Mareas en Común apreman os partidos a usar o seu espazo para artellar a confluencia

Xuntanza das Mareas en Común, en Sada Dominio Público @MareasEnComun

As Mareas en Común impulsan a confluencia. Logo de catro meses de traballo e seis xuntanzas, as mareas municipalistas galegas abren a carreira electoral co inicio o próximo 7 de maio do proceso da Marea Viva, "espazo de traballo para a construción dunha confluencia das forzas do cambio que poida gañar as vindeiras eleccións autonómicas", tal e como explican nun comunicado. Así o acordaron na reunión celebrada este sábado en Sada, onde se xuntaron 200 persoas e na que estiveron representadas máis de 30 plataformas locais.

Mareas en Común dá inicio o 7 de maio á Marea Viva, onde pretende construír a confluencia xunto a partidos, movementos e persoas a título individual

O calendario supón, tamén, unha forma de "apremar" os partidos, movementos e persoas a nivel individual que queiran participar nesa confluencia a empregaren "o espazo que lles ofrecen as Mareas en Común" como a "plataforma" onde se conforme esa candidatura unitaria de esquerda. E para que se faga "en pé de igualdade e de maneira transparente", tal e como aseguran fontes do proceso, que xa acordara a "adscrición individual" como fórmula para implicarse na construción desta unidade. 

Será -á maneira da Marea Viva que celebrara a Marea Atlántica- un espazo de traballo cun "censo aberto de persoas, mareas, partidos, entidades, movementos e colectivos" e desde el deseñaranse as primarias, un código ético para os cargos electos, o modelo organizativo e unha forma de goberno. Pretende ser, como aclaran fontes das Mareas en Común, "o espazo da confluencia", pero para nada "un axente máis" dela. "Queremos achegar o espazo onde garantir a participación e a transparencia do proceso, pero nós non estamos aquí para saír en foto ningunha nin para ser recoñecidos como unha pata máis", explican quen aclaran tamén que o obxectivo é lograr un proceso "que non repita os erros de En Marea", senón que implique a cantos máis e mellor e "con paredes de cristal". 

Mareas en Común insiste en que non quere ser "un axente" da confluencia senón "achegar o espazo para garantir a participación e a transparencia"

Pendentes de se Feijóo adianta as eleccións galegas ou non, desde Mareas en Común saben que uns comicios o 26 de xuño obrigarían a acelerar os pasos e a actuar cunha rapidez e eficiencia "moito máis áxil do que se podía pensar". Nese caso, aclaran, as primarias deberían celebrarse dentro de menos dun mes e partidos que, como o caso de Podemos, deban consultar á súa militancia a súa implicación plena ou non no proceso terían que activar axiña a participación. Por iso, instan a formacións políticas e movementos que dean un paso e actúen con "responsabilidade". 

Así, e ante a vontade manifestada por Carmen Santos, secretaria xeral de Podemos-Galicia, de "democratizar" ou "mellorar En Marea" en lugar de "empezar todo desde cero", desde Mareas en Común aclaran que o seu proceso "non empeza da nada senón que leva meses traballando" e que a Marea Viva debería ser o encontro onde se artellase esa confluencia con "total transparencia e participación", xusto o que din botar en falta as formacións críticas coa confluencia nas xerais. E o mesmo ante Anova, que tamén aposta por ampliar a unidade a partir da coalición que acadou seis deputados no Congreso. A eles, e a todos, pídenlles que deixen a indefinición. 

Ferreiro, Yolanda Díaz, Gómez-Reino ou Ángela Rodríguez apoiaron coa súa presenza as Mareas en Común

Precisamente, o pasado sábado, ningún cargo de relevancia de Anova acudiu á xuntanza de Sada, aínda que si participaron varios militantes a título individual. Si estiveron o alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro; a deputada de En Marea e líder de EU en Galicia, Yolanda Díaz; ou os deputados e o senador, membros de Podemos, Antón Gómez-Reino, Ángela Rodríguez e José García Buitrón. Coa súa presenza tratan tamén de avalar as Mareas en Común como o espazo onde artellar a confluencia nunha xuntanza na que participaron o alcalde de Sada, José Benito, e o da Pobra do Caramiñal, Xosé Lois Piñeiro, que xa anunciou a súa marcha de CxG para apostar por un espazo de unidade. 

Igual varios militantes máis de Compromiso e algún ex membro do BNG cos que, no caso de apostar pola confluencia, tamén se conta nas Mareas en Común. "A Marea Viva é un espazo aberto onde se pode apuntar e implicar calquera", lembran nun proceso que decidiu tamén crear un partido instrumental, aínda que aclaran que só "como unha cuestión técnica" para que, no caso dun adianto electoral que acelere os prazos, "a confluencia poida contar con el". E insisten, moi repetitivamente, que eles non son axente ningún máis aló dun posibilitador e o lugar común. "Somos o espazo onde atoparse e nin tan sequera o nome dunha posible candidatura é cousa nosa, pódense repetir outros", rematan. 

Ferreiro, Gómez-Reino, Yolanda Díaz e Ángela Rodríguez, coas Mareas en Común Dominio Público @MareasEnComun

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.