerse nel da madeira que deixará de apañar en Portugal polo freo á expansión do eucalipto. 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

O BNG advirte que o interese da papeleira lusa "agudiza o risco de eucaliptización"

O BNG advirte do "risco que supón para Galiza" que a pasteira lusa Navigator busque expandirse no país. Segundo a formación nacionalista, iso "agudizaría a eucaliptización do monte galego" que, lembra, "xa acumula 230.000 hectáreas máis das previstas no actual plan forestal da Xunta ata 2032".

O BNG cre que a nova regulación portuguesa "é unha ameaza á esperanza de Galiza para optar por un monte racional, diversificado, multifuncional e sostible”

“A nova regulación portuguesa para controlar e reducir o eucalipto é unha ameaza á esperanza de Galiza para optar por un monte racional, diversificado, multifuncional e sostible”, salienta o portavoz parlamentario de Agricultura, Xosé Luís Rivas, que ve no interese da pasteira lusa por aprovisionarse de eucalipto en Galicia “unha ameazada engadida que pode converter o noso monte nunha explotación económica propia do século XIX, de tintes coloniais”.

“Non nos chegaba con soportar a ENCE, senón que agora pretende vir a portuguesa Navigator a chuchar no noso monte, como se fósemos unha colonia a explotar, mesmo cun custo ambiental tremendo para o noso territorio, para que fagan negocio dúas pasteiras a cambio de arrasar co noso monte”, denunciou Rivas.

“Non nos chegaba con soportar a ENCE, senón que agora pretende vir a portuguesa Navigator a chuchar no noso monte"

Segundo Rivas, “a plantación masiva e descontrolada de especies de pouca calidade nun monte de luxo, é un retrato da ineptitude do Goberno de Feijóo e da sua incapacidade para sacar adiante un Plan Forestal que dea alternativa racionais ao noso monte en beneficio dos e das galegas”, alegou.

Rivas lembra que a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, xa propuxo ao presidente do Goberno consensuar un Plan de ordenación integral do monte galego, "que mude o actual modelo centrado no monocultivo de eucalipto ao servizo de ENCE para pasar a outro que xere riqueza desde o punto de vista ambiental, social e económico". Como primeiro paso nese plan, o BNG propón unha moratoria para frear a expansión do eucalipto, así como a suspensión definitiva da especie nitens.

"Nin unha soa hectárea nova de eucalipto en Galiza", reclama a formación nacionalista, que fala dun "descontrol desta especie altamente combustible", e lembra que o resto do Estado e países europeos "fixeron un proceso de repoboación maioritariamente con especies autóctonas". "En Galiza só 300.000 dos 8,2 millóns de metros cúbicos que se cortan son de madeira de calidade procedente de especies autóctonas", di Rivas, que fixo alusión tamén ao problema dos incendios, "repercusión directa" da masificación desta especie.