Un cento de novas para repasarmos 2017

Dominio Público Praza Pública

O ano 2017 foi ben intenso informativamente. A política galega, os incendios forestais, a situación en Catalunya ou a persistente vaga expansiva da crise económica ocuparon infinidade de titulares e tamén inzan os resumos das noticias para resumir o acontecido nos últimos doce meses. Os criterios para sintetizar uns feitos tan inmensos son diversos e ofrecen facianas diversas da realidade. Desta volta en Praza.gal eliximos un: o da nosa audiencia. A ela acudimos para recuperarmos as cinco informacións máis lidas de cada mes e, con elas, conformarmos unha cronoloxía do 2017.

As consecuencias ambientais e políticas da vaga de lume de outubro ou a investigación xudicial ao máximo responsable forestal do Goberno galego, revelada por este diario, conviven nesta liña de tempo coa praga da couza da pataca ou os ataques á liberdade de expresión. Tamén coa loita contra a violencia machista ou a reivindicación da memoria histórica e mais da transparencia na Administración pública.

No ano do noso quinto aniversario tamén suscitaron gran atención outras novas se cadra máis pequenas, pero que nos impulsaron a ollarmos a partes e facetas do país que ás veces nos pasan desapercibidas: foi o caso da emerxencia do castro Candaz entre as augas de Belesar, a tecnoloxía que nos permite comparar o presente e o pasado das nosas cidades ou os currículos que ficaron abandonados en caixas tras seren entregados con ilusión por centos de persoas nunha feira de emprego. Velaquí un resumo máis, o noso que tamén é voso. Un cento de pílulas de memoria para levar ao 2018.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.