0 Gardados para despois

Sindicatos da Xustiza advirten de que a Xunta pretende rematar a folga por unha vía "ilegal"

Redacción | @prazapublica

A folga do persoal de Xustiza está dende esta semana suspendida, pero non desconvocada. O comité de folga, no que participan agora catro dos sete sindicatos do sector -aglutinan en torno ao 65% da representación do persoal- apostou por esta vía tras tres meses de mobilización e "sacrificio", pero tamén polo "enquistamento existente na Administración". Tratouse, explicaron as centrais sindicais -a CIG desmarcouse, ao decantarse pola vía da arbitraxe-, dun exercicio de "responsabilidade" para procurar un acordo que a Xunta di querer buscar para poñer fin definitivo ao conflito. Pero, advirten, o Goberno galego está a dar pasos para tentar rematar coa folga dunha maneira "ilegal".

Este venres comezou a transcender a través de varios medios que o seguinte movemento da Vicepresidencia do Goberno galego, da que dependen as competencias en materia de xustiza, pasará por propoñer a convocatoria dunha Mesa Sectorial, isto é, o órgano de diálogo ordinario entre a Xunta e o persoal do sector. Esta convocatoria, advirten os sindicatos que seguen a participar do comité de folga agás UGT -isto é, Alternativas na Xustiza-CUT, CIG, SPJ-USO e CSI-F- sería irregular. O comité, resaltan, é o órgano legal para negociar mentres a folga continúe formalmente convocada.

O decreto de 1977 que regula as folgas a nivel estatal, detalla nun comunicado AX-CUT, deixa claro que unha mobilización coma esta só pode concluír por "desestimento" do comité de folga, por "acordo ou pacto entre as partes" ou a través da devandita arbitraxe. Daquela, advirten, se o Goberno galego pretende acadar un pacto laboral para o persoal de xustiza na Mesa Sectorail sen que exista unha desconvocatorai da folga "cometerería unha gravísima ilegalidade" agás que "catro sindicatos, ás costas, desconvoquen a folga", din.

O interlocutor válido segue a ser o comité de folga mentres esta non sexa desconvocada formalmente, advirten as centrais sindicais

No seo dos sindicatos máis proclives á fin da folga apóstase polo diálogo inmediato, pero admiten que o interlocutor válido é o comité de folga mentres esta siga en pé. Así e todo, admiten, acudirían á chamada da Xunta con independencia do foro no que se produza.

Mantéñense así, daquela, as peticións á Vicepresidencia para volver "negociar" que os devanditos catro sindicatos lanzaron a finais de abril, despois da votación na que se impuxo o "non" ao preacordo coa Xunta, resultado que o Goberno galego e o PP atribuíron a centrais sindicais "radicais". Este escenario chega tras unha mobilización indefinida marcada durante case tres meses por unha unidade sindical que rachou o 26 de abril, cando a Xunta logrou que catro dos sete sindicatos sometesen a votación a proposta gobernamental dunha suba salarial de entre 122 e 140 euros, entre outros acordos. Apenas dúas semanas antes as conversas entre as partes fracasaran cando o acordo semellaba máis próximo.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.