A aposta de Caixanova nas telecomunicacións, diluída de vez no novo xigante de MásMóvil e Orange

Imaxes corporativas das antigas propietarias de R e das empresas que conforman o novo grupo de telecomunicacións CC-BY-SA Foto: Chris Ried / Unsplash | Montaxe: Praza.gal

O Consello de Ministros deu este 12 de marzo a autorización que lle faltaba á fusión de MásMóvil con Orange. Suporá, segundo os datos expostos polo ministro José Luis Escrivá, o nacemento do primeiro operador do Estado neste sector, con "máis de 30 millóns de clientes" en telefonía móbil, "máis de 7 millóns" en servizos de conexión a internet por banda larga e "máis de dous millóns en servizos de televisión".

O Consello de Ministros dá o permiso que lle faltaba á fusión de Orange con MásMóvil, propietaria de R, a antiga 'teleco' galega

No lote desta operación, valorada en case 20.000 millóns de euros e que xa ten o preceptivo visto e prace da Comisión Europea, vai o que resta do que foi un dos proxectos empresariais galegos máis singulares e innovadores na recta final do século XX. Trátase da operadora R (R Cable y Telecomunicaciones Galicia, S.A.), que nos anos 90 foi protagonista da despregadura da fibra óptica no noso país da man de, entre outras, as agora tamén desaparecidas caixas de aforro do sur.

Instalacións de R no polígono de Agrela (A Coruña) CC-BY-SA Elisardojm

O xermolo empresarial de R foi o Grupo Gallego de Empresas del Cable, creado en 1997 cos concursos públicos para a implantación desta tecnoloxía no horizonte. Caixa Galicia, o Banco Pastor ou as caixas de Pontevedra e Ourense renunciaran a formalizar unha iniciativa na que ficara Caixavigo xunto a Unión Fenosa e o Grupo Z. En 1998, a nova empresa logra as adxudicacións que procuraba e diversas compañías de varios sectores, dende a alimentación aos medios de comunicación -Estrella Galicia, Grupo Tojeiro, Jealsa ou a editora do Faro de Vigo-, sumáronse a ela.

R naceu a finais dos 90 co impulso principal de Caixanova e Unión Fenosa ao abeiro dos plans para a despregadura da fibra óptica. En plena fusión das caixas pasou a estar controlada por un fondo luxemburgués e en 2015 mercouna Euskaltel

A comezos do século XXI a protagonista do proxecto xa era a gran caixa do sur, Caixanova -resultante da fusión das entidades de Vigo, Ourense e Pontevedra-, cun 37,5% das accións, ao mesmo nivel que a eléctrica Unión Fenosa, xunto con outros participantes con porcentaxes menores. E en 1999 nacía R como marca, cunha aposta innovadora dende o deseño ata o feito de utilizar con normalidade o galego para situarse nun mercado innovador como o das telecomunicacións, ofrecendo servizos de telefonía, conexión a internet e televisión.

Nos anos seguintes -nos que o Pastor tamén volveu á empresa-, a eléctrica e a caixa seguiron sendo protagonistas en R. Así foi ata que, en 2008, Gas Natural mercou Unión Fenosa -dando lugar á actual Naturgy-. Daquela, a enerxética abandonou R e Caixanova mercoulle as súas accións ata controlar máis de dous terzos da teleco galega.

Primeiro anuncio televisivo de R (1999)

A segunda década do actual século sería a da fin da galeguidade empresarial de R. O proceso principiou en 2010, cando o fondo de capital risco luxemburgués CVC Capital Partners acadou nuns poucos meses o 70% de participacións mentres Caixanova desinvestía dentro dos plans para o nacemento da despois fracasada Novacaixagalicia. 

Dende a venda de Euskaltel en 2021, R opera como unha marca de MásMóvil. Resta saber agora cal será o seu futuro dentro do que pasa a ser o primeiro operador do Estado

Culminou en boa medida en 2015, cando R foi mercada integramente por Euskaltel, que á súa vez foi adquirida por MásMóvil en 2021. O que podería ser considerado derradeiro vestixio galego da empresa esvaeu nese punto, cando Abanca vendeu o 4,5% que controlaba na compañía vasca.

Así, como unha marca de MásMóvil, continuou a andaina de R no último trienio. Resta saber agora cales serán os plans do novo gran grupo conformado canda Orange, do que polo momento se descoñecen aspectos comerciais como a marca que empregará, para dilucidar se a que fora gran aposta tecnolóxica de boa parte do tecido empresarial galego queda ou non diluído definitivamente, tamén a efectos de imaxe. Chris Ried

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.