- VÍDEO | Ciudadanos proclama que o castelán "desapareceu de Galicia"
- HEMEROTECA | O Consello de Europa volve pedir á Xunta que impulse máis o galego no ensino
Este mércores 26 de setembro celébrase o Día Europeo das Linguas, que ten entre os seus obxectivos "promover a riqueza da diversidade lingüística e cultural de Europa, que debemos preservar e potenciar" e que busca igualmente "destacar a importancia da aprendizaxe de linguas" para "incrementar o plurilingüismo e a comunicación intercultural". Nos últimos anos o Consello de Europa fixo públicos varios informes denunciando o incumprimento por parte do Goberno español e do Goberno galego de moitos dos compromisos adquiridos polo Estado Español a través da Carta Europea das Linguas, sobre todo no campo do ensino, pero tamén na xustiza, na sanidade ou na administración.
Nos últimos anos o Consello de Europa fixo públicos varios informes denunciando o incumprimento por parte do Goberno español e da Xunta de moitos dos compromisos adquiridos polo Estado a través da Carta Europea das Linguas
En novembro de 1992 nacía en Estrasburgo a Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias. Impulsada polo Consello de Europa, os Estados que a asinaban amosábanse "conscientes do feito de que a protección e o fomento" destes idiomas "representan unha contribución importante á construción dunha Europa baseada nos principios da democracia e da diversidade cultural". En 2002, o daquela ministro de Exteriores, Josep Piqué (PP), rubricaba o correspondente instrumento de ratificación: o documento no que o Goberno de España especificaba o grao de cumprimento da Carta ao que se comprometía. Na maior parte dos artigos, España elixiu a maior protección posible para o galego, o catalán e o euskera. E, por exemplo, comprometeuse a garantir a posibilidade de recibir o ensino preescolar, primario e secundario en galego e ofreceu garantías de que os procedementos xudiciais se poderían desenvolver con normalidade en linguas distintas do castelán. Aspectos que dende hai dúas décadas vén incumprindo en gran medida.
O informe de 2016 amosaba a "preocupación" pola "redución gradual da presenza do galego no ensino medio"
O pasado ano o Consello da Cultura Galega acolleu un Foro de debate sobre a Carta Europea das Linguas no que se debateron estes incumprimentos. “Estamos moi lonxe do cumprimento dos compromisos subscritos polo goberno español coa ratificación da Carta”, subliñou daquela Rosario Álvarez. As conclusións responsabilizan o Goberno central de non asumir como “causa propia a defensa e a promoción da diversidade lingüística” a que os obrigan os compromisos adquiridos coa ratificación da Carta.
Un ano antes o Consello de Europa amosara no seu informe a súa "preocupación" pola "redución gradual da presenza do galego no ensino medio" e criticaba que o decreto de plurilingüismo "entra claramente en contradición cos compromisos escollidos polas autoridades de acordo coa Carta que esixe a educación predominantemente en galego". Unhas denuncias semellantes ás que o Consello de Europa xa realizara no ano 2012, unhas críticas que unha e outra vez foron ignoradas e mesmo desprezadas polo Goberno galego.
O Consello de Europa solicitaba que se modificasen as normativas legais para garantir que as autoridades xudiciais poidan dirixirse en galego
O informe urxía así mesmo ao Estado e á Xunta a facer as modificacións legais que permitan o uso efectivo do galego na xustiza e na administración. "Aínda é inadecuada a proporción de documentos administrativos dispoñíbeis para a poboación en galego ou en formato bilingüe", sinalaba. En canto á xustiza, o Consello de Europa solicitaba que se modificasen as normativas legais para garantir que as autoridades xudiciais poidan dirixirse en galego a aquel particular que o reclame, que se "tomen as medidas necesarias para aumentar a proporción de persoal da xustiza que sexan quen de empregar o galego nos tribunais" e que se "desenvolvan cursos axeitados tanto para o persoal xudicial como para os avogados". No ámbito sanitario, o informe tamén sinala eivas e urxe as autoridades a asegurar a posibilidade dos galegofalantes de ser atendidos na súa propia lingua.
No ámbito sanitario, o informe tamén sinala eivas e urxe as autoridades a asegurar a posibilidade dos galegofalantes de ser atendidos na súa propia lingua
Ante as autoridades europeas a Xunta sempre presumiu do apoio emprestado ao galego, e transmitiu estatísticas cando menos discutibles sobre o uso da lingua propia do país no ensino. Por exemplo, informou que na rede Galiña Azul o 43,3% as clases danse en galego, unha porcentaxe que na etapa de 3 a 6 anos crece atar o 46,6%. O Goberno galego achegaba tamén datos de Inspección que sostiñan que no curso 2012-13 unha media do 51% das horas impartidas en primaria terían sido en galego, fronte ao 47,5% en castelán e o 1,6% en lingua estranxeira. A Xunta tamén presumiu en Europa de apoiar os medios en galego, mesmo gabándose de algúns que nese momento xa non existían, como Galicia Hoxe ou Xornal de Galicia. E doutros, como Praza Pública, que nunca recibiu axuda ningunha por parte da administración galega.