0 Gardados para despois

A condena do Supremo a Mangouras abre a porta ao cobro das indemnizacións

Miguel PardoMiguel Pardo | @depunteirolo


Documentos relacionados

A sala do Penal do Tribunal Supremo vén de revogar a sentenza da Audiencia Provincial da Coruña sobre a catástrofe medioambiental do Prestige. O ditame condena agora por unanimidade a dous anos de cadea ao capitán do buque, Apostolos Mangouras, por delito medioambiental logo de que a sentenza de instancia lle atribuíra unicamente un delito de desobediencia grave. Ademais, declara a responsabilidade civil da armadora e da aseguradora do petroleiro, o que abre a porta a que esta última asuma o pagamento das indemnizacións. 

O Supremo corrixe a sentenza da Audiencia e condena a dous anos de cadea a Mangouras por delito medioambiental

O ditame do Suprem mantén a absolución dos dous mariñeiros que acompañaban a Mangouras e do ex director da Mariña Mercante, José Luis López Sors -o único cargo político do Goberno acusado- do delito medioambiental. E confirma tamén a absolución da responsabilidade penal do Goberno español dunha primeira sentenza que avalara a decisión de afastar o barco da costa. Agora, a condena amplíase pero só sobre Mangouras, ao que xa lle caeran nove meses de cadea por desobediencia, delito polo que queda absolto ao incluírse o seu comportamento na consideración final. 

A condena por delito medioambiental abre a porta a que armadora e aseguradora paguen parte das indemnizacións

A sala do Alto Tribunal entende que os feitos probados xustifican xuridicamente a nova condena e engade o delito de medioambiente na súa modalidade agravada de deterioro catastrófico. Para o Supremo, Mangouras "asumiu non só unha navegación arriscada, senón que creou un grave risco, sobre todo en relación co carácter altamente contaminante da substancia que transportaba". "Un risco que excedeu o permitido e colocouse como capitán do Prestige nunha situación que lle impediu controlalo en momentos críticos", explica. 

"Deste xeito, o barco continuou botando fueloli ao mar ata que transcorridos uns días partiu", di o Alto Tribunal, que asegura que o capitán "incumpriu en consecuencia o deber obxectivo do coidado que o incumbía ao xerar riscos non permitidos e non neutralizar os provocados por outros". "E tamén o subxectivo, pois como capitán do buque estaba obrigado a advertir a presenza do perigo grave que asumiu", di. 

"Mangouras asumiu non só unha navegación arriscada, senón que creou un grave risco", di o Supremo

O Supremo aclara que o ditame realízase unicamente sobre os feitos que a Audiencia da Coruña considerou probados, un deles que a tripulación do petroleiro, incluído o capitán, descoñecía as graves deficiencias estruturais que acabaron por causar a avaría que afundiu o barco. 

 

Ábrese a porta ás indemnizacións

A resolución abre a porta a que os danos do chapapote, que tinguiu máis de 2.000 quilómetros de costa, sexan pagados cando menos nunha parte pola aseguradora do petroleiro como responsable civil. 

O Supremo aclara que Mangouras "deberá indemnizar nos termos que se fixen en execución de sentenza, na contía e de acordo aos criterios establecidos [...] na sentenza". E engade que se declara "a responsabilidade civil directa, co mesmo alcance da aseguradora (The London P&I Club), que tiña un límite de cobertura na póliza de 1 billón de dólares, e a subsidiaria de Mare Shipping Inc., propietaria do barco". Ao tempo, o Alto Tribunal aclara "igualmente" a responsabilidade civil do FIDAC (Fondo Internacional para a Indemnización de Danos Causados por Hidrocarburos) pero "cos límites establecidos no Convenio que o regula". 

A condena por delito medioambiental abre a porta ao pagamento das indemnizacións por parte da aseguradora do buque

O fiscal Luis Navajas reclamara máis de 4.000 millóns de euros de indemnizacións polos danos derivados da marea negra tras un proceso que quedara sen pagadores, máis aló das compensacións que o Estado adiantara a través do FIDAC. Tal e como aclara o fiscal de Medio Ambiente de Galicia, Álvaro García Ortiz, o límite máximo que poderá afrontar a aseguradora é o de 1.000 millóns de euros, tendo en conta as características da póliza. E será a única entidade que poida pagar, ante a insolvencia do capitán e da compañía rexistral do buque e ante un FIDAC que xa asumiu as súas achegas. 

A aseguradora tan só podería achegar unha cantidade máxima de 1.000 millóns de euros para asumir as indemnizacións

En todo caso, será agora na execución da sentenza cando se determinen as cantidades a pagar e a posibilidade real ou non de contar cos cartos desa aseguradora radicada no Reino Unido, un proceso "complexo e nada doado" que levará un tempo e que se abre tamén non só ás probas periciais xudicaiis, senón a outras achegadas. 

