0 Gardados para despois

Morre Fidel Castro, o 'galego' que marcou a historia de Cuba

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


En xullo de 1992 eran novas nos xornais galegos o paso do facho olímpico camiño de Barcelona, a inauguración do primeiro treito do paseo marítimo da Coruña ou o ascenso á Segunda División do Club Deportivo Lugo. Todas aquelas novas ficaron en segundo plano cando, dous días despois do Día Nacional de Galicia, o titular da Xunta recibiu ao pé da pista de Lavacolla o presidente de Cuba, Fidel Castro. Menos dun ano despois de ser recibido en La Habana con honras de xefe de Estado Manuel Fraga facía de anfitrión para o líder cubano, o 'galego' que marcou a historia da illa caribeña dende a revolución de 1959 pola que permaneceu medio século no poder, e ata este 25 de novembro, cando ás 22:29 da noite -hora local-, faleceu aos 90 anos de idade.

O seu irmán e sucesor dende febreiro de 2008, Raúl Castro, foi o encargado de anunciar nunha breve mensaxe televisada a noticia do falecemento, que transmitiu "con profunda dor", ao tempo que anunciou que os restos do histórico mandatario comunista serán incinerados, seguindo a súa "vontade expresa", ao tempo que se ultiman os detalles dunha "homenaxe póstuma". Ratificábase así unha noticia anunciada en infinitas ocasións e tentada en moitas máis -estímase que Castro sobreviviu a máis de medio milleiro de intentos de atentado-. O falecemento produciuse dez días despois das derradeiras imaxes públicas do ex-mandatario e cando apenas transcorreron tres meses dende o seu 90 aniversario, polo que foi homenaxeado na capital cubana.

Raúl Castro ratificou a morte do seu irmán e antecesor, anunciada en múltiplas ocasións

Alén da evidente pegada histórica de Fidel Castro, do seu papel á fronte do movemento que derrubou a ditadura de Fulgencio Batista, do seu carácter de referencia para parte da esquerda internacional e das críticas de quen o consideran máximo expoñente dun lonxevo réxime autoritario, en Galicia a súa lembranza vai ligada ao concello lucense de Láncara, da que aquela histórica viaxe de 1992 foi bo resumo. Naqueles días o mandatario agora falecido declarouse "fillo lexítimo de Galicia". Fíxoo ao carón da casa natal do seu pai, Ángel Castro Argiz, o lancarao que en 1899, aos 24 anos, emigrou con rumbo a Cuba.

Fraga recibiu a Castro en 1992 con aires de festa e actos que descolocaron e incomodaron a dirección do PP

Aqueles días de xullo descolocaron boa parte da opinión pública española e incomodaron notablemente a dirección do PP, á cuxa fronte estaba José María Aznar dende había media década. Mentres Aznar e o seu gabinete mantiñan a posición tradicional da dereita española un dos seus referentes, o propio Fraga, exercía de anfitrión de Castro no seu percorrido polo país. Entre outras actividades o presidente cubano visitou a Catedral compostelá, industrias pesqueiras na Pobra do Caramiñal e o Panteón de Galegos Ilustres, percorreu un treito da Muralla de Lugo e protagonizou un acto político no hotel Araguaney da capital galega organizado por, entre outros, o alcalde de Oleiros.

Pero se algo quedou para a historia daqueles días foi a visita a Láncara. Fidel acudiu á que fora vivenda do seu proxenitor e acabou sendo o centro dunha romaría auspiciada por Fraga. Os acordes da banda municipal de Sarria confundíronse coa música caribeña, correron os viños e licores do país, Fraga non foi quen de conter as bágoas ao lembrar que o seu pai tamén fora un emigrante a Cuba e ambos presidentes culminaron a xornada cunha partida de dominó que gañou o titular da Xunta.

Visita de Fidel Castro a Láncara en 1992 / © CRTVG

O arquivo da Televisión de Galicia garda boa parte da documentación gráfica duns días que foron resumidos no documental Fraga y Fidel, sin embargo (Manuel Fernández-Valdés, 2013). Aquela viaxe, lembraba daquela o director do documental en declaracións a Praza.gal, "tivo pouco de oficial ou diplomática". Fraga concibíraa como unha festa continua e así foi, unha "festa televisada" na que dalgún xeito, reflexionaba o director, os dous líderes estaban tamén "emendándose a si mesmos".

