0 Gardados para despois

A folga na Xustiza cumpre tres meses camiño da "interrupción" para unha negociación definitiva

Miguel PardoMiguel Pardo | @depunteirolo


A folga do persoal da Administración de Xustiza en Galicia cumpre este luns tres meses. 90 días de paro indefinido, con máis de 20.000 xuízos suspendidos, milleiros de trámites adiados e millóns de euros perdidos polos traballadores que o secundan nas súas nóminas. O conflito afronta a súa semana clave, cos sindicatos divididos pero sabedores, ao igual que a Xunta, que a corda non dá moito máis. Á espera, ambas partes, dunha negociación definitiva, STAJ e CUT, debateron xa en asembleas abertas cos traballadores suspender a folga, ao igual que máis tarde facían CIG e USO cos seus afiliados. O Goberno galego está disposto a retomar as conversas se finalmente a suspensión chega, aínda que para pórlle o ramo ao conflito de vez e nun foro no que estean presente todas as centrais. A opción maioritaria entre o funcionariado consultado é a "interrupción temporal" do paro, aínda que mantendo o "conflito aberto" até acadar unha solución. 

O presidente do comité de folga convoca o resto de centrais este martes para decidir se se suspende a folga

Todo acelérase nesta efeméride, na que varias cidades galegas acolleron ante as sedes da Xunta concentracións de apoio e solidariedade coa folga, histórica xa polos días que acumula, máis aínda ao producirse no sector público. Pero tamén este luns, Julio Bouza, presidente do comité de folga e representante do sindicato maioritario, SPJ-USO, convocou o resto de centrais a unha reunión en Ourense o martes para deixar claro que organizacións forman parte do devandito comité, así como a posibilidade de suspender, desconvocar ou continuar a folga. De ter en conta as consultas levadas a cabo entre traballadores nalgunhas sedes xudiciais, a "interrupción temporal" é a opción máis probable, aínda que fontes do comité insisten en que "o conflito continúa". "Precisamos coller folgos en todos os sentidos, tamén no enconómico", asumen, á espera da reunión clave que intentará forzar a negociación definitiva. 

A folga cumpre tres meses cos sindicatos divididos e sabedores, ao igual que a Xunta, que a corda non dá moito máis

A día de hoxe, o seguimento da folga está no seu "mínimo histórico", como destaca a Xunta, desde que comezara naquel lonxano 7 de febreiro. Mantén algo máis de 300 persoas sen acudir ao seu posto de traballo, ademais dos 775 que cumpren cos servizos mínimos nun cadro de persoal duns 2.700. As diferenzas sindicais son clave, logo de que a forte unidade que se mantiña saltase polos aires o pasado 26 de abril, cando catro das centrais no comité de folga (SPJ-USO, UGT, CSIF e CCOO, que supoñen o 60% da representación) aceptaron por separado a proposta da Xunta, negociada e descuberta polo vicepresidente Alfonso Rueda unha semana antes. Alternativas na Xustiza-CUT, CIG e STAJ rexeitaron con rotundidade o acordo. 

Os catro sindicatos convocaron unha consulta entre o persoal para avalar o pacto que parecía rematar co conflito, pero o non gañou nunhas votacións tensas, con acusacións de "traidores" e "vendidos" por parte das tres centrais que o rexeitaban. O resultado sorprendeu e colleu co pé cambiado a Xunta e o proceso rachou coa sintonía sindical. 

A unidade sindical rachou tras o pacto dunha parte coa Xunta, pero o 'non' do persoal ao acordo colleu por sorpresa a Xunta

Unha semana despois da consulta, o sindicato maioritario no sector da Xustiza --SPJ-USO-- uniuse aos tres que rexeitaban o acordo, lexitimou a consulta e reclamou unha proposta unitaria para levar de novo á mesa da Xunta. A "nova maioría sindical" supón o 65% da representación dos traballadores e conta, a través da CUT, coas dúas centrais maioritarias. Ofreceron suspender a folga de volverse ás negociacións, pero o Executivo xa non recoñece o comité e esixe negociar con todas as centrais. 

Ao tempo, CCOO --o sindicato con menor representación-- acordou coa súa militancia a "reincorporación ao traballo" e abandonou o comité de folga. Tamén instou a resolver o conflito nunha mesa sectorial, ao igual que UGT, que insistiu en reclamar as desculpas dos outros sindicatos pola súa acusación de traizón. O CSIF pide mediación e advirte da súa independencia para negociar. No fondo, os tres están xa descolgados dun paro que pode estar vivindo as súas últimas horas. 

USO uniuse aos sindicatos que rexeitan o acordo coa Xunta, que xa non recoñece o comité de folga e pide negociar con todas as centrais

A opción da mesa sectorial é probable ante a actitude da Xunta, que insiste en negociar cun foro no que estean presentes todos os sindicatos. Rueda xa non recoñece un comité de folga "diminuído" e pon como base para o acordo a proposta que fora aceptada polos catro sindicatos. Malia as súas continuas apelacións nos tres meses de conflito á imposibilidade da Administración de incrementar o complemento autonómico, o Goberno acordou finalmente unha suba de 140 euros máis ao mes para os forenses, 135 para os xestores, 127 para tramitadores e 122 para auxilios, aplicables en tres anos, cun 50% deste incremento neste 2018, o 30% en 2019 e outro 20% en 2020. 

A cláusula de revisión e o plan de recuperación dos cartos descontados durante a folga son agora os atrancos que evitan o acordo

CUT, CIG e STAJ insistiron nos 140 euros liñais para todas as categorías, aínda que xa non é esta suba salarial o principal atranco. Tampouco as reivindicacións sobre baixas incentivadas, substitucións a igual salario para todos os traballadores, a consolidación de emprego coa creación de 36 prazas adicionais ou a paralización parcial da amortización de emprego, conquistas todas logradas tras a presión da folga. 

O conflito agora está no plan de recuperación dos cartos descontados aos traballadores durante a folga. Os catro sindicatos que suman a maioría optan por un proceso que inclúa nestas horas extras as persoas que levaron a cabo o paro, algo que a Xunta considera innegociable e mesmo ilegal. Tamén na cláusula de revisión, que garante que o soldo do persoal non baixe da media do conxunto de territorios do Estado pero que reclaman que asegure un cuarto posto que a Administración tampouco asegura. 

No fondo, tamén, a tensión acumulada durante un conflito no que fontes do persoal asumen que a actitude "prepotente" da Xunta e discursos "provocadores" como os de Feijóo foron algúns dos principais factores que aumentaron a resistencia do persoal, agora danada polas diferenzas sindicais, o cansazo e a perda salarial. Mentres, fiscais e xuíces --agora mobilizados-- apoiaron as reivindicacións dos traballadores e instaron a negociar ao Goberno galego, a quen acusaron de querer dilatar o proceso para desgastar o funcionariado. Logo de tres meses, esta semella a semana definitiva e a última. A suspensión ou "interrupción temporal" da folga este martes é o máis probable. 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.