A espera para operarse empeora a respecto de hai un ano e segue por riba dos 60 días que fixa a lei

Evolución da lista de espera cirúrxica e límite de 60 días imposto por lei CC-BY-SA Praza Pública

Tamén aumenta a demora das consultas de especialistas, que pasa de 35 a 38 días

Desde 2014 a Consellería de Sanidade deixou de dar os datos da espera sanitaria para operarse ou para consultas de especialistas catro veces ao ano e agora só os ofrece en dúas ocasións. Ao pasar de ofrecer as cifras de xeito trimestral a facelo por semestres, a Xunta evita que queden patentes os tradicionais malos resultados dos terceiros trimestres, os que inclúen o verán coas vacacións do persoal e o peche de instalacións, e pola contra segue a poder publicitar os habitualmente bos resultados do momento inmediatamente anterior, o primeiro semestre do ano, que vén de rematar. Esas son as cifras que o Goberno galego fixo públicas este venres, pero tamén nesa primeira parte do ano tradicionalmente máis favorable hai desta volta un empeoramento.

A 30 de xuño a espera media para operarse en toda Galicia era de 61,6 días, fronte aos 62,2 días que se rexistraban xusto un ano antes. A cifra está por riba do máximo de 60 días que estableceu o PP na Lei de Garantías Sanitarias que aprobou en 2014, límite que a Xunta aínda non foi capaz de rebaixar.

No hospital concertado Povisa de Vigo hai que agardar 86 días para operarse, mentres que a peor cifra para as consultas externas rexístrase na área sanitaria de Ferrol, con 49 días

Estas cifras, coma vén sendo habitual, están condicionadas pola espera moi superior ao do resto de hospitais públicos que rexistra o hospital concertado Povisa en Vigo. Alí a espera media cirúrxica é agora de 86,1 días, lixeiramente inferior aos 87,4 días de hai un ano. Se non se ten en conta o hospital vigués, a media de espera no resto do servizo sanitario galego sería de 59,8 días, xusto no límite establecido pola lei.

Canto á espera para as consultas de especialistas, esta tamén empeora e a cifra media é agora de 38,3 días, fronte aos 35,2 días de hai un ano. A peor situación nese ámbito das consultas externas prodúcese na área sanitaria de Ferrol, onde a espera media ascende a  49,2 días, fronte aos 48,7 de hai un ano.

Malia este empeoramento xeral das cifras, a Xunta salientou este venres que Galicia está entre as comunidades con menos espera de toda España, da que ofreceu os datos de decembro, cunha espera media daquela de 115 días, fronte aos 68,3 que rexistraba o Sergas hai medio ano.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.