0 Gardados para despois

A presión do PP pecha a vixilancia da UE sobre o proxecto mineiro en Corcoesto

Miguel PardoMiguel Pardo | @depunteirolo


A Comisión de Peticións do Parlamento Europeo vén de pechar o expediente que mantiña aberto sobre a  mina a ceo aberto que a multinacional Edgewater impulsara en Corcoesto. Cunha forte presión do PP -mesmo da vicepresidenta da Comisión e membro dos populares- durante a sesión, o organismo comunitario deu por cerrada a vixilancia que mantiña desde hai varios anos. Entende que a cancelación da iniciativa megamineira por parte da Xunta e a denegación dos dereitos mineiros impiden que se retome a iniciativa, malia que varios colectivos da comarca de Bergantiños advertiron de decisións administrativas que seguen mantendo a ameaza. 

Foi a portavoz do BNG no Parlamento Europeo, Ana Miranda, quen interveu en representación da asociación Petón do Lobo co obxectivo de que a petición seguise aberta. Malia a denegación por parte da Xunta á multinacional das tres concesións que conformaban o groso do proxecto aurífero, aínda hai sete dereitos mineiros vixentes sobre a comarca. Ademais, segundo lembran varios colectivos como Salvemos Cabana ou a Plataforma pola Defensa de Corcoesto, os riscos megamineiros na zona mantéñense, máis logo de comprobaren como o borrador do texto de Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) de Cabana de Bergantiños abría a porta a novos proxectos mineiros.

Miranda advertiu de que en Cabana "déixase a porta aberta a un futuro plan extractivo" dunha mina a ceo aberto

"En Cabana, epicentro do proxecto, non existen garantías de que o proxecto non se reabra, xa que se deixa a porta aberta a un futuro plan extractivo", advertiu Miranda, que foi obrigada a cambiar de idioma ao intentar expresarse en galego, e que lembrou os riscos para a saúde e medioambientais que teñen "as minas a ceo aberto", a única posibilidade "rendible" no caso de Corcoesto e que implica o uso de cianuro, "unha técnica contra a que se aprobou unha resolución na Eurocámara en 2012". 

Durante o pleno da Comisión de Peticións, os representantes da Comisión Europea reiteraron que as súas pescudas e petición de información á Xunta revelaron que o proxecto fora cancelado e que non se producía ningún indicio de infracción ao dereito medioambiental comunitario. Ante esta afirmación, tomou a palabra a vicepresidenta do organismo -e representante popular- Rosa Estarás, que acusou a Ana Miranda de "non ser neutral" e "defender antes o BNG que os peticionarios". "Se está pechado, traemos isto aquí porque non temos nada mellor que facer?", preguntou, ante o que a representante nacionalista contestou dicindo sentirse moi "honrada" de representar os colectivos sociais, aqueles "que participaron nas mobilizacións que detiveron a mina". "Non foi o PP quen logrou que se parase, senón a mobilización social", lembroulle. 

A vicepresidenta da Comisión de Peticiónsn acusou a Ana Miranda de "non ser neutral" por "defender o BNG antes cós peticionarios"

Pola súa banda, o representante galego do PP, Millán Mon, tamén cargou contra Miranda e aludiu aos "intereses políticos" como a razón para levar a petición sobre Corcoesto a Eurocámara e "perder o tempo". Desde o grupo confederal da Esquerda Unitaria Europea, Marina Albiol pediu manter a vixilancia aberta "porque hai posibilidades de que o proxecto se retome", ao igual que Ángela Vallina, que reparou no feito de que sexan "sempre empresas canadenses as que intenten abrir estas minas agora que poderán pedir indemnizacións nun futuro polo tratado que a UE asinará co seu país". 

Malia estas solicitudes, o presidente da Comisión de Peticións deu por pechado o caso e recomendou aos peticionarios galegos que "volvan se o proxecto se retomase". "Sempre teñen essa posibilidade aberta", rematou. 

O presidente da Comisión decretou o peche do caso malia que a Esquerda Unitaria se uniu á solicitude de Miranda

O percorrido da denuncia orixinaria iniciouse xa en outubro de 2012 cando foi admitida a trámite. A Comisión Europea decidiu solicitar información á Xunta para, hai agora dous anos, concluír tras os informes achegados polo Goberno galego que o proxecto da mina de ouro de Corcoesto "non se autorizará", polo que "non se puido apreciar incumprimento ningún da lexislación da UE". Con todo, o control por parte das autoridades europeas continuou malia os intentos por pechar o expediente por parte do PP, que si conseguiu agora fechar o caso. 

Ana Miranda, como representante dos peticionarios, realizou tamén unha petición semellante sobre o polémico proxecto mineiro de Halkidiki, en Grecia, amosando así a solidariedade cunha problemática parecida. A petición sobre a iniciativa no país heleno quedou aberta, ademais de reclamarse á Comisión Europea e a Atenas máis información sobre a mina.

Ademais, Lídia Senra, eurodeputada galega de AGEe integrada no Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea, pediu unha "acción contundente" do Parlamento Europeo para rexeitar que os dereitos das empresas mineiras estean por riba da protección da saúde das persoas, da vida do pobo galego e da preservación do medio ambiente".

 

Fondos do tícket eléctrico para a batalla xurídica contra a mineira

Aínda que o proxecto estea cancelado, Corcoesto nunca se foi de todo. Tras o veto definitivo da Xunta ao proxeto, a multinacional Edgewater decidiu emprender unha batalla legal. Un dos escenarios foi a Corte Permanente de Arbitraxe do Tribunal Internacional da Hai, onde a multinacional canadense litiga contra o Goberno galego argumentando que a cancelación dos dereitos de Mineira de Corcoesto transgrede un tratado bilateral de investimentos asinado entre España e Panamá a finais dos anos 90. Para facelo, canaliza o conflito non a través da súa filial galega, senón con outra empresa, Corcoesto S.A., compañía fundada no país centroamericano en agosto de 2014 a través dun bufete especializado na creación de sociedades offshore. Así, dáse a circunstancia de que esta empresa de nova creación preséntase como prexudicada por unha decisión tomada pola Xunta cinco meses antes da súa fundación.

A Xunta traspasou 150.000 euros do tícket eléctrico a afrontar a demanda pola mina de Corcoesto

Sexa como for, e tal e como desvelou Praza hai tan só uns días, a Xunta desviou uns 150.000 euros inicialmente destinados a financiar o tícket eléctrico, unha das liñas de axuda para pagar a luz de familias con poucos recursos, a esta batalla xurídica contra Edgewater. Tivo que "realizar un depósito inicial de 150.000 dólares a instancias" da devandita Corte Permanente de Arbitraxe da Haia "por mor da demanda interposta por Corcoesto S.A. contra España".

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.