Feijóo: "Os galegos non somos tan parvos como para ir a Venezuela"

Feijóo, durante sesión de control © Xoán Crespo

Venezuela é unha convidada recorrente nos discursos do presidente da Xunta dende hai aproximadamente un ano, en vésperas das eleccións municipais. Daquela Alberto Núñez Feijóo advertiu de que en Galicia se dispensaban fármacos con normalidade porque "isto non é Venezuela", instou a non votar a partidos que visen "respectable o réxime venezolano" e advertiu que diversas vilas galegas pasarían a ser "pobos de Venezuela" se o PP deixaba de gobernalas. Paralelamente, os populares sacaban adiante unha iniciativa no Parlamento galego para instar o Goberno venezolano a cumprir diversos aspectos da súa Constitución. Un ano despois, de novo ás portas dunha carreira electoral, o xefe do Executivo volve esgrimir o país sudamericano ao que, di, os galegos "non somos tan parvos" como para emigrar, dada a súa situación política actual.

Nesta ocasión Venezuela regresou ao Pazo do Hórreo durante a sesión de control ao presidente. O vicevoceiro de AGE, Antón Sánchez, cuestionaba o xefe do Executivo pola "regresión demográfica" que sofre Galicia, botando man ao respecto dos saldos vexetativos e migratorios. "Dende que vostede goberna Galicia perdeu 64.000 habitantes", censurou Sánchez, que ve na cifra un síntoma de que "neste país non hai oportunidades", afirmación que apoia tamén nos datos máis recentes do padrón de residentes no exterior, que no caso galego rexistra un incremento medio dunhas 20.000 persoas ao ano.

A xuízo do presidente da Xunta o parlamentario de Alternativa debera "estudar" antes de abordar este asunto, xa que é "falso" que o devandito incremento do padrón se corresponda integramente con migracións, xa que suma tamén nacementos no estranxeiro de persoas cuxa familia ten orixe galega. "Non me fagan culpable de que haxa xente que nunca naceu nin viviu en Galicia", esixiu, ao tempo que advirte de que, sumando os saldos migratorios de 2008 a 2014, en Galicia "entra" máis xente da que "sae" -o saldo migratorio foi positivo ata 2011, ano dende o cal vén acumulando cifras negativas-.

O presidente agrega os saldos migratorios de 2008 a 2014 para afirmar que en Galicia segue a "entrar" máis xente da que "sae"

É neste contexto no que Feijóo emprega de novo a apelación venezolana. "Cre que os galegos somos tan parvos como para ir a Venezuela? Alí vostedes están moi ben, pero os galegos, moi mal", espetoulle ao vicevoceiro de AGE para negar que haxa unha emigración galega significativa cara a esa zona do mundo -nos últimos anos o INE rexistrou entre 2.000 e 4.000 migracións a Sudamérica con orixe en Galicia- e en Venezuela, nomeadamente, residen algo menos de 40.000 persoas rexistradas no Censo de Residentes Ausentes dalgunha das provincias galegas.

Converxencia coa renda europea

O lanzamento cruzado de datos e referencias históricas máis ou menos precisas foi tamén protagonista na quenda do BNG, cuxo voceiro, Francisco Jorquera, preguntaba polo retroceso na converxencia da renda media galega con respecto á UE. A Xunta, subliña Jorquera, marcara o obxectivo de "subir cinco puntos" neste indicador pero, pola contra, "baixamos dez". "Parece que vostede non é español", retrucou o presidente, que instou o nacionalista a ter en conta que España "perdeu 11 puntos" de converxencia nos últimos anos e que Galicia "é das comunidades autónomas que menos afectada se viu" por este retroceso.

Feijóo: "Nin Castelao nin Filgueira tiveron ningunha dúbida do seu carácter español e europeo"

"Algún día terá que aclararnos de onde saca os datos", ironizou Jorquera, antes de que Feijóo reiterase a boa posición relativa neste eido a respecto doutras autonomías. En calquera caso, o xefe do Executivo considera "curioso" que o BNG "apele á renda europea" mentres "están arriando a bandeira" da UE -en referencia ao xesto de protesta en varios concello spolo trato ás persoas refuxiadas-. O Bloque, conclúe, debera ter máis en conta o europeísmo dalgúns referentes históricos do país: "Nin Castelao, nin Filgueira, nin Piñeiro tiveron ningunha dúbida do seu carácter español e europeo", proclama para, a continuación, recuperar os versos de Cabanillas aplicados ao crecemento do PIB. Durante a crise económica Galicia estivo "en pé, serea, coa limpa frente erguida, envolta na brancura da luz que cae de riba".

Feijóo, durante sesión de control © Xoán Crespo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.