Ata 350.000 euros ao día. É o que ingresou como media a empresa Autopistas del Atlántico, concesionaria española (Audasa) pola explotación da AP-9, a principal vía de comunicación terrestre do país que, grazas ás sucesivas prórrogas, está blindada por unha concesión do Goberno de España ata o 18 de agosto de 2048. Mentres se acumulan as protestas da poboación usuaria polo seu deficiente servizo, tan ignoradas como as mornas advertencias que lle son enviadas dende as administracións galega e estatal, as arcas da empresa comezan a remontar o voo tras o máis duro da crise e por primeira vez dende 2009 a recadación en peaxes foi en 2014 superior á do exercicio anterior.
Segundo a información remitida este mércores á Comisión Nacional do Mercado de Valores (CNMV) Audasa pechou o pasado ano cunha cifra de negocio de 127,8 millóns de euros. Esta recadación por peaxes é un 2% superior á do ano 2013 e sitúase en niveis semellantes aos do ano 2005, xusto no que comezou a escalada que levaría a concesionaria a tocar teito en 2009, cando chegou a recadar 156,2 millóns de euros nas súas cabinas.
A recadación aumenta un 2% e o tráfico, un 0,4%
A explicación a este incremento das recadacións da autoestrada cómpre buscala, fundamentalmente, nas sucesivas subas de tarifas autorizadas polo Ministerio de Fomento, toda vez que o tráfico non deixou de baixar dende o inicio da crise, no ano 2007, cando chegaron a circular pola AP-9 unha media de 27.000 vehículos ao día. Dende ese ano o tráfico caeu sostidamente ata 2014, cando a caída freou moi levemente ata rematar cunha intensidade media de tráfico de 20.734 vehículos ao día, un 0,4% máis que en 2013.
Mínimo histórico de persoal
O inicio da remontada na recadación por peaxes non significa que Audasa recúe nos recortes ao cadro de persoal que vén aplicando nos últimos anos. Ben ao contrario, no 2014 a concesionaria prescindiu de 6 persoas máis, quedando cun cadro de persoal de 225 traballadoras e traballadores, o menor de toda a súa historia. Para atopar uns niveis de persoal semellantes aos destes últimos anos cómpre remontarse máis de dúas décadas, a 1996, cando a autoestrada tiña 62 quilómetros menos e, no entanto, xeraba 15 postos de traballo máis. Daquela traballaban na AP-9 240 persoas e Audasa recadaba por peaxes 46,9 millóns de euros. No pasado 2014 esa recadación foi un 172% superior á daquel ano.
A sucesiva redución de postos de traballo tradúcese tamén nunha redución dos custos de persoal, que segundo a información remitida á CNMV foron os menores da última década, cun total de 9,8 millóns de euros ao peche de 2014, un millón menos que un ano antes e case dous millóns menos que no ano 2007. Mentres, as retribucións recibidas polos director xeral da empresa, Alberto Jiménez, apenas se reduciron 2.000 euros, pasando de 174.000 en 2014 a 172.000 en 2014. As achegas que recibiron os directivos en concepto de dietas mantivéronse inalteradas en 24.000 euros.
Audasa prevé seguir coa instalación de peaxes automáticas
As sucesivas reducións de persoal prodúcense nun contexto no que Audasa mantén a firme intención de incrementar as súas "vías de pago automático", que comercialmente denomina como "pago fácil". A información máis recente depositada na CNMV indica que a mediados do pasado 2014 a autoestrada xa tiña instaladas 34 destas máquinas. Malia ser utilizadas por menos de 2 de cada 10 vehículos, segundo datos da propia empresa, Audasa indicoulle ao regulador que cre "reseñable a boa acollida por parte dos usuarios" destas novas fórmulas de pagamento, que prevé seguir implantando aínda que sexan unha das fontes de retencións de automóbiles ante os valos da peaxe, que Audasa se nega a abrir aínda que provoque atrasos que, obviamente, implican pagar por un servizo deficiente.