A mina de Corcoesto volve este martes ao Parlamento Europeo

Protesta contra a mina de Corcoesto © Salvemos Cabana

A mina de Corcoesto regresa ao Parlamento Europeo. No mesmo día -este vindeiro martes 24- no que unha representación das vítimas do accidente ferroviario de Angrois comparece ante a Comisión de Peticións da Eurocámara, o polémico proxecto megamineiro que a multinacional Edgewater pretendía levantar na Costa da Morte volverá ser protagonista neste organismo comunitario. 

Miranda pedirá á Eurocámara que se manteña aberta a vixilancia da UE sobre o proxecto "mentres non haxa seguridade xurídica de que non se retomará"

A portavoz do BNG no Parlamento Europeo, Ana Miranda, será quen interveña en representación da asociación Petón do Lobo co obxectivo de que a vixilancia que a UE mantén aberta desde hai anos sobre o proxecto se manteña vixente "mentres non haxa seguridade xurídica de que non se retomará a iniciativa". "Pediremos que fique aberta a denuncia ante as posibles ameazas que se manteñen sobre a zona", explica a Praza a voceira nacionalista, que fora tamén unha das que interviñera xa na orixe da petición que mantén aberto o expediente malia a paralización do proxecto levado a cabo pola Xunta. 

Miranda levará a cabo a petición para que se manteña a denuncia aberta na Eurocámara e para que se derroguen os sete dereitos mineiros que continúan vixentes sobre a comarca tras a denegación por parte da Xunta a Edgewater das tres concesións (Emilita 1221, Cidade de Landró 1454 e Cidade de Masma 1455) que conformaban o groso do seu proxecto aurífero en Bergantiños e que foron definitivamente canceladas tras a resolución do Tribunal Constitucional. No entanto, Petón de Lobo, e outras asociacións como a Plataforma pola Defensa de Corcoesto ou Salvemos Cabana, xa advertiron de novos riscos megamineiros na zona, máis aínda ao comprobaren como o borrador do texto de Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) de Cabana de Bergantiños abría a porta a novos proxectos mineiros. 

O mantemento de dereitos mineiros na zona e a porta que o PXOM de Cabana abre á megaminería mantén en alerta os colectivos

No devandito PXOM, o texto fai referencia a "proxectos ou iniciativas que se poidan levar a cabo na antiga explotación mineira da zona", o que deixa aberta a posibilidade doutra iniciativa megamineira, ademais de aumentarse no mapa a superficie das áreas de exploración e investigación mineira maís aló do que marca o propio Censo Catastral Mineiro de Galicia. Así, Ana Miranda advertirá destas referencias no PXOM de Cabana, aludirá á mobilización e rexeitamento social e advertirá dos dereitos mineiros aínda vixentes e da posibilidade "de que outro proxecto se instale na zona, xa non o orixinario de Edgwater, pero si outro semellante". 

A denuncia da asociación Petón do Lobo, que fora xa defendida e aprobada  na Eurocámara, céntrase nos riscos e o impacto duns proxectos megamineiros que "se basean en técnicas que implican o emprego de arsénico e cianuro" e que estarían situado a poucos metros dun espazo Natura 2000, así como dos "efectos ambientais devastadores destas actividades extractivas a ceo aberto". 

O percorrido da denuncia orixinaria -que se pode consultar no texto da demanda que vai á Comisión de Peticións- iníciase xa en outubro de 2012 cando foi admitida a trámite. A Comisión Europea decidiu solicitar información á Xunta para, hai agora dous anos, concluír tras os informes achegados polo Goberno galego que o proxecto da mina de ouro de Corcoesto "non se autorizará", polo que "non se puido apreciar incumprimento ningún da lexislación da UE". Con todo, o control por parte das autoridades europeas continuou malia os intentos por pechar o expediente por parte do PP.

Agora, Ana Miranda intentará que siga aberta a denuncia e a vixilancia comunitaria, ademais de realizar tamén unha petición semellante sobre o proxecto mineiro de Halkidiki, en Grecia, amosando así a solidariedade desde Galicia cunha problemática que será correspondida con alusións aos riscos en Corcoesto por parte de representantes gregos na súa quenda. 

Fondos do tícket eléctrico para a batalla xurídica contra a mineira

Porque aínda que o proxecto estea cancelado, Corcoesto nunca se foi de todo. Tras o veto definitivo da Xunta ao proxeto, a multinacional Edgewater decidiu emprender unha batalla legal. Un dos escenarios foi a Corte Permanente de Arbitraxe do Tribunal Internacional da Hai, onde a multinacional canadense litiga contra o Goberno galego argumentando que a cancelación dos dereitos de Mineira de Corcoesto transgrede un tratado bilateral de investimentos asinado entre España e Panamá a finais dos anos 90. Para facelo, canaliza o conflito non a través da súa filial galega, senón con outra empresa, Corcoesto S.A., compañía fundada no país centroamericano en agosto de 2014 a través dun bufete especializado na creación de sociedades offshore. Así, dáse a circunstancia de que esta empresa de nova creación preséntase como prexudicada por unha decisión tomada pola Xunta cinco meses antes da súa fundación.

A Xunta traspasou 150.000 euros do tícket eléctrico a afrontar a demanda pola mina de Corcoesto

Sexa como for, e tal e como desvelou Praza hai tan só uns días, a Xunta desviou uns 150.000 euros inicialmente destinados a financiar o tícket eléctrico, unha das liñas de axuda para pagar a luz de familias con poucos recursos, a esta batalla xurídica contra Edgewater. Tivo que "realizar un depósito inicial de 150.000 dólares a instancias" da devandita Corte Permanente de Arbitraxe da Haia "por mor da demanda interposta por Corcoesto S.A. contra España".

Ana M. Varela e Ana Miranda, na Comisión de Peticións © Delmi Álvarez

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.