Cando Feijóo alertaba de que Galicia sería "autonomía de segunda" no sector lácteo

Feijóo, no Parlamento como líder da oposición © Vieiros

Galicia, decembro de 2006. O país viña de transitar pola peor vaga de incendios da súa historia recente e a coalición de PSdeG e BNG, que levaba apenas un ano no poder, valoraba no Parlamento o Plan Lácteo formulado polo Goberno de España, que non acababa de convencer en San Caetano. Neste contexto o daquela líder da oposición parlamentaria e actual presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, cargaba con dureza contra o Executivo cunha alerta clara: Galicia corría o risco de ser unha "autonomía de segunda" no sector lácteo, pero tamén no naval ou no eólico.

No mesmo pleno en que o daquela conselleiro do Medio Rural, Alfredo Suárez Canal, comparecera sobre o sector leiteiro Feijóo aproveitou a sesión de control para preguntarlle ao presidente, Emilio Pérez Touriño, sobre o devandito Plan Lácteo. Como a actual oposición galega, Feijóo censuraba a actitude do Ministerio de Agricultura. O plan, censuraba, "dice moi claramente: vamos a frenar a Galicia, non vamos a deixala crecer", sobre todo pola xestión da cota láctea, agora desaparecida.

Na súa resposta Touriño matizou que a Xunta non consideraba o plan como "seu", toda vez que o do ano anterior fora máis beneficioso para o país, se ben consideraba que mantiña aspectos positivos. "Estamos onde temos que estar, na defensa dos intereses dos gandeiros de Galicia e por riba de calquera militancia partidaria e de calquera cualificación a respecto do Goberno de Madrid", retrucoulle. Mentres, lamentaba, as autonomías gobernadas polo PP, no que Feijóo xa "militaba destacadamente", exerceran "presións" que acabaran por prexudicar a Galicia.

En 2006 Feijóo instaba o bipartito a "deixar de xogar co país", porque senón Galicia remataría "en rexional preferente"

"Lle agradezo que me diga que eu milito destacadamente no PP; vostede, evidentemente, non milita destacadamente no PSOE porque non lle fan nin caso", retomou Feijóo. "Deixen de xogar co país", esixiu a continuación. "Vostede dice qeu non se aprobaría un plan lácteo que prexudicara a Galicia e agora dice 'non é o noso", pero a culpa é do PP, censurou. O problema, consideraba o actual presidente, era que, por culpa de PSdeG e BNG, Galicia toranba nunha "autonomía de segunda", xa fose no sector leiteiro, "no plan eólico", "no sector naval" ou "nas infraestruturas". Ou o goberno bipartito se puña a falar "en serio" co PP ou "non vamos a ir a segunda, vamos a ir a rexional preferente", auguraba.

Naquela sesión o actual presidente esixía tamén unha "investigación sen límites" sobre os incendios

Case unha década despois, e cos sectores leiteiro, naval e eólico vivindo cadansúas crises, outro treito daquel debate contrasta tamén coa realidade actual. No medio da petición de explicacións polo leite Núñez Feijóo instaba a Touriño a permitir unha "investigación sen límites dos incendios". "O Goberno nunca investigará responsabilidades do Goberno", acusaba. Hai poucos días o actual Goberno volveu impedir que o presidente da Xunta aborde os incendios deste 2015 en sede parlamentaria e insta a agardar a que, no remate da temporada, a conselleira do Medio Rural compareza na Cámara sobre o asunto.

Feijóo, no Parlamento como líder da oposición © Vieiros

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.