Excesos na contorna das 4.000 persoas por riba do límite, fixado en 2.200 visitantes máis 800 campistas, e sendas e praias dun espazo natural protexido cun aspecto máis propio de praia urbana en plena temporada alta. Este retrato das Illas Cíes, de visión habitual para o persoal que atende diferentes servizos no arquipélago, pasou a primeiro plano a pasada semana tras a denuncia dos gardas do Parque Nacional das Illas Atlánticas contra catro das navieiras que transportan pasaxeiros dende Vigo, Cangas e Baiona. Tras o inicio dos novos procedementos sancionadores -van case unha trintena este ano- chegaron os primeiros límites reais alén dos teóricos e con eles, as evidencias dun descontrol que a pasada fin de semana e este mesmo luns volveron repetirse.
O pasado domingo viviuse nas Cíes unha escena inédita. As navieiras -as principais son Mar de Ons e Piratas de Nabia- volveron embarcar máis persoas das permitidas, pero ao chegaren a Cíes os barcos atopáronse cos gardas que, reforzados por axentes da Policía e da Garda Civil, obrigáronos a marchar. A caótica situación que recolleu Faro de Vigo deixou sen visita a arredor dunhas 2.000 persoas ás que as empresas que explotan a liña venderan os billetes sen ter en conta as normas do parque natural.
O caos na estación marítima repetiuse este luns despois de que o domingo a Policía impedise o desembarco de barcos con exceso de visitantes
O caos non quedou no domingo. Na calorosa xornada deste luns decenas de turistas encheron a estación marítima viguesa coa intención de faceren uso dos billetes que as navieiras lles venderan e comprobaron que eles tamén estaban a ser vítimas do escaso rigor das compañías. Novamente, un overbooking ante o que as empresas ofrecen alternativas diversas, dende a devolución dos cartos ata cambiar Cíes por Ons, así como priorizar o embarque das persoas que van acampar por diante de quen unicamente van pasar o día a Cíes. As viaxes ficaron suspendidas dende as 11 da mañá, segundo confirmou Vigoé, e na terminal sucedéronse as protestas e as acusacións de "estafa".
Estafa en #Vigo. Una vergüenza. @MardeOns vende billetes por encima del cupo para ir a #IslasCies. Nadie da la cara. pic.twitter.com/1t4WtGwKwX
— Alberto Castro (@alcahi) 20 agosto 2017
A Xunta anuncia "dureza" e Caballero cuestiona a súa xestión
Ante a constatación de que os expedientes e sancións aplicadas ata agora non impediron que as navieiras seguisen transgredindo as normas este luns a directora xeral de Conservación da Natureza, Ana María Díaz, asegurou que a Consellería de Medio Ambiente está disposta a actuar con "toda dureza". "A Consellería quere dar a imaxe de que vai ser absolutamente contundente pola reiteración, pola reincidencia de persoas pouco responsables" na xestión das viaxes ás Cíes, asegurou en resposta aos medios, tras revelar que a pasada fin de semana as navieiras foron advertidas por correo electrónico e mensaxes de WhatApp sobre os límites de pasaxeiros que deben respectar.
"A Consellería quere dar a imaxe de que vai ser absolutamente contundente"
"Quero deixar claro que a lei nos dá a posibilidade de sancións de 3.000 a 200.000 euros", resalta a alto cargo do Goberno galego, quen afirma que as navieiras ignoraron as súas chamadas á "responsabilidade" dos últimos días. Fixérono, admite, malia lles lembrar que a súa conduta non só pon en risco a sostibilidade do espazo natural, senón tamén a seguridade dos visitantes no caso de que suceda algún incidente.
"As navieiras actuaron fatal", pero a xestión da Xunta está a ser "catastrófica", di o alcalde vigués
A contundencia e bo facer anunciados pola Xunta non convencen o alcalde de Vigo, Abel Caballero. Tras meses de discrepancias con Medio Ambiente por lanzar unha candidatura á marxe da do Concello para a declaración das illas como Patrimonio da Humanidade o rexedor vigués censura que a Executivo non se lle "ocorrese outra cousa que parar os desembarques", a que considera como "a peor das decisións". As navieiras, resalta Caballero, "actuaron fatal", pero a xestión da Xunta está a ser "catastrófica", toda vez que ten a "responsabilidade exclusiva" de controlar as empresas.
A xuízo de Caballero os límites de 2.200 visitantes e 800 campistas "son o xeito de garantir a pervivencia deste enclave natural" e non son estes os que poñen en risco a promoción turística das Cíes, senón a "catastrófica" xestión da Xunta. "É imposible facer máis dano, estragan o traballo de moitos anos de promoción", censurou ademais de reclamar "explicacións" ao respecto por parte de Alberto Núñez Feijóo. Se a Xunta non está "capacitada" para exercer estas competencias "asúmoas eu", asegura.