O 'Baltargate' persegue a Feijóo

Feijóo intervén ante Baltar no congreso do PP de Ourense, en 2010 CC-BY-SA PPdeG

Nas haxiografías de Alberto Núñez Feijóo adóitase obviar o 31 de xaneiro de 2010. Aquel domingo o líder do PP galego, que presidía a Xunta dende nove meses antes, acudiu ao ourensán pavillón dos Remedios para vivir a súa máis soada derrota interna. O partido celebraba o seu congreso provincial e a contorna máis próxima a Feijóo impulsara unha candidatura para derrubar a José Manuel Baltar, que se dispuña a substituír na presidencia ao seu pai. O candidato de Feijóo obtivo 433 votos e o herdeiro do barón provincial, 723, un vapuleo en toda regra que permitiu á familia Baltar manterse na cúspide do poder dun dos celeiros de votos esenciais para a dirección do PP galego, a mesma que agora tenta dixerir o escándalo xerado pola denuncia dunha muller que, tal e como desvelou eldiario.es, acusa a Baltar fillo de ofrecerlle un posto de traballo na Deputación a cambio de sexo.

O presidente da Xunta tentou, sen éxito, xustificar nos últimos días ao seu barón provincial dun xeito que, lonxe de arrefriar a polémica, avivouna. O escándalo aumenta a súa dimensión e ameaza con perseguir a Feijóo en plena precampaña das eleccións xerais.

Este martes, mentres o grupo do PP na deputación ourensá decidía, con Baltar á fronte, ausentarse do pleno que debatía monográficamente a reprobación do presidente por este asunto, o Parlamento galego configuraba a orde do día do pleno da semana que vén, un dos últimos antes do 20-D. Nese documento figura que todos os grupos da oposición con dereito a participar na sesión de control ao presidente, PSdeG, AGE e o Grupo Mixto, instarán a Feijóo a aclarar se apoia ou non que Baltar continúe no seu cargo e, ademais, a explicar se mantén, como afirmou a semana pasada, que a cuestión neste caso é que a denunciante "pretendía que o señor Baltar delinquise, e non delinquiu".

Todos os grupos da oposición preguntaranlle ao Goberno galego no pleno polo caso Baltar

Feijóo, di o portavoz socialista, José Luís Méndez Romeu, terá que explicar "se apoia a actuación dun presunto agresor e, por tanto, ampara un caso de violencia de xénero". Á oposición, advirte, non lle vale coas "incribles" xustificacións ofrecidas até agora por Feijóo, porque equivalen a avalar unha "política de contratación", a da Deputación de Ourense, "caracterizada polo nepotismo e agora, tamén polas denuncias de violencia de xénero". Nun sentido semellante, a viceportavoz de AGE, Yolanda Díaz, avanza que cuestionará a Feijóo polo apoio a Baltar e o seu "machismo".

No seo do PPdeG esténdese a preocupación pola erosión que o escándalo poida ter nas súas expectativas electorais nas xerais de decembro

O gabinete de Feijóo terá que responder polo menos unha cuestión máis sobre o mesmo asunto no mesmo pleno. Será a formulada polo BNG, que en virtude das normas parlamentarias aprobadas a pasada primavera, non pode participar en todas as sesións de control ao presidente. No entanto, na quenda de preguntas ao resto de membros do Goberno, o Bloque cuestionará o Executivo -terá que responder o vicepresidente ou un dos conselleiros- polo que considera "un presunto delito de acoso sexual" atribuído a Baltar e tamén polo "amparo ao acosador" por parte de Feijóo, quen a xuízo do portavoz nacionalista, Francisco Jorquera, chegou a "converter á vítima en culpable".

Neste contexto, mentres o PP de Ourense segue dando a batalla por defender o seu líder á marxe dos argumentarios da dirección galega e da madrileña rúa de Génova, na cúpula do PPdeG esténdese a preocupación pola erosión que este escándalo poida causar nas súas expectativas electorais a pouco máis dun mes para as xerais. "É evidente que vai incidir" na campaña, recoñece o portavoz dos populares na Cámara autonómica, Pedro Puy. No entanto, forzar a dimisión de Baltar ou simplemente amagar con facelo podería traer consigo unhas consecuencias electorais aínda máis prexudiciais para o partido se, por exemplo, o baltarismo decide que os seus 60 alcaldes -Ourense ten 92 concellos- deciden non implicarse na maquinaria electoral e evitan esforzarse en exceso para revalidar os 3 deputados que actualmente ten na provincia, que elixe catro.

Feijóo e Manuel Baltar, no congreso de 2010 © PPdeG

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.