Feijóo pediu a Touriño que fose a Cuba a esixir "liberdade", se ben como presidente visitou a illa en dúas ocasións mantendo a liña do socialista e do propio Fraga

Nos anos seguintes as posicións do Goberno galego a respecto de Cuba foron semellantes, pero nunca tan entusiastas como con Fraga. Así, no ano 2007 o presidente Emilio Pérez Touriño viaxou á illa caribeña co gallo do centenario do aniversario do himno galego, interpretado por primeira vez en 1907 en La Habana. O daquela líder da oposición, Alberto Núñez Feijóo, amosouse crítico co socialista porque, ao seu xuízo, debera aproveitar a visita para ser "valente" e esixir "liberdade". No entanto, xa con Raúl Castro no poder, Feijóo xa visitou Cuba en dúas ocasións, unha en 2013 e, máis recentemente, este mesmo 2016, e en ambas viaxes mantivo un ton semellante ao dos seus antecesores.

Raúl Castro anuncia a morte de Fidel Castro

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

Reaccións políticas ao falecemento en Galicia e España: Do eloxio ao mutismo

O falecemento de Fidel Castro suscitou unha vaga de reaccións políticas en todo o mundo e practicamente ningún partido ou institución optou polo mutismo, aínda que houbo excepcións, entre elas a Xunta. Pouco despois de se coñecer o pasamento Mariano Rajoy facía públicas as súas "condolencias" a través de Twitter e, nun comunicado, o Ministerio de Exteriores expresaba o seu "pésame", ademais de subliñar a dimensión "histórica" de Castro e a súa "influencia" en América.

A presidenta do Congreso, Ana Pastor, elixiu as redes sociais para transmitir tamén un breve comentario de "pésame" e, no ámbito partidario, algunhas das primeiras reaccións foron a do PSOE, que combinou o "pésame" coa vontade de "diálogo e entendemento" con Cuba no futuro, ou Podemos, que destacou a Castro como un "referente" para toda América Latina e agregou que os cambios políticos que experimente a illa caribeña no futuro deberán ser "froito da vontade do pobo cubano". O PP, pola súa banda, transmitiu as "condolencias" a través de Javier Arenas e dixo desexar unha "etapa de liberdade e prosperidade" para Cuba.

A Xunta non emitiu comunicado ningún a respecto do pasamento de Castro, aínda que en Cuba residen unhas 40.000 persoas vinculadas con Galicia, número semellante ao de Venezuela

En Galicia unha das reaccións políticas máis inmediatas foi a do BNG, primeiro cunha declaración á prensa da súa portavoz nacional, Ana Pontón, e despois mediante un comunicado da súa Executiva Nacional, que informou de que xa se dirixira ao Goberno cubano para expresar a tristura polo falecemento, "pero o exemplo de Fidel sérvenos para manternos firmes na loita", sinalaron. Dende En Marea o seu voceiro no Parlamento, Luís Villares, considerou que Castro foi quen "de canalizar as ansias de liberdade dun pobo" que "soubo resistir e triunfar" e de encarnar "valores revolucionarios". Tamén transmitiu o pésame o alcalde de Láncara, Darío Piñeiro (PSdeG), quen avanzou que na vila natal do pai de Castro se ultima un acto de lembranza.

Neste contexto, pola banda dos populares galegos non houbo reacción oficial ningunha, alén de comentarios individuais nas redes, e o mesmo sucedeu coa Xunta. Contrastando coa posición internacional a respecto de Cuba en etapas anteriores, sobre todo con Manuel Fraga á fronte, e mesmo con recentes posicións públicas con relación a Venezuela, dende San Caetano non se transmitiu comunicado oficial sobre o falecemento de Castro. No entanto, este domingo o vicepresidente, Alfonso Rueda, sinalaba en resposta á prensa que o Goberno galego xa transmitiu unha mensaxe de condolencia ao Goberno cubano. En Cuba viven, segundo os datos máis recentes do censo de residentes ausentes, unhas 40.000 persoas galegas ou descendentes de galegas.