Extinguido en Cervantes o último foco da vaga de incendios tras dez días a arder

Incendio en Cervantes o luns día 16 CC-BY-SA Praza Pública

A fin de semana do 14 e 15 de outubro a Consellería do Medio Rural revelou que entre múltiples incendios que ardían en Galicia figuraba un na parroquia de Noceda, no Concello de Cervantes. A última vez que a Xunta se referira a el ata ese foco indicara, xenericamente, que a superficie afectada por ese incendio superaba as 20 hectáreas. A últimas horas destes martes a Consellería emitiu un comunicado para confirmar que, dez días despois, o incendio de Noceda xa fora extinguido.

Canto ardeu nese foco segue a ser unha incógnita, alén de que foron máis de 20 hectaŕeas, pero si é posible afirmar que xa foron dados por extinguidos os incendios que o Goberno galego considerou como parte da vaga de lume que acadou a súa maior intensidade entre os días 15 e 17. Sempre segundo a información oficial, eses días arderon en total unhas 35.500 hectáreas -un 70% máis que en todo 2016 e practicamente a metade que na vaga de incendios de 2006, que durou dúas semanas-.

En Cervantes avalíanse xa dende hai días os efectos do lume na contorna, de alto valor ecolóxico. Así, o alcalde do municipio, Benigno Gómez, explicou durante os traballos de extinción en declaracións a Praza.gal que as "linguas de lume" que atinxiron a zona, de "varios quilómetros", provocaran perdas "irrecuperables" en zonas arborizadas. "Perdemos castiñeiros de 500 ou 600 anos" e outras especies como acivros. "Terán que pasar moitos anos para recuperar isto", resumía.

O lume arrasou en Cervantes "castiñeiros de 500 ou 600 anos" e outras especies de alto valor ambiental

Isto sucede nun contexto no que as dúas detencións ligadas á vaga de incendios acreditan que Medio Rural segue a ocultar un número indeterminado de focos en aplicación da política informativa reinstaurada en 2009 co retorno do PP á Xunta. Non en van en ningún dos comunicados do Goberno figurou  o incendio neglixente dunha hectárea nos Blancos polo que un home foi enviado a prisión preventiva. Tampouco informara Medio Rural do incendio de Mos, de dúas hectáreas, polo que está investigada a anciá de 73 anos que admitiu que o prendera para queimar maleza na súa leira, neglixencia que xa cometera cando menos en dúas ocasións máis en anos anteriores, segundo a Vicepresidencia da Xunta.

Feijóo conclúe en Madrid que "todos" foron "intencionados"

Feijóo, no acto de Alcobendas con Cristina Cifuentes nunha imaxe difundida pola presidenta madrileña nas redes sociais

O presidente da Xunta afirma a "intencionalidade" de "todos" os focos e proclama nun acto en Alcobendas que "pronto veremos unha Galicia máis verde que nunca"

Mentres as diferentes Administracións poñen en marcha os mecanismos de compensación para as poboacións e persoas afectadas e, no ámbito policial e xudicial, seguen as investigacións sobre o acontecido, Goberno galego e PP reiteran a tese de que a vaga de lume tivo unha única causa, a delincuencia. Nesa teoría teimaba este martes o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, no marco dun acto de partido no municipio madrileño de Alcobendas, onde o PP local o galardoou cun dos seus premios Populares. Segundo Feijóo é posible afirmar que "todos" os incendios da vaga foron "intencionados".

"Todos os incendios daquela madrugada son intencionados; xa sexa porque o orixinal foi intencionado" ou porque "como consecuencia do vento, se propagou a outro incendio" e "trae causa dun intencio orixinal intencionado", declarou o presidente. Xunto a esta conclusión Feijóo admite, non obstante, que "a quen lle corresponde declarar a intencionalidade é aos axentes forestais" que "seguían minuto a minuto os 264 incendios que, de forma sucesiva, se ían prendendo". Así e todo, proclamou no transcurso do acto, "pronto veremos unha Galicia máis verde que nunca".

Incencio en Cervantes CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.