Mariano Rajoy confirmou este martes que o Goberno renuncia a sacar adiante a reforma da vixente lei do aborto. O presidente do Goberno central confirmou a retirada do anteproxecto de Lei Orgánica de Protección do Concibido e os Dereitos da Embarazada redactado polo Ministerio de Xustiza, por non atopar o consenso suficiente para sacalo adiante. A presión cidadá -encabezada pola loita das mulleres-, as diferenzas no Executivo e o temor á perda de apoios electorais acabaron cunha polémica contrarreforma liderada por Gallardón, que quedou desacreditado e que anunciou a súa dimisión ás poucas horas do anuncio de Rajoy.
A presión social, liderada polas mulleres, e o cálculo electoral do PP obrigaron o Goberno a retroceder e desacreditar a Gallardón
No seu lugar, Rajoy anunciou que o Goberno reformará a actual normativa para asegurar que as menores de 16 e 17 anos precisen do consentimento paterno para interromper o seu embarazo e apostará por un Plan de Protección da Familia que verá a luz, segundo dixo, antes de finais de ano. O xefe do Executivo fixo este anuncio en declaracións aos medios logo de participar no Congreso Mundial de Relacións Públicas que se celebra en Madrid. E fíxoo a poucos meses das eleccións municipais e a menos aínda de que arrinque a precampaña.
Fontes de Xustiza non aclaran se o plan pasa por redactar de novo o anteproxecto que Gallardón presentou en decembro ou se se farán correccións ao documento para obrigar ao consentimento no caso das menores. Desde a contorna de Gallardón sinalouse que é "o normal" que fose Rajoy quen anuncie a noticia e non o ministro que máis a impulsou. Pero ás 17.30 horas, o ministro compareceu ante os medios para anunciar a súa dimisión "como consecuencia da decisión tomada polo Goberno".
"Asumín a reforma de acordo coa doutrina do noso partido; era unha reforma do Goberno de España", advertiu Gallardón
"Asumín a reforma de acordo coa doutrina do noso partido e co criterio asumido co recurso presentado ante o Constitucional; as consecuencias do debate xurdido levaron a que o Goberno tomase a decisión de non seguir adiante con este anteproxecto e creo que é a miña obriga admitir que non tiven a capacidade de convertelo en proxecto de lei, incluso despois de que os informes consultivos fosen favorables", dixo Gallardón, que aclarou que xa lle anunciara a Rajoy a súa intención de marchar hai unha semana e que anunciou tamén a súa marcha da política e a renuncia ao seu escano no Congreso. Tamén abandona a executiva do PP e todos os cargos no partido. "Debo dar e dou a miña vida política por acabada", insistiu.
"Era eu o que estaba trabucado, pero en xuño dixen con convición que o proxecto ía ser aprobado este verán; máis que desautorizado, sinto que non fun capaz de cumprir un encargo que me fixo o Goberno", resumiu Gallardón, que volveu aclarar que o proxecto "era do Goberno de España". E xa que logo, non só del. "Pido perdón aos votantes aos que fallamos", engadiu.
Rajoy di agora que retirar a reforma da lei é "o máis sensato"
Rajoy explicara antes que tomou a decisión que lle pareceu "máis sensata" e que a súa intención é "seguir traballando pola cohesión". "Pero non podemos ter unha lei que cando chegue outro goberno sexa cambiada ao medio minuto", asegurou.
Desde os colectivos polo dereito ao aborto, as organizacións políticas contrarias a esta contrarreforma e todo tipo de colectivos sociais na mesma loita, a satisfacción é enorme. "Estamos moi contentas", recoñece Pilar Estévez, unha das voceiras da Plataforma Galega polo Dereito ao Aborto (PGDA), que cre que a sociedade "debe valorar o que se acaba de conseguir". "É algo histórico porque non estamos ante un Goberno que sexa moi proclive a retroceder, pero deu marcha atrás", insiste quen cre, tamén, que o PP "se decatou de que seguir adiante con esta reforma implicáballe tamén a perda de base social e de apoio electoral". "Ao tempo que apertas a xente a base de recortes e restriccións, intentas tamén limitar e esnaquizar a liberdade individual das mulleres... E iso non pode ser", reflexiona.
