Manual do perfecto alcalde "radical", segundo o PP

Ferreiro e Noriega, pola zona vella de Santiago o derradeiro día da campaña CC-BY-SA Óscar Corral / CA

O manual do alcalde radical segundo o PP. Así podería titularse o informe que a dirección nacional dos populares presentou este venres en Cádiz no acto  do mesmo nome: Las malas prácticas de los alcaldes radicales aupados por el PSOE. Son unha serie de medidas que, segundo a formación conservadora, confirmarían a "mala xestión" dos gobernos locais liderados maioritariamente por plataformas cidadás e entre os que inclúe, por suposto, os da Coruña e Santiago de Compostela. Entre os pecados que terían cometido estes executivos nos seus primeiros cen días de xestión, o incumprimento de promesas sobre desafiuzamentos, enchufismo ou "ataques aos símbolos nacionais"

O informe do PP sinala os gobernos da Coruña e Compostela, ademais dos de Madrid, Barcelona, Valencia, Zaragoza, Cádiz, Badalona e Pamplona

Son, en total, vinte páxinas nas que se repasan as medidas -só unhas poucas elixidas e as máis simbólicas- adoptadas polos novos gobernos locais de Madrid, Barcelona, Valencia, Zaragoza, Cádiz, Badalona e Pamplona, ademais dos da Marea Atlántica e Compostela Aberta. Como di o PP, "concellos radicais de Podemos, Mareas, Ahora en Común, Sí se Puede ou EH Bildu".

Para o vicesecretario de Organización e Electoral do PP, Fernando Martínez-Maíllo -que debe declarar ante a xustiza no caso que investiga a Caja España pola concesión irregular de créditos ao ex presidente da entidade- nestes "cen días de gobernos extremistas" quedou demostrado que "non saben gobernar e van de ocorrencia en ocrrencia, dedicándose ao postureo e a tomar medidas radicais en lugar de resolver os problemas dos cidadáns".

O PP acusa a Noriega de "atacar os símbolos nacionais" por non ir á ofrenda do Apóstolo, o que considera "un desprezo á tradición cultural"

Segundo esta recompilación de "malas prácticas" de "alcaldes radicais", o Concello de Compostela tería cometido un deses "ataques aos símbolos nacionais", e máis concretamente o rexedor Martiño Noriega, por ausentarse o 25 de xullo, "Santiago Apóstol, patrón de España, nas ofrendas relixiosas tradicionais na catedral", un acto "secular" que "realizan os reis por si mesmos ou un delegado rexio" e que, desde o século XVII, segundo o PP, "é en realidade un acto cultural e unha mensaxe de preocupacións e desexos dirixidos á Nación". Para os populares, é a primeira vez que "tal desprezo a esta tradición institucional e cultural se produce na nosa etapa constitucional", pero nada di de que a decisión non só non foi criticada pola propia Igrexa, senón entendida

Ademais, o PP censura a actitude do goberno de Santiago por declarar a cidade libre de desafiuzamentos, "unha declaración simbólica sen aplicación práctica ningunha", e no apartado de "mala xestión e deslealdade institucional", critica a Martiño Noriega por "recomendar a lectura de Exhortación á desobediencia, de Xosé Manuel Beiras"

Os populares tamén denuncian o alcalde de Santiago por "recomendar a lectura de 'Exhortación á desobediencia', de Beiras"

No informe, o PP identifica Compostela Aberta directamente con Podemos e acúsaa de "descapitalización cultural e institucional" por non estar presentes os membros do goberno en actos relixiosos. Ademais, tamén acusa o executivo local de "xerar falsas expectativas a case 800 persoas" porque, segundo di, presentárase un proceso de concorrencia para accederon a un posto de "persoal de confianza" que acabou por ser "conforme a cirterios subxectivos e adscrición ideolóxica". Non falta tampoco a crítica á non sinatura de convenios con agrupacións antiabortistas "por motivos ideolóxicos". 

Tampouco se libra das críticas do PP o goberno coruñés da Marea Atlántica. No seu informe, a formación conservadora censura que "presuma de que cen días despois da súa chegada non lle consta que se producise desafiuzamentoo ningún" e critica tamén que o executivo "anunciase que non colaborará con ningunha entidade que faga desafiuzamentos". 

En canto á xestión, acusa a Marea de "presentar 27 medidas urxentes para os primeiros cen días" -en realidade son 25- e de "só ter executado sete". "Nada se sabe dalgunhas como o plan de erradicación do chabolismo ou da renda básica universal", asegura o PP, que censura tamén o feito de que non se levase a cabo a municipalización do servizo da ORA, cuxa empresa concesionaria está vinculada xunto a varios cargos populares na trama de corrupción da Pokémon, ou que se paralizasen actuacións como as polémicas obras da Mariña -que seguen provocando problemas- ou reformas de mercados municipais. 

O informe acusa a Marea Atlántica de "poñer obstáculos a investimentos en marcha ou programados" na Coruña

Os populares din que o novo goberno "dedicouse desde o primeiro día a poñer obstáculos a investimentos en marcha ou programados na cidade por parte doutras administracións, como o porto exterior" e acusa a Marea Atlántica e "negarse a apoiar a Carrera de la Mujer alegando motivos sexistas". Tamén denuncian que se "duplicase o custo de inscrición das carreiras populares" e remata afirmando que "non se puxo en marcha proxecto ningún relevante" o que tería provocado a "parálise da cidade". 

O PP, que tamén identifica directamente a Marea con Podemos malia que a formación morada non ten nin un só concelleiro na Coruña, acusa tamén o goberno de deixar o PP fóra das negocacións para a organización da Corporación e do modificativo de crédito, que foi proposto para intentar paliar os problemas de tesoureiría que deixara o executivo de Carlos Negreira no Concello. 

O PP censura a "paralización" das touradas e a "correspondente indemnización", malia que celebralas tería suposto 50.000 euros máis de gasto

Xa por último, o informe dos populares denuncia a "paralización de corridas de touros xa contratadas coa correspondente indemnización", pero nada di de que a feira taurina traería aparellado un custo aproximado de 60.000 euros. Coa suspensión, e co pagamento duns 10.000 euros de indemnización aos organizadores, o Concello aforrou 50.000 euros logo de que se gastasen 2,2 millóns públicos nos últimos vinte anos. Como engadido, o PP tamén critica que o alcalde nin ningún concelleiro representase a administración local "en actos relixiosos tradicionais", aos que si acudiron edís populares -como no caso da misa do Rosario-, que non estiveron presentes, no entanto, na retirada da placa que lembraba ao xeneral fascista Millán Astray no barrio das Atochas. 

O vicesecretario de Organización do PP, Fernando Martínez-Maillo © PP

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.