0 Gardados para despois

"O paciente está desamparado ante os problemas na sanidade pública; obrígano a ir aos tribunais"

Miguel PardoMiguel Pardo | @depunteirolo


A Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS (Complexo Hospitalario Universitario de Santiago) constituíuse hai tres anos para denunciar a situación de deterioro e recortes nos servizos sanitarios públicos e canalizar as demandas das persoas afectadas no caso da área compostelá. Durante este tempo, a entidade puxo o foco sobre graves eivas, especialmente na situación de "colapso" que acotío se dá en Urxencias, a mesma que, segundo o sindicato CESM-Omega, provocou o falecemento nos corredores do Hospital Clínico dunha muller, caso polo que a Fiscalía denunciou a Xunta ao ver "indicios de delito" no proceder da administración sanitaria. Falamos con Fernando Abraldes, presidente e un dos fundadores deste colectivo. 

Por que crearon a asociación? Foi o constante colapso das Urxencias un dos motivos?

Si, ese foi un dos motivos que deu lugar a que nos constituísemos como asociación. Durante todo este tempo, cada ano e de maneira moi aleatoria, prodúcense colapsos, con independencia de se hai unha epidemia de gripe ou non. Con todo, nos últimos dous ou tres meses estase chegando a niveis de colapso que antes non se daban; houbo días de ata 25 persoas nos corredores de acceso e limítrofes agardando, a maioría de xente maior e algunha mesmo que viña de coidados paliativos, algo que é incrible. É unha situación estrutural de colapso porque os problemas non se resolven onde se teñen que resolver, o problema non está en Urxencias. 

"Cada ano prodúcense colapsos pero nos últimos meses estase chegando a un nivel que antes non se dera, con ata 25 persoas nos corredores"

Onde está, logo?

Os PAC non teñen os medios necesarios para atender urxencias, sobre todo as urxencias graves, porque son as urxencias graves e moi graves as que acaban no corredor. A xente que está no corredor xa está cualificada pola triaxe, polo filtro previo e nin o PAC nin Atención Primaria teñen os medios nin o persoal axeitado para atendelos. Acaban no corredor porque xente que está atendida en boxes e ten o ingreso en planta agarda horas a que a cama que está no andar correspondente estea á súa disposición. Quen ten a responsabilidade de poñer a cama no momento que o paciente a demanda non o fai e a situación demórase horas, con xente esperando moito tempo para ser atendida por primeira vez. 

"Estamos cansos de pedirlle á xerencia que teña camas dispoñible para atender os picos de demanda, pero telas dispoñibles supón ter persoal contratado para atendelas"

A solución é dispor de máis medios e persoal?

Estamos cansos de dicirllo á xerencia, de reclamarlle que teña camas sempre dispoñibles para atender os picos de demanda que teña Urxencias. Pero ter camas dispoñibles supón que teñas que ter persoal contratado, porque podes ter a cama fisicamente, pero sen persoal non é un recurso sanitario e hai cuartos baleiros que non se ocupan porque non hai persoal. No Hospital Gil Casares, neste momento, hai aínda 14 camas pechadas e zonas como antigas salas de reanimación que están cerradas tamén cando son espazos que poderían estar habilitados para que a xente estea alí mentres non pasa a planta. E claro, o persoal de Urxencias está sobrecargado, cunhas condicións de estrés lamentable e iso afecta á asistencia que reciben os pacientes, é algo obvio. 

"Na Administración actúan con moita impunidade e a valedora mirou cara a outro lado de maneira vergoñenta"

A intervención da Fiscalía axudará a chamar a atención sobre o problema, a que a Administración lle busque solución?

