A loita contra a eucaliptización e os seus efectos, protagonista dos Premios Osíxeno e Dioxina

Destrución do patrimonio arqueolóxico por parte da industria do eucalipto © Mariña Patrimonio

ADEGA deu a coñecer este luns as persoas e colectivos gañadores dos Premios Osíxeno e Dioxina, que sinalan as mellores e peores actuacións ambientais do pasado ano, e que chegan á súa 17ª edición. Na parte positiva, o Premio Osíxeno 2017 en categoría individual foi para Manuel Miranda, presidente de Mariña Patrimonio "polo seu compromiso e activismo en defensa do patrimonio galego e contra o espolio da industria pasteiro-enerxética". E o Premio Osíxeno 2017 en categoría colectivo recoñece o traballo das comunidades de montes de O Covelo, Coruxo, e Froxán e do Casal de São Simão (Portugal) "polas súas actuacións a prol doutros modelos máis sustentábeis para e xestión dos montes, contra os lumes e a eucaliptización".

Ademais, este ano o premio Osíxeno de Honra quere recoñecer o traballo e a traxectoria en defensa do ambiente e do patrimonio de Agustín Ferreira, fundador de ANABAM (Asociación Naturalista do Baixo Miño) e da Asociación Cultural Guardesa.

As comunidades de montes, premiadas polas súas actuacións a prol doutros modelos máis sustentábeis para e xestión dos montes, contra os lumes e a eucaliptización"

Na parte negativa, o Premio Dioxina 2017 en categoría individual recaeu no conselleiro de Industria, Francisco Conde, por ser "o máximo responsable do departamento que promoveu a proposición de lei de fomento da implantación de iniciativas empresariais, máis coñecida como Lei de Depredación". Ademais, o Premio Dioxina 2017 en categoría colectivo sinala os dirixentes políticos da Consellaría do Medio Rural "polo seu desleixo na salvagarda da Lexislación de Montes e a súa conivencia co lobby pasteiro-enerxético, que mesmo provocou a eucaliptización de lugares tan emblemáticos como o Pedregal de Irimia".

Os premios entregaranse no decurso dun xantar de confraternización que terá lugar o vindeiro sábado 17 de xaneiro a partires das 14:30h no restaurante A Vitrola (Rosalía de Castro 11, Gondomar).

O pasado mes de setembro as comunidades de montes de Froxán e O Covelo foron recoñecidas pola ONU como exemplo de conservación e xestión participada. "O que fixemos foi primar o bosque autóctono, protexéndoo onde xa existía e plantando novas árbores, que serven como devasas naturais contra o lume", destacaba para Praza Alexandre Cendón, presidente da Comunidade de Montes Veciñais e en Man Común de Santiago de Covelo. Así mesmo, a Comunidade de Montes de Froxán puxo en marcha -xunto con Verdegaia e Columna Sanfíns- unha exitosa iniciativa de micromecenado para para mudar dez hectáreas de eucaliptos nun bosque autóctono.

Pola súa banda, Mariña Patrimonio -a entidade presidida por Manuel Miranda- leva anos desenvolvendo unha intensa actividade de protección e difusión do patrimonio no norte da provincia de Lugo. Unha parte importante das súas denuncias diríxense á acción da industria madeireira e aos prexuízos que esta ten para a conservación de castros, mámoas e outros elementos patrimoniais e para o medio natural. En 2016 documentaron danos da industria do eucalipto a 40 xacementos arqueolóxicos do norte de Lugo. O pasado mes de decembro foi unha das 20 entidades que solicitaron no Parlamento europeo a erradicación do eucalipto nunha faixa de 50 metros ao redor dos bens patrimoniais. Tamén se amosou vixilante ante os efectos da especulación urbanística e a construción sen control.

 

Os premios Osíxeno e Dioxina chegan á súa 17ª edición © ADEGA
Traballos no monte Froxán, en Lousame CC-BY-SA ColunaSanfins
En Santiago de Covelo todos os eucaliptos foron substituídos por bidueiros © CMVMC Covelo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.