Oposición e grupos feministas esixen a retirada da "frívola" campaña da Xunta polo 25-N

Presentación da campaña da Xunta polo Día Internacional contra a Violencia de Xénero © Xunta

O vindeiro 25 de novembro conmemórase o Día Internacional contra a Violencia de Xénero. Co gallo desa xornada, a Xunta presentou o pasado sábado a súa campaña baixo o lema O máis grande de Galicia non se maltrata. No cartel, do que se distribuirán 35.000 copias por todas as vilas e cidades galegas, aparecen tres mulleres erguéndose tal xigantes sobre os monumentos máis importantes das urbes do país, como a Catedral de Santiago, a Muralla de Lugo ou a Torre de Hércules. Ao pouco de ser presentado, agromaron as críticas tanto desde a oposición como desde colectivos feministas, que denuncian a "cousificación", a "frivolidade" e o "paternalismo" da mensaxe, así como que non se aborden "nin causas, nin medidas nin solucións contra a violencia machista". 

A campaña 'O máis grande de Galicia non se maltrata' amosa tres mulleres xigantes erguéndose xunto monumentos senlleiros do país

A campaña, tal e como destacou a secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella, desenvolverá accións en prensa, radio, televisión e redes sociais desde o próximo mércores e ata o domingo 26 e o anuncio completo poderase ver na TVG o día 17. No entanto, tanto En Marea como BNG piden xa a súa retirada con iniciativas desde o Parlamento e son numerosas as voces que dentro da oposición política e do movemento feminista censuraron a mensaxe. 

"As mulleres nin somos obxectos nin monumentos, deixen de cousificarnos desde a Xunta por favor, non somos patrimonio de ninguén", advertía xa a fin de semana nas redes sociais a concelleira de Igualdade da Coruña, Rocío Fraga. "Ante este despropósito a Xunta debe retirar esta contraproducente campaña. Paternalismo e cousificación tamén son machismo", dixo Ana Pontón, voceira nacional do BNG. "Vergoña de cartaz e de campaña! Canta ideoloxía subliminal patriarcal!", aseguraba a deputada de En Marea Alexandra Fernández. "Vergoñenta a campaña da Xunta ao redor do 25 de novembro. Tres mulleres coma obxectos e mensaxe infantil e estúpida. Cómpren protestas xa", insistía a escritora e activista feminista María Reimóndez. Son só algúns exemplos do balbordo que levantou o cartel. 

En Marea e BNG piden a retirada da campaña por "paternalista e frívola" e por "cousificar" as mulleres

Desde o BNG, este luns, Pontón insistiu en rolda de prensa en que a campaña "atenta contra a dignidade das mulleres" por "reproducir os estereotipos machistas" e instou a Xunta a "retirala". En Marea tamén pediu a súa supresión e culpou o Goberno galego de "seguir sen entender o que significa realmente a violencia machista". 

"Esta campaña non aborda nin as causas da violencia machista, nin o machismo, nin as posibles solucións, nin medidas concretas no ámbito da prevención ou a educación esenciais para rematar con este tipo de violencia", asegura En Marea, que critica a "visión patriarcal das mulleres" que se dá no cartel ao "comparalas cuns monumentos, cun patrimonio material que hai que protexer, como se as mulleres fosemos cousas ou obxectos sen máis". Por iso, cualifican a mensaxe de "lamentable e vergoñenta" por "non reflectir nin achegar nada positivo". 

Leiceaga cualifica o cartel de "torpeza" e Carmela Silva cre que é "un gravísimo erro"

"É inconcibible como se formula esta campaña e demóstrase que, cando non cres en algo nin entendes a reivindicación, o único que fas é cubrir o expediente, como así foi", destaca Ana Seijas, responsable da área de Feminismos de En Marea. A deputada da formación Paula Quinteiro engade que o cartel elixido "desprende machismo e paternalismo". 

Pola súa banda, Xoaquín Fernández Leiceaga, portavoz parlamentario do PSdeG, ve no cartel "unha torpeza que se debería corrixir". "Non é un acerto, préstase a interpretacións cousifiadoreas da muller", engadiu quen amosa a súa "preocupación" polos "erros" da Xunta en diversas campañas institucionais. Polo PP, o voceiro Pedro Puy resalta que só é "continuidade" coa elaborada o 8 de marzo e cre que o importante é a "concienciación". 

