Feijóo tenta reiventarse no derradeiro debate da lexislatura

Discurso de Feijóo no debate de 2014 © Parlamento de Galicia

Un Feijóo 2.0 á procura dunha remontada para o PPdeG e, quizais, para el mesmo. Este mércores comeza no Parlamento o vixésimo segundo debate de política xeral da historia do lexislativo galego, o que con toda seguridade será o derradeiro da actual lexislatura, toda vez que o 2016 é ano electoral e a reforma da lei da Xunta e a súa Presidencia impide estas sesións nos anos en que se celebren comicios. O deste 2015 será un debate marcado polas eleccións, tanto polas que veñen como polas municipais do pasado maio, que axitaron de vez o efervescente taboleiro político galego. Neste contexto, Alberto Núñez Feijóo despregará un discurso no que procurará dar por iniciada unha nova xeira marcada pola recuperación económica, a política social e a "tolerancia cero" contra a corrupción, procurando así amosar unha reinvención que facilite a permanencia do PP no Goberno cando aínda está por ver se no cartel electoral aparecerá unha nova cara ou, pola contra, será Feijóo quen tente sucederse a si mesmo.

O debate chega, e non por casualidade, xusto despois da crise de goberno máis profunda dende a chegada de Feijóo á Xunta. Nela o presidente abdicou do modelo de Goberno que vendera como paradigma de "facer máis con menos", desfacendo algunhas das súas fusións de consellerías máis controvertidas, como Medio Ambiente e Infraestruturas ou Medio Rural e Mar, e ampliando o número de departamentos despois de reiterar durante media década a bondade de reducilos. Neste novo organigrama unha das figuras claves é o novo conselleiro de Política Social, José Manuel Rey, encargado de escenificar o 'xiro social' de Feijóo e, ao mesmo tempo, de dirixir a campaña electoral dos populares galegos nas xerais. Asemade, no banco azul xa non estará sentada Rocío Mosquera, que viña sendo un dos principais lastres do gabinete polos seus recorrentes conflitos en Sanidade e cuxa destitución aliviou a presión sobre o propio presidente a respecto da controvertida xestión no hospital de Vigo.

O presidente tentará escenificar un 'xiro social' coa vista posta nas inmediatas convocatorias electorais

A profunda remuda permitiralle a Feijóo pronunciar un discurso neste derradeiro debate cun ton máis de investidura que de balance dunha lexislatura que remata. Vaino facer, asemade, proclamando a chegada dunha nova era en canto a bo goberno e freo das prácticas presuntamente irregulares ou corruptas. Así, xunto á aprobación de medidas de "prevención da corrupción" como a nova lei de financiamento dos partidos -de alcance limitado por bater con competencias estatais- ou o inicio dos trámites da reforma da lei de transparencia, o titular da Xunta presentará no pleno as cabezas políticas da delegada da Xunta en Vigo, María José Bravo, investigada na operación Patos, e do seu homólogo en Ourense, Rogelio Martínez, a quen tamén vén de destituír malia estar inmerso en procesos xudiciais por presunta corrupción dende hai máis de media década.

Feijóo chega ao debate sen o lastre de Mosquera e presentando as cabezas políticas dos delegados en Ourense e Vigo

Todo isto sucede, no entanto, mentres continúan en marcha casos como Pokémon e Zeta, cuxas respectivas instrutoras dubidan da limpeza do financiamento do PP en diferentes etapas. No caso da trama que investiga Pilar de Lara o suposto financiamento irregular afectaría o sector do partido sobre o que Feijóo ten menos control, a provincia de Ourense, mentres que na Operación Zeta, que indaga unha suposta fraude en axudas públicas para o emprego, as dúbidas atinxen a persoas e dirixentes moito máis próximos ao presidente.

O cumprimento do debate pasado

Alén da tentativa de reinvención presidencial e da aposta da oposición por tentar presentarse como alternativa -coa incógnita máis que profunda de que algún dos líderes de resto de grupos opte á Presidencia en 2016-, o debate de política xeral servirá tamén para aprobar algo máis de medio cento de propostas de resolución, isto é, medidas concretas que os grupos poñen sobre a mesa e que, a priori, deberan converterse en accións do Goberno. Isto sucede despois de que, como adoito, as propostas do pasado ano teñan un grao discreto de cumprimento.

En 2014 aprobáronse 56 resolucións, cun grao de cumprimento desigual

No 2014 a Cámara deulle o seu visto e prace a 56 resolucións, todas as do PP máis algúns acordos coa oposición. Algunhas delas foron puramente declarativas, como a iniciativa do PP contra o soberanismo catalán, ou de imposible medición, como outorgarlle máis "visibilidade" á cultura galega ou fomentar a "diversificación" das actividades produtivas na costa. Outras medidas aprobadas si son doadamente medibles e o resultado é desigual.

Así, por exemplo, si saíron adiante a integración de novos contidos na plataforma dixital da Consellería de Educación, a revisión do plan estratéxico da economía, o plan de financiamento universitario ou a ampliación da taxa de reposición nas ofertas públicas de emprego. No entanto, finalmente non se reduciu a duración da campaña electoral autonómica, a promesa de procura de mellores prezos para o leite bateu cun novo conflito no sector  e o mandato marco da CRTVG segue sen estar aprobado, aínda que a súa tramitación comezou este verán.

Intervención de Feijóo no debate de 2014 © Parlamento de Galicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.