Sinceramente, na Administración actúan con moita impunidade, séntense realmente imbatibles. Nós estamos cansos de denuncialo publicamente, de formularllo á xerencia do CHUS e mesmo acudimos á Valedora do Pobo, que mirou cara a outro lado dunha maneira vergoñenta. A importancia do paso da Fiscalía é que hai alguén externo que está valorando que o que ocorre en Urxencias é unha situación moi grave, tanto que pode dar lugar a que falezan persoas sen atención nun sitio onde teñen que ser atendidas e, ademais, nun corredor. Estase incidindo na gravidade dunha situación que a Administración nega, como se non pasase nada. E un paciente nun corredor sofre un dano moral porque se atenta contra a súa dignidade e atácase a súa intimidade, algo recoñecido en informes do Tribunal de Contas de varias autonomías. 

Que lles din na xerencia do CHUS cando acoden coas súas demandas?

Coa xerencia non só falamos senón que lle entregamos un informe no que detallabamos a situación que coñeciamos de primeira man. Pedímoslle unha solución e eles dinnos que están de acordo, que non pode haber persoas nun corredor agardando... E isto dixéronnolo hai uns dez meses e non houbo ningunha medida agás cambiar o xefe de servizo, pero a situación foi a peor. Non digo que sexa culpa del, pero cambiar o xefe de servizo non era a solución, iso parece claro. 

"Ante os problemas na sanidade pública o paciente está desamparado e por iso hai que acudir aos tribunais"

Os traballadores de Urxencias lamentan a situación e lembran que hai reclamacións diarias dos pacientes, tanto de maneira formal e informal...

Claro que as hai, moitas, pero o problema é que o paciente está moi desarmado, tremendamente desarmado. Cando vas a Urxencias estás nunha situación de deterioro físico e psicoloxicamente afectado, polo que non tes os mecanismos habituais para poder defender os teus dereitos. A xerencia ampárase niso e en que o servizo de Urxencias é sempre un servizo de paso, de máis ou menos horas, pero de paso. Desde que se formula a queixa e ata que se resolve, a túa situación xa pasou; conclusión? Que non contestan ningunha. É unha situación que non se dá e ningún outro ámbito da administración pública, non hai mecanismos de rápida solución... Nunca pensei que houbese un ámbito da administración pública que tivese tal nivel de desamparo legal como ocorre cos problemas na sanidade pública e por iso hai que ir aos tribunais, non che deixan opción e non che queda outro remedio. 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

O persoal de Urxencias denuncia que Sanidade converteu o centro nun "hospital de segunda"

O persoal do Servizo de Urxencias do CHUS denuncia que a Consellería de Sanidade converteu este centro nun “hospital de segunda”, sen material nin persoal axeitado. As denuncias do colectivo que chegan logo de que a Fiscalía denunciase o Sergas ao ver "indicios de delito" na morte dunha doente nun corredor do Clínico de Santiago.

“Consideramos unha situación de desleixo por parte dos órganos xestores do Complexo, que derivou nunhas condicións de precariedade do servizo debidas á falta de renovación dos recursos materiais e de actualización no dimensionamento dos cadros de persoal, que non se adecúan á crecente demanda asistencial”, din nun comunicado.

Tamén critican que esta situación dá lugar a un ambiente laboral “de presión e inseguridade inasumible” para os traballadores, que se ven obrigados a soportar unha carga de traballo “impropia e excesiva”. “E isto redunda nunha importante merma da calidade asistencial que podemos ofrecer ós usuarios”, insisten.

O persoal critica que a situación dá lugar a un ambiente laboral “de presión e inseguridade inasumible” para os traballadores

Segundo denuncian, no último ano rexistráronse 175 reclamacións por falta de medios do CHUS, unha cifra que se elevaría se as informais se levasen a cabo oficialmente. “Servimos de inxusto parapeto contra as protestas dos usuarios ante os problemas derivados dos déficits que nós mesmos estamos a denunciar; e que, nin son creados por nós nin nas nosas mans está darlle solución”, denuncian.

De feito, acusan o conselleiro Vázquez Almuiña de “ignorar descaradamente” as súas demandas e de ter “a pouca delicadeza” de responder dando lectura a unha relación de datos estatísticos “que pouco ou nada tiñan que ver co que se lle preguntaba”.