0 Gardados para despois

Así presumiu a Xunta en Europa de apoiar os medios en galego

Praza PúblicaPraza Pública | @prazapublica


O pasado xaneiro o Consello de Europa, organización internacional composta por 47 estados centrada na defensa dos dereitos humanos, volvía expresar serias dúbidas sobre o cumprimento en Galicia da Carta Europea das Linguas Rexionais e Minoritarias e, como xa fixera en anteriores informes, instaba a Xunta a velar máis e mellor pola lingua propia, a comezar por unha petición "encarecida" a respecto do galego no ensino. Ese diagnóstico da institución europea, referente ao período 2010-2013, producíase malia á visión netamente optimista que a Xunta lle transmitiu ao Comité redactor do informe, o mesmo ante o que, a través do Goberno de España, presumiu abertamente de promocionar os medios de comunicación publicados en lingua galega, mesmo gabándose de algúns que xa non existen como tales.

Esta semana, algo máis dun mes despois da súa publicación, o informe volveu ao debate político a través de senllas iniciativas de e AGE e BNG na Comisión de Educación do Parlamento. Foi, nomeadamente, durante o debate suscitado por Alternativa cando o voceiro do PP, Agustín Baamonde, apelou ao informe do Consello de Europa para aplaudir o labor que, mantén, a Xunta fai polos medios en galego tanto impresos como audiovisuais e dixitais. A reflexión do conservador suscitou duras críticas por parte do voceiro de AGE, Xabier Ron, para quen o PP tenta "xerar confusión" tras atribuírse ante os expertos europeos méritos que, di, non corresponden precisamente ao Goberno.

Pero, que foi o que lle contou a Xunta ao comité que elaborou o informe? Ademais das visitas realizadas por representantes do Consello, a institución avalía o cumprimento da Carta a través dun informe que o Goberno de España elabora baseándose na "información facilitada polas comunidades autónomas" que a Secretaría de Estado de Administracións Públicas redacta e "sintetiza". Isto é o que acontece, por exemplo, coas respostas da Xunta á recomendación que o Comité lanzara no seu anterior informe a respecto dun dos obxectivos da Carta: "fomentar e/ou facilitar o mantemento de, cando menos, un órgano de prensa" en galego.

"Galicia Hoxe e Xornal de Galicia"

A Xunta asegura que xornais en papel que pecharon pasaron a ser publicados en dixital

O Goberno de España, baseándose no que a Xunta lle transmitiu, explicoulle á institución europea que "o formato de diario dixital permitiu que iniciativas editoriais exclusivamente en lingua galega ou cun uso porcentual de galego moi elevado abandonasen o formato papel para adquirir unha presenza moi importante na rede". Este, asegura, "é o caso de Galicia Hoxe, Xornal de Galicia ou doutros que xa optaron dende  un primeiro momento polo soporte dixital". En realidade, Galiciahoxe.com é o derradeiro vestixio do diario impreso Galicia Hoxe, pechado polo Grupo Correo Gallego en 2011 por causas económicas, e non edita contidos propios. O enderezo que a Xunta proporciona a respecto da outra cabeceira (xornalgalicia.com) non ten vínculo ningún co desaparecido Xornal de Galicia en papel, pechado tamén en 2011, senón que se trata dunha web que ofrece basicamente artigos en castelán.

O Goberno inclúe no apartado de "fomento" dos medios en galego cabeceiras que nunca fomentou

No que atinxe aos medios nados en formato dixital que a Xunta inclúe no seu "compromiso" coa prensa en galego os exemplos son tres. "Galicia Confidencial, que chega a rexistros diarios que superan as 6.000 entradas, Noticieiro Galego ou Praza Pública, entre outros moitos", di, se ben cando menos no caso de Praza.gal, nunca se produciu axuda ningunha por parte da Xunta. "Na actualidade existe unha multiplicidade de medios redactados integramente en galego", resalta, antes de engadir que "por outra banda, a maioría dos medios cunha presenza importante en soporte papel contan cunha versión dixital en galego grazas aos tradutores automáticos".

Treito do informe remitido polo Goberno de España ao Consello de Europa a partir da información da Xunta

"Atribúense logros que non son seus"

A Mesa informou os expertos do peche de varias cabeceiras en galego

Fronte a esta visión do Goberno, na que tamén se debullan as "axudas destinadas exclusivamente ás empresas que realizan publicacións periódicas escritas integramente en galego", o informe final do Comité inclúe tamén que asociacións como A Mesa pola Normalización Lingüística os informaron, durante a súa visita, que na actualidade non existe ningún diario impreso redactado integramente en galego. Asemade, tamén aclararon que se producira "o peche dos xornais" impresos "que empregaban o galego", isto é, Galicia Hoxe, Xornal de Galicia, De Luns a Venres e o semanario A Nosa Terra. 

A xuízo de Ron a imaxe que a Xunta ofrece a este respecto é "escandalosa". O que o Goberno presenta como unha decisión de pasar do papel ao dixital, salienta, foron realmente peches que "levaron moitas persoas ao paro". "Hai que ser un pouco mesurados", advertiu, ao tempo qeue censura que "aínda por riba, no informe" a Xunta "se atribúa iniciativas que son absolutamente persoais ou colectivas", como a de medios dixitais actualmente existentes "que non lle deben nada á Xunta". "Atribúense logros que non son seus", conclúe.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

A Xunta mantén no 8% de uso do galego o limiar para outorgar axudas á prensa

O Goberno galego divulgou este venres as condicións polas que repartirá 1,3 millóns de euros entre diversos medios de comunicación. Esta convocatoria, a única que cada ano distribúe fondos públicos entre os medios de comunicación con criterios obxectivos, fixa no 8% o "mínimo" de lingua galega que cómpre que estea presente no "total" da "información" publicada por cada cabeceira. Asemade, e como no pasado ano, o emprego do galego pesa menos dunha cuarta parte nos criterios xerais para a concesión dos subsidios.

O Goberno rebaixou ata en catro ocasións o peso do galego nas axudas durante os últimos anos

Segundo as condicións establecidas pola Secretaría Xeral de Medios, con dependencia orgánica directa da Presidencia da Xunta, o "uso da lingua galega" pesa un 24% no baremo total das axudas e a "normalización", un 2%, mentres que o 74% restante corresponde ao criterio de difusión ou audiencia. Estas cifras están lonxe das que rexían as convocatorias deste tipo cando o actual Goberno comezou a exercer. Daquela o peso do criterio lingüístico superaba o 30%, se ben o Executivo optou por rebaixalo ata en catro ocasións.

A convocatoria exclúe as cabeceiras promovidas por entidades sen ánimo de lucro, pero non os medios que publican anuncios de prostitución

Como en anos anteriores, a Xunta exclúe desta convocatoria de axudas a todos os medios que non sexan editados por empresas, e advirte explicitamente de que non poden obtar ás subvencións as cabeceiras promovidas por entidades sen ánimo de lucro. Como xa avanzara o PP no Parlamento, un ano máis poden optar ás axudas os xornais que inclúen nas súas páxinas anuncios de prostitución, unha opción que foi defendida polo propio presidente da Xunta en datas recentes xa que, a xuízo de Alberto Núñez Feijóo, difundir estes anuncios non promove o negocio do sexo.

O pasado ano as axudas estiveron dotadas co mesmo importe inicial. Non obstante, tras unha ampliación de crédito chegaron aos 1,6 millóns de euros que foron distribuídos entre 17 empresas, reparto que é posible consultar nesta ligazón.