A presión social fai recuar ao goberno do PP en Touro no seu apoio ao megaproxecto mineiro

Protesta antes do pleno do Concello de Touro © SLG

Como ocorrera coa paralizada mina a ceo aberto de Corcoesto, o megaproxecto para extraer cobre que se prevé en Touro e O Pino está a apañar centos de alegacións, mobilización social en contra e rexeitamento da oposición política ante o visto e prace do PP. Os populares, neste pasado mércores, tiraron da súa maioría no Parlamento para desbotar a solicitude de En Marea -que contou co apoio do BNG e a abstención do PSdeG- para deter a iniciativa empresarial que quere reactivar a mina de cobre e que se denegue a autorización ambiental nunha zona aínda danada pola actividade mineira anterior de hai máis de 30 anos. Con todo, o Concello de Touro gobernado polo PP xa non é tan contundente, ao rexeitar especificamente esta iniciativa logo de presentar numerosas alegacións e advertir do seu risco. 

No pleno extraordinario celebrado este xoves no Concello de Touro a petición do BNG e do PSdeG abordouse tamén o polémico proxecto mineiro. E o PP local deu marcha atrás. Ateigado de veciños da localidade e doutras afectadas convocados pola plataforma contra a mina, debateuse unha moción do Bloque que propuña a aprobación de tres puntos: trasladar á Xunta de Galicia o rexeitamento da corporación á iniciativa, solicitarlle ao Goberno galego a denegación da apertura da actividade e demandarlle que obrigue ao titular da concesión á restauración dos solos e das augas contaminadas pola anterior mina en activo. A moción foi rexeitada cos votos en contra do PP, que goberna a localidade, e a abstención do PSOE. 

O pleno do Concello de Touro aproba unha moción na que non se rexeita a actividade mineira pero si este proxecto en particular

No entanto, o PP si aprobou a mesma proposta tras incluír unha emenda que modifica o segundo punto para manifestarse en contra "deste proxecto" en particular, aínda que non da actividade mineira. Desta vez votou en contra o BNG, que aclarou que "non era o que se buscaba", pero que si destacou que "a presión social" obrigara o goberno local "a dar ese paso". Para a plataforma veciñal, ese cambio "é moi importante por moi pequeno que sexa" porque, segundo din, a mobilización "xa fai que o PP local pase a bóla á Xunta".

"A mobilización xa fai que o PPp de Touro lle pase a bóla á Xunta", di a plataforma veciñal 

"O propio goberno local viuse na obriga de contradicirse para presentar unha emenda á moción que finalmente se aprobou cos seus votos e que
pecharía as portas ao proxecto presentando no DOG o pasado 25 de agosto", lembro o colectivo que agrupa os veciños, que xuntou unhas 200 persoas en contra do proxecto mineiro nun pleno que o goberno local "tardou en abandonar" para "contestar con sorrisos aos berros contra a mina". 

Queda por ver agora a reacción tanto do Goberno galego como do PPdeG. De feito, nos vindeiros días, logo da petición da oposición, o Concello do Pino tamén celebrará outro pleno extraordinario no que se debaterá a posición sobre o polémico proxecto. "Todo depende da Xunta e dos seus órganos", advirte a plataforma. 

Todo ocorreu un día despois de que a entidade científico-ecoloxista Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN) fixo públicas as súas alegacións, que se uniron ás de veciñanza, outros colectivos e concellos afectados, para advertir das graves “deficiencias e contradicións” do estudo de impacto ambiental presentado por Atalaya Mining, xigante mineiro que pretende explotar o xacemento. No documento, avísase do "grande impacto sobre a auga e os ecosistemas acuáticos" do proxecto e da desaparición de cinco depósitos e uns 20 mananciais, ademais de alertar da nula información sobre "concentración de metais e metaloidos potencialmente perigosos".

As alegacións da SGHN advirte das graves "deficiencias e contradicións" do estudo de impacto ambiental presentado pola empresa

 

Un informe demoledor

En canto aos depósitos de estériles, a SGHN afirma que esas "balsas de lodos permanentes, contidas por diques de 2.806 e 3.187 metros de lonxitude e alturas de ata 74 e 81 metros" supoñen un enorme risco porque, "no caso de fallar", tal e como se recoñece e rodeando por dous dos tres lados a aldea de Arinteiro e a 250 metros das casas, as consecuencias serían moi graves "en canto a perda de vidas humnas, danos ao medio ambiente e perdas económicas". 

Tamén advirte a entidade que o estudo da multinacional mineira non menciona que a menos de un quilómetro da contorna da explotación hai unha vintena de núcleos de poboación, unha gardería, unha residencia da terceira idade, unha piscina municipal, unha área recreativa, o Centro de Interpretación do Río Ulla ou o centro de Protección Civil", que estarían afectados por "vibracións de seis voaduras diarias". Ademais, a SGHN avisa dos danos ao patrimonio arqueolóxico e cualifica de "pouco rigoroso" o estudo socio-económico por incluír “datos erróneos, contraditorios ou desactualizados” e sobreestimar "nun 20%" os empregos directos reais que crearía a mina e “subestimar en máis dun 50% a importancia do tecido produtivo do sector primario” na zona.

O goberno local de Touro apoia o megaproxecto mineiro pero presentou alegacións que advirten de graves riscos na zona

O caso é que ás alegacións de entidades ecoloxistas, ambientais e veciñais uníronse outras como as devanditas presentadas polo propio Concello de Touro, cuxo goberno local do PP apoia decididamente o proxecto. Con todo, como lembra a plataforma veciñal Mina Touro-O Pino Non, no informe advirte de que a actividade da mina pode afectar "infraestruturas ligadas ao consumo de auga no municipio, poboación e vivendas situadas nas proximidades, hábitats naturais e vexetación e fauna asociada, elementos naturais da contorna directa e actividades asociadas como o río Ulla, elementos do patrimonio cultural ou centros socioculturais", ademais de supor "un agravamento do problema ambiental de drenaxe ácido da mina". De feito, a administración local pon en dúbida a captación da auga e a calidade da mesma, a falla do muro principal, as deficiencias na lexislación considerada, o plan de xestión de residuos, os vertidos de auga á rede hidrográfica ou o proxecto de restauración. 

Desde a plataforma veciñal, o seu portavoz, Rubén Souto, insiste en que "non" confían nos "argumentos de Atalaya Mining", empresa contra quen gobernos ou a propia Fiscalía "abriron expedientes e investigacións pola súa actuación en Riotinto" e que tamén, di, "prometeu cifras de emprego que logo non cumpriu" noutros proxectos.

Os receos aumentaron nas xuntanzas que a multinacional mantivo cos cidadáns dos municipios afectados. A ameaza ás comarcas agrogandeiras e ao seu modo de vida, o impacto medioambiental e os enormes riscos dos que alertan seguen a mobilizar "cada vez máis xente", di o colectivo, que xa mantivo xuntanzas con todos os grupos políticos da Cámara galega. Ademais, advirten, movementos como a aparición dun helicóptero VTEM (Versatile Time Electro-Magnetics) sobrevoando durante varios días os concellos de Touro e O Pino na busca de cobre "faille ver á xente que o proxecto está máis achegado e consolidado do que pensaban". Este é  un método electromagnético aerotransportado para localizar material mineral en ata 700 metros de profundidade. 

Zona mineira en Touro onde se prevé o proxecto © Atalaya Mining

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.