Feijóo agárrase ao acordo contra a violencia de xénero no Parlamento para evitar valorar as críticas ao cartel

Desde o BNG, a deputada Noa Presas di que "por desgraza, sorprender non sorprende a campaña" e alude á "moi parecida" levada a cabo o pasado 8 de marzo. "O agravante agora é que falamos do 25-N, de violencia machista e dunha posibilidade para concienciar e abordar un tema tan grave", di a parlamentaria, que cualifica o cartel de "exercicio de frivolidade, cun enfoque paternalista e cousificante, sen pés nin cabeza". "Ademais, ocúltase o sentido da campaña porque véndoo o que podes pensar é que é de turismo e non contra a violencia machista; non cumpre coa súa función e iso é grave", engade antes de "confiar" en que a difusión viral das críticas faga recuar ao Goberno "ao igual que ocorreu con aquel anuncio turístico que amosaba residuos tóxicos" e que acabou sendo retirado. 

Tamén desde a Deputación de Pontevedra, a súa presidenta, Carmela Silva, cualificou de "gravísimo erro" a campaña. "Non pode ser menos acertado, cousificando as mulleres cando xa son 50 as asasinadas no que vai de ano", dixo tras pedir "rigor" á Administración galega. 

 

A Xunta non recúa e pide á oposición que "rectifique"

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, advertiu de que a campaña "é moi parecida á do 8 de marzo" e destaca que "daquela non houbo problemas pero agora hai quen quere buscalos". Ademais, agarrouse ao acordo alcanzado no Parlamento galego e no Congreso contra a violencia de xénero. "Mantéñoos e deféndoos e non vou entrar noutras cuestións", dixo ao ser preguntado polo polémico cartel. Mentres, En Marea presentaba unha proposición non de lei no Parlamento pedindo a retirada da campaña, algo que tamén tiña previsto facer o Bloque. 

A secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella, respondeu ás críticas asegurando que “tratar de ver nesta campaña que se está utilizando a muller como unha cousa, como un patrimonio, é retorcer absolutamente as cousas”. Lonxe de rectificar, a titular do departamento da Xunta pide que o faga a oposición. “Gustaríame que En Marea e o BNG rectificasen e respectasen unha campaña ben intencionada”, dixo, tras destacar que a muller galega é "grandiosa". 

A secretaria xeral de Igualdade cre que ver nan campaña "cousificación" das mulleres é "retorcer as cousas" e pide a BNG e En Marea que "rectifiquen"

Ademais, desde as organizacións feministas tamén se criticou con dureza a campaña. A Plataforma Feminista Galega expresou nas redes que, "unha vez máis" ten que "exixir ás administracións que quen deseña as campañas sexa alguén que realmente saiba sobre o tema e que teña sensibilidade e empatía". "As mulleres non somos obxectos, monumentos ou patrimonio histórico", defende. 

"Esiximos ás administracións que quen deseña as campañas saiba do tema e teña sensibilidade", di a Plataforma Feminista Galega

Pero, polo momento, a campaña segue o seu camiño e a Xunta xa anunciou que "por vez primeira" facilitará aos 313 concellos do país carteis personalizados (que inclúen o nome de municipio en lugar do de Galicia no cartel) a través dunha páxina web. Esta expansión chega xusto cando a campaña En negro, contra as violencias, iniciada hai tres anos polo Concello de Santiago como Compostela en Negro, conte con chegar este ano a 70 concellos e máis de 3.000 establecementos comerciais e entidades sociais logo de espallar tamén a súa mensaxe a pasada semana no Parlamento europeo en Bruxelas

O alcalde de Santiago, Martiño Noriega, preguntado pola polemica di preferir "quedar coa campaña" lanzada desde o concello compostelán porque "teceu ree e converteuse nunha campaña de país". "Doutras campañas prefiro non falar", remata. 

Cartel da campaña da Xunta polo 25-N © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.