A Fiscalía intentaba que a sentenza fose declarada nula, pero non para que se revisase a absolución da xestión administrativa da catástrofe -e que foi posta en dúbida por peritos e polas conversas con Salvamento Marítimo gravadas naquel tempo-, senón para buscar unha condena o capitán do Prestige e volver evitar a asunción de responsabilidades do Estado. En parte logrouno. Pretendeu que a Audiencia de A Coruña ditase outra sentenza que tivese en conta cinco documentos que o fiscal consideraba "centro neurálxico" da carga probatoria, e que o ditame non tivo en conta, e que se recoñezan indemnizacións por 4.238 millóns de euros. Pero a sentenza non foi anulada, senón corrixida. 

 

Nunca Máis

Desde Nunca Máis aseguran que "é positivo que se recolla que había un delito medioambiental", como sempre reclamaron desde a plataforma, pero aseguran que "segue a exonerarse de culpa a xestión que da catástrofe fixo o Goberno", algo que "senta un precedente grave para o futuro". Esgotadas todas as vías legais, o colectivo -cuxo recurso foi desestimado- xa anuncia que é moi probable que acuda ao Tribunal Europeo de Dereitos Humanos de Estrasburgo. 

Nunca Máis lamenta que "siga a exonerarse de culpa a xestión que o Goberno fixo da catástrofe"

A asociación ecoloxista Greenpeace, pola súa banda, lamenta que "os responsables políticas da catástrofe se libren de novo de calquera sanción" e cre "evidente que o proceso, así como a sentenza actual, é un puro trámite para cubrir o expediente e, o que é peor, non evitará que outro Prestige volva producirse".

Hai tan só uns meses, nunha entrevista en Praza, o fiscal de medio ambiente de Galicia, Álvaro García Ortiz, aclaraba que a petición do Ministerio Fiscal debíase a que entendía "que a Administración non era responsable das consecuencias do vertido e que, en caso de acusar alguén, ese era o capitán e a contorna profesional do capitán, que é a armadora e todo o que arrodea ese mundo profesional do comercio de hidrocarburos marítimo sen garantías, todos aqueles que desenvolven este comercio sen os estándares de seguridade mínimos para facelo con mercadorías perigosas".

Ademais, mostrárase tamén contrario á entrada en prisión do capitán Mangouras: "Desde o punto de vista humano, parece que unha privación de liberdade nestas circunstancias non é moi proporcionado". 

A catástrofe do Prestige

© Euronews

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

A "grave imprudencia" do capitán Mangouras

O Supremo asegura que se aprecia "grave imprudencia" por parte de Mangouras por "ter acometido a que resultou ser a última travesía do Prestige na maneira na que o fixo e pola forma de afrontar a crise" logo de que unha explosión no 13 de novembro dese lugar a unha abertura pola que comezou a verter o fuel. 

O Alto Tribunal considera que o capitán "asumiu unha travesía nun momento no que o previsible, cando non seguro [...] é que tivese que enfrontarse a condicións meteorolóxicas adversas". "Fíxoo cun barco que, aínda prescindindo do seu estado estrutural, estaba envellecido e con deficiencias operativas que coñecía perfectamente", aclara o Supremo, que enumera varios dos problemas do petroleiro e que advirte que "permitiu que o buque fose sobrecargado cun exceso de máis de 2.000 toneladas de fueloil, o que provocou o conseguinte sobrecalado". 

Isto, segundo o Alto Tribunal, supuxo un grave "incumprimento" da normativa, senón "un evidente incremento do risco, nunha navegación que, "en atención ao material altamente contaminante que transportaba", esixía "máis rigorosas medidas de seguridade".

Mangouras "colocouse nunha situación na que non podía garantir a seguridade do barco ante un forte contratempo"

"Colocouse nunha situación na que non podía garantir a seguridade do barco ante un forte contratempo, como foi o fallo esrutural que determinou o colapso da maquinaria e a fractura do casco", engade o Supremo, que cre que, fose cal fose a causa da avaría, "non se pode considerar improbable, sobre todo nun barco desa antigüidade". 

Aínda máis, asegura que "nesta situación", logo de que o fallo estrutural rebentase o casco, Mangouras manobrou para salvar a forte escora "permitindo a entrada de auga de mar nos tanques", sobrecargando o barco, minguando a súa capacidade de resistencia e dificultando ao máximo o seu rescate. "Foi decisiva de cara a impedir que o barco fose controlado ata que finalmente fracturou", conclúe o Supremo, que remata que "o seu comportamento elusivo á hora de desatender as ordes da Autoridade Marítima tamén contribuíu a incrementar o risco do vertido". "O barco sen goberno derivaba cara á costa e calquera demora no seu control incrementaba as posibilidades de contaminación", di.