Tres anos plurais e en galego. Seguimos!

CC-BY-SA Praza Pública

Unhas 8.700 novas, máis de 24.000 'fálases', arredor de 15.000 fotografías e case 600 sinaturas diferentes. Son algunhas das cifras que nos deixan os tres anos de traballo que xa transcorreron dende que, o 1 de febreiro de 2012, Praza Pública botou a andar para "contar o mundo desde Galicia". Eses números poden dar boa conta dos numerosos acontecementos que pasaron polos teclados da redacción do xornal dende aquela primeira portada na que contabamos que Novagalicia Banco agardaba pola reforma financiera que podía supoñer o seu final, explicabamos a oposición social que xeraba o proxecto de construción dunha nova Sogama ou repasabamos a xestión dos primeiros tres anos de Feijóo na Xunta. Tres anos despois a Praza pensada dende e para internet segue a se alargar e os seus habitantes collen novos folgos.

Tras o primeiro trienio os obxectivos e desexos sinalados no primeiro editorial de Praza seguen plenamente vixentes. O xornal e a fundación que o sustenta naceu para "aumentar o pluralismo informativo" e tamén "para exercer a pluralidade de voces, de visións e de perspectivas, sen máis liñas vermellas que aquelas que nos definen como proxecto comunicativo: a defensa do autogoberno, do progreso e do benestar da cidadanía galega, e mais a reivindicación da lingua e da cultura galegas como valores esenciais desa Galicia que vén". Despois destes trinta e seis meses eses seguen sendo os puntos cardinais que, con erros e acertos, orientan Praza cada día.

Dende o inicio a vocación de Praza é ser un xornal do seu público. Por iso o compromiso das lectoras e lectores coa difusión e tamén co sostemento económico do medio segue a ser imprescindible. Tal e como viñemos informando, nos últimos meses logramos entre todas e todos dar importantes pasos para achegarnos ao obxectivo de lograr a sustentabilidade económica do proxecto. Isto sucede grazas ao compromiso da comunidade e tamén á lixeira mellora dos ingresos publicitarios procedentes das asociacións, empresas e institucións que nos veñen dando o seu apoio. Como proxecto sen ánimo de lucro que é, todas as melloras económicas repercuten directamente na elaboración do xornal e un escenario máis favorable permitirá poder abordar novos retos xornalísticos ao longo de 2015.

O compromiso da comunidade co sostemento de Praza segue a ser imprescindible

Todo isto sucede tras un ano, o 2014, no que Praza pasou do .com ao .gal, no que continuou coa edición de libros en colaboración con Meubook e aumentou o seu público en máis de 100.000 persoas. O incremento de usuarios e usuarias únicas foi, segundo Google Analytics, superior ao 20%, ata superar os 600.000, con máis de 3 millóns de páxinas vistas. Os datos dinnos que este é un xornal mozo e o noso público tamén. O 61% está na faixa de 18 a 34 anos, o 28% entre 35 e 54 e o 11% restante ten 55 ou máis anos. Moitas destas persoas que se achegan fanno a través das redes sociais, especialmente a través de Facebook e tamén de Twitter, rede na que Praza é o medio en galego con máis seguidoras e seguidores.

En 2014 Praza aumentou o seu público en máis de 100.000 persoas

Este é o escenario no que Praza Pública afronta o seu cuarto ano de existencia. Faino nun ano informativamente apaixonante no que a redacción, a fundación e a comunidade seguirán da man coa vista posta en novo proxectos e no futuro de Praza, do país e do mundo. Ademais de na rede, nas vindeiras semanas celebraremos o noso terceiro aniversario coas amigas e amigos de Praza no mundo 'real'. Seguimos adiante!

Primeira portada de Praza CC-BY-SA Praza Pública
CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.