A Plataforma Galega polo Dereito ao Aborto cre que a loita constante do feminismo foi clave na volta atrás do Goberno
A PGDA considera esta volta atrás de Rajoy como "unha vitoria", aínda que "non definitiva", e cre que a clave estivo "no enfrontamento total e constante do movemento feminista, apoiado por organizacións sociais e políticas, que tivo que sufrir este Goberno". "Non paramos de loitar e non cedemos un minuto, ademais de ser quen de consensuar, desde diferentes posicións, o noso rexeitamento a prol dos nosos dereitos... Foi un fito e por iso conseguimos o que conseguimos", engade.
A plataforma reclamará agora a retirada do recurso ante o Contitucional
Aínda así, Estévez reclama "seguir alerta" ante un Executivo que "pode modificar partes da lei actual ou pode estar agardando ao que responda o Constitucional sobre o recurso presentado". De feito, xa advirte de que a PGDA reclamará agora que se retire ese recurso porque "hai que seguir apertando". "Faémolo e agora hai que manifestarse con máis forza ca nunca, pero con ledicia e contundencia", advirte quen chama á sociedade a participar nas mobilizacións previstas para o vindeiro 28 de setembro co gallo da celebración do Día Internacional polo Dereito ao Aborto. Haberá actos variados e prevense flashmob reivindicativos en varias vilas e cidades galegas. "A vitoria tamén é seguir unidas", di.
"As loitas na rúa si serven"
As reaccións políticas tampouco se fixeron agardar. Desde Galicia, AGE asegura que "a loita social comandada polas feministas acaba de conseguir unha sonora vitoria". “As loitas na rúa si que serven para algo, e esta marcha atrás do PP é unha nova mostra”, considera a deputada Eva Solla, quen avisa, non obstante, que “é preciso permanecer alerta para que non haxa unha nova involución”. Solla lembra que o seu grupo parlamentario aposta, a maiores, “pola ampliación dos dereitos en saúde sexual e reprodutiva, non só no relativo ao aborto senón tamén en asuntos como a educación sexual”.
AGE recorda en numerosas ocasións a retirada da "ultraconservadora reforma da lei do aborto" ao Parlamento de Galicia. "Mais o PP de Alberto Núñez Feijóo negouse e fixo un vergoñento seguidismo de Madrid no ataque aos dereitos das mulleres; o machismo atópase na xenética da dereita pos franquista", di.
O PSdeG cre que a retirada da contrarreforma "é unha vitoria das mulleres" e que a Gallardón non lle quedaba outra que dimitir. "A súa reforma era un ataque ás liberdades; adeus ao señor Gallardón e parabéns a toda a sociedade que loitou para que as mulleres conservasen o seu dereito a decidir", dixo Carmen Acuña, voceira de Igualdade no Parlamento. Ademais, o secretario xeral dos socialistas galegos, José Ramón Gómez Besteiro, cre que Feijóo "ten mañá no Parlamento unha oportunidade de ouro para pedir desculpas, xa que estivo sempre con Gallardón apoiando a reforma do aborto".
“O presidente da Xunta amosou neste tema que está na ala dura do Partido Popular”, afirmou o líder dos socialistas galegos, que considera que "queda claro unha vez máis que o PP só acerta cando rectifica tras escoitar a opinión dos cidadáns”, sostén o secretario xeral do PSdeG
Desde o BNG, Olaia Fernández Davila, portavoz no Congreso, amosou a súa satisfacción pola retirada dunha "reforma retrógrada". "Non poidamos consentir que se fixese logo de ter logrado unha lei que garantía o dereito a decidir das mulleres, pero sobre todo que lles daba garantías xurídicas e sanitarias", asegurou.
A Conferencia Episcopal acusa o Goberno de Rajoy de "falta de coherencia política"
Desde Madrid, o PSOE lembra que "o dereito da muller non se pode partir en anacos" e reclama "a dimisión" do ministro Gallardón por "xogar co sufrimento das mulleres. O PP, pola súa banda, considera que a decisión do Goberno "é responsable". "Traballamos para non fracturar a sociedade", dixo o voceiro popular no Congreso, Alfonso Alonso. Mentres, a Conferencia Episcopañ Española acusou o Executivo de "falta de coherencia política", tal e como manifestou na súa conta de Twitter o seu secretario xeral, José María Gil Tamayo, que considera que a marcha atrás foi tomada "por intereses electoralistas".