O monte veciñal de Froxán, en Lousame, é un exemplo internacional. O pasado ano a ONU distinguiuno xunto a outro monte de Covelo como exemplo de xestión comunal e xa foi protagonista de fitos como librar unha aldea da enorme vaga de incendios de 2006 grazas á carballeira que deu en protexer o núcleo de poboación. Esta comunidade de montes está agora inmersa nun novo reto xunto á organización ecoloxista Verdegaia e mais a Sociedade Coluna Sanfins: tornar dez hectáreas de monte inzado de eucaliptos nun espazo para árbores frondosas autóctonas. A iniciativa desenvolveuse a través dunha campaña de micromecenado que xa comeza a dar froitos. Está en marcha a "placaxe ao eucalipto".
Este sábado, 20 de xaneiro, foi o primeiro día no que o proxecto No corazón unha árbore pasou das redes e das xuntanzas ao propio monte. Unhas 160 persoas pasaron polo monte de Froxán para plantaren un milleiro de árbores na primeira hectárea na que as frondosas autóctonas van remudar os eucaliptos. O primeiro grupo foi dunhas 35 persoas voluntarias, entre elas as xogadoras do equipo feminino do Vigo Rugby Club e mais unha decena de activistas de Verdegaia.
Un intre dos traballos en Froxán / Coluna San Fins
No Ramo Curvo, unha área con "fondura de terra negra e fértil", explican, o grupo de voluntariado plantou carballos, cerquiños, bidueiros, cereixeiras, freixos e castiñeiros. Contra o mediodía o primeiro grupo baixou do monte e foi substituído por outro máis numeroso no que destacaban unhas 60 nenas e nenos da Escola Semente de Santiago coas súas familias. Para a rapazad a xornada foi todo un xogo: os trasnos Toxo e Cachopo guiáronos polo monte onde colaboraron arrincando xermolos de acacia negra e eucalipto e, os máis grandiños, plantando nogueiras, castiñeiros e cereixeiras. Pola contorna tamén apareceu a bruxa Pitoña cunha apócema que resultou ser chocolate ben quente.
A rapazada tamén bota unha man no proxecto / Columna San Fins
Para a Comunidade de Conservación de Froxán o día foi "intenso e memorable" e xa prepara a segunda xornada de traballos para o día 4 de febreiro. "Veremos así, xa nesta primavera, máis de 2.500 árbores autóctonas plantadas e 20.000 metros cadrados libres de eucaliptos e acacias", explica. Ao pé das novas árbores colocaranse pedras cos nomes das persoas que colaboran no proxecto, e "cada árbore ou espazo amadriñado" terá o seu espazo informativo na web Biodiversidade Ameazada. Ao tempo, iranse publicando todos os detalles dos gastos económicos da primeira hectárea mentres a campaña de micromecenado segue adiante tras "alcanzar xa o segundo chanzo de 10.000 euros.
O grupo impulsor da iniciativa lembra que está aberto a novas incorporacións, tanto con achegas económicas como colaborando nas próximas xornadas de plantación. O correo electrónico da Columna Sanfins é o camiño máis curto para se anotar. "O obxectivo final -lembran- son 10 hectáreas e 13.000 árbores" frondosas no monte de Froxán.