Nin o flotel extra previsto no estaleiro de Barreras en Vigo, nin a terminal propia no porto exterior da Coruña. Tampouco aqueles tres buques tanque, nin o atuneiro, nin o barco de apoio a plataformas petrolíferas, nin a renovación de parte da frota da petroleira. Nin moito menos aqueles dous quimiqueiros cos que Feijóo anunciaba a ampliación da colaboración entre a Xunta e a petroleira mexicana ou aqueles sete remolcadores comprometidos cos que o Goberno galego botaba a andar a súa alianza coa empresa azteca nun lustroso acto en Compostela.
Nin flotel extra, nin terminal en Langosteira, nin atuneiro, nin buques tanque: as promesas sobre Pemex quedaron en dous floteis
Fora o presidente da Xunta quen, a poucas semanas dos comicios autonómicos, bordeara a lei electoral para solemnizar o contrato con Pemex -que nunca foi público- para a construción de dous floteis en Galicia, nun acto para o que a TVG interrompeu a súa programación habitual. Máis de catro anos despois, eses dous buques foron os únicos encargos da multinacional mexicana a estaleiros galegos: un construído en Navantia, aínda por entregar, e outro en Barreras que zarpará cara ao país azteca o sábado. Antes, a empresa latinoamericana mercou por 5 millóns de euros o 51% do estaleiro vigués. Desde alí, este mércores, o director xeral da firma azteca, José Antonio González Anaya, confirmou que anulaban ese segundo flotel prometido e que tamén aprazaban sine die un investimento de 58 millóns no porto exterior da Coruña para unha terminal propia que ocuparía 30.000 metros cadrados. Eran os últimos dos proxectos anunciados polo Executivo galego que México se encargaba de chafar.
Pemex advertiulle a Feijóo que non comprarán barcos e o presidente da Xunta "entende perfectamente" que se anule o flotel
A fonda crise pola que pasa Pemex e a baixada do prezo do petróleo son as causas, segundo a empresa, deste cambio de plans que o propio presidente da Xunta leva máis alá. Tal e como recoñeceu Feijóo tras o Consello, o director da multinacional advertiulle tamén de que non comprarán barcos e que, de precisar algún, recorrerán a un aluguer ou leasing ante a súa difícil situación económica, que impide calquera investimento importante.
Preguntado pola anulación do segundo flotel, Feijóo di que "se entende perfectamente" e atribúeo ao "afundimento" dos prezos do petróleo, tras destacar que Pemex ingresa hoxe en día "menos da metade" do que ingresaba cando decidiu modernizar a súa frota, o que a levou a "conxelar" os seus plans en Galicia. Con todo, o presidente da Xunta destacou que a petroleira "seguirá participando" en Barreras, "mantendo o investimento" e "traballando" para que o estaleiro obteña unha "carga de traballo" que agora mesmo non ten.
"Se Barreras só se dedicase a facer barcos para Pemex, non tería futuro", engadiu Feijóo, que coida que o estaleiro "ten que demostrar que vai facer barcos para outros armadores", antes de advertir que hai "posibilidades reais" de que obteña "algún contrato moi superior en importe e en tonelaxe" ao desaparecido flotel".
Indignación na oposición
Desde a oposición, as reaccións son coincidentes. Cren que as malas novas confirman que as promesas anteriores da Xunta non tiñan fundamento e que a maioría delas non eran consistentes, senón parte da campaña electoral. Así, o portavoz de Industria e I+D do PSdeG no Parlamento, Abel Losada, asegura que a renuncia ao segundo flotel e á base de Langosteira por parte de Pemex "demostra que a forza dos feitos imponse aos esforzos publicitarios de Feijóo e evidencia o fracaso na súa política industrial”.
"A forza dos feitos imponse aos esforzos publicitarios de Feijóo e evidencia o fracaso na súa política industrial”, di o PSdeG
Losada lamentou que o Executivo galego demostre “estar máis preocupado por venderlle os nosos estaleiros a prezos de saldo a grupos foráneos que de incentivar e consolidar a industria naval galega”. "Mellor nos iría se se tivesen preocupado de garantir buques e de facer caso das nosas advertencias en lugar de acusar os socialistas galegos de ir contra o naval galego cando o único que queremos é construír barcos”, engadiu.
Desde En Marea, o seu deputado Antón Sánchez destaca que "a realidade é que Feijóo prometeu en setembro de 2012 uns vinte buques e o incremento no 20% do tráfico e do 15% en ingresos económicos en Punta Langosteira". "Fíxoo en vésperas das eleccións e empregando o naval electoralmente; se tivese sido máis prudente, poderíamos ser máis comprensivos, pero logo do que fixo, unha vez máis a súa credibilidade queda en entredito", engade.
"Non se cumpriu nin o 10% do que anunciara Feijóo, que usou electoralmente o naval; debería desculparse", di En Marea
Ademais, e en referencia ao argumento da crise que emprega Feijóo, Sánchez lémbralle que "houbo barcos que se ían construír en Barreras que se acabaron construíndo en México". "O que a petroleira fixo foi quedar coa tecnoloxía de aquí para logo construír no seu país", insiste quen lembra que "do que se prometeu ao que finalmente quedou non chega nin ao 10%". "Feijóo debería desculparse polo uso electoralista que fixo do sector naval", di.
Pola súa banda, Noa Presas, voceira de Industria do BNG no Parlamento, cre que as cancelacións de proxectos en Galicia por parte de Pemex "confirman o que o Bloque adiantou na Cámara xa a pasada lexislatura e o risco que para a industria galega supoñía". "É a crónica dunha morte anunciada", asegura a deputada, que lembra que Barreras "pasou dos dous milleiros de traballadores do ano 2000 aos 500, entre persoal propio e de auxiliares, da actualidade".
"As cancelacións dos proxectos de Pemex son a crónica dunha morte anunciada", advirte o BNG
"Ao final, a estratexia de Pemex foi absorber a experiencia dos estaleiros galegos e levala para fóra", engade Presas, que insta a Xunta a actuar e denuncia a súa "inacción total". "Feijóo dixo que a anterior lexislatura fora a do naval e xa vimos como foi... Medo nos dá o rural cando di que esta lexislatura vai ser o deste sector", engade tras advertir do "estratéxico" do naval para Galicia e do "desmantelamento" que está a sufrir aos poucos desde hai anos. "A folla de ruta parece clara e a menos traballadores, menos presión social vai ter o Goberno galego para apostar por un sector fundamental e con futuro", remata.
Ante esta nova promesa incumprida por parte de Pemex, tanto En Marea, como o BNG e o PSdeG anunciaron xa unha batería de iniciativas parlamentarias para que o Goberno galego dea conta do incumprimento dos anuncios de produción naval relacionados coa petroleira mexicana.