Durante a crise económica, a comunmente chamada pobreza enerxética estendeuse entre capas máis amplas da poboación. Ás dificultades que atravesaban moitos fogares uniuse o forte incremento dos prezos da electricidade na última década. Aínda que nos últimos tres anos a proporción de persoas que se atopan nesta situación en Galicia diminuíu lixeiramente, os últimos datos amosan que son aínda moitos as familias galegas que non poden manter as súas vivendas a unha temperatura axeitada (o criterio habitualmente empregado para valorar e cuantificar esta pobreza enerxética). En inverno, sobre todo nas súas semanas máis frías, coma as que estamos a vivir, é cando este problema é máis grave e os seus efectos máis claros.
A pobreza enerxética afecta a entre 245 mil e 442 mil persoas en Galicia, en función das estatísticas achegadas por INE e IGE, que manexan porcentaxes entre o 9% e o 16% da poboación galega. Estas cifras chegaron a ser do 14% e do 21% entre 2013 e 2014, os peores anos da crise económica. Cómpre ter en conta que entre 2007 e 2014 a factura eléctrica dun fogar medio en España se incrementara un 76% e a factura do gas natural un 35%.
A factura eléctrica media incrementouse nun 10,7% en 2017, situándose nos 75,52 euros mensuais
Dende entón os prezos non crecen tanto, pero seguen altos. De feito, a factura da luz leva dous anos experimentando novas alzas, achegándose o valor medio pagado por cada fogar en España aos 80 euros mensuais, unha cifra que xa superou entre 2012 e 2013, en 2015 e a comezos de 2017. Facua denuncia que a factura do/a usuario/a medio/a (366 kWh de consumo mensual e 4,4 kW de potencia) encareceuse o ano pasado en 87,78 euros, crecendo un 10,7% con respecto a 2016, ata os 75,52 euros mensuais (68.20 euros mensuais en 2016). Nos vindeiros meses os fogares galegos pagarán máis (aínda) polo recibo da luz, despois de que o Ministerio de Enerxía certificase a suba no recibo da luz en Galicia para compensar as eléctricas polo pago de impostos medioambientais.
A Xunta conta cun tícket eléctrico pensado para axudar a pagar a electricidade a aquelas familias con poucos recursos. Esta axuda, incrementada pouco antes das eleccións municipais de 2015, era duns 180 euros, equivalente ás facturas de electricidade de dous meses e medio ao ano (cun importe superior, iso si, para familias numerosas). Alberto Núñez Feijoo destacara daquela que este ticket eléctrico podía ter "ata 40.000 familias beneficiarias" no canto das 15.000 inicialmente previstas. En 2016 a partida orzamentaria para este bono era de 2.1 millóns de euros.
“Probablemente non había esa dificultade de pobreza enerxética que inicialmente tiñamos prevista”, dixo o presidente da Xunta
Porén, finalmente o ticket eléctrico só beneficiou a 5.000 fogares e a Xunta destinou unha parte importante dos cartos que reservara para este obxectivo a outros usos, empregando só o 20% en loitar contra a pobreza enerxética. No ano 2017 o Goberno galego reduciu nun 62% a partida dedicada ao ticket eléctrico. O pasado mes de marzo, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo xustificou que se deixase de usar ese 80% do orzamento en que “probablemente non había esa dificultade de pobreza enerxética que inicialmente tiñamos prevista”.