Xosé Manuel Beiras, Carolina Bescansa e Eva Solla. Son as tres persoas que, en representación de Anova, Podemos e Esquerda Unida, sentarán na mesma mesa para abrir, o vindeiro domingo no Auditorio de Galicia, en Santiago, a asemblea de En Marea baixo o lema A suma multiplica. Non é casual que xunto ao veterano nacionalista non vaian figurar as máximas responsables das outras dúas formacións en Galicia, Yolanda Díaz e Carmen Santos -a secretaria xeral de Podemos-Galicia intervirá no peche do acto-, nun conclave convocado formalmente co obxectivo de promover a "apertura e democratización" da coalición, pero que está chamado a supoñer un punto de inflexión tras meses de desencontros internos e entre organizacións que tensaron, forte e evidentemente, as costuras desta alianza, distensión que Bescansa, en sintonía coa dirección galega do seu partido, procura dende este xoves sobre o terreo.
A aberta discrepancia a respecto da forma xurídica co obxectivo de procurar un grupo parlamentario propio -"partido instrumental", como defende Anova, ou coalición, como veu funcionando e como prefiren EU e Podemos- non é a orixe nin única causa das tensións. Estas cómpre procuralas, entre outros eidos, no seo da coalición e nos seus órganos de dirección dende pouco despois das eleccións do 20-D. Primeiro, na non consecución do grupo parlamentario. Despois, coa ausencia de Galicia no documento empregado por Podemos nas negociacións co PSOE, propostas que chegaron días despois nun documento propio, o controvertido "anexo".
Este foi o contexto no que en Anova comezaron a cundir os receos a respecto do seus socios, resumidos con crueza polo propio Beiras a pasada fin de semana nunha entrevista radiofónica. Dende o punto de vista do pé soberanista de En Marea, durante estes meses primou o guión da cúpula estatal de Podemos e dos seus representantes nas Cortes, cun peso acentuado pola falta de dirección en Galicia ata a elección da nova secretaria xeral, a mediados de abril, e pola proximidade política e persoal de Yolanda Díaz, coordinadora de EU e deputada de En Marea, á contorna de Pablo Iglesias. Esta mestura de factores está tamén por tras das dificultades de quen foi voceira no Congreso, Alexandra Fernández, para facer valer o seu posto.
Beiras, Bescansa e Solla abrirán a asemblea da coalición, o domingo en Santiago
Con este pano de fondo chegou o acelerón final dos acontecementos. A aproximación de Podemos e Izquierda Unida que derivou no acordo de coalición a nivel estatal -ratificado estes días polas bases de ambas formacións- deixou nunha beira da estrada política a dinámica propia de En Marea, a mesma que as forzas implicadas pretenden pacificar e reactivar na asemblea do domingo. Mentres ambas forzas daban por incluído nese acordo a confluencia galega, Anova lanzaba unha advertencia: "para salvagardar o espazo de confluencia" e "debido á cuestión burocrática" de que o prazo para inscribir coalicións cara ao 26-X remata este 13 de maio, a formación "viuse na obriga de asinar preventivamente" a reedición da fórmula. No entanto, a decisión definitiva corresponde "ás bases", resaltaron ao tempo que lembraban que o partido instrumental estaba xa rexistrado por se cumprise botar man del. Dende Podemos, Pablo Echenique retrucou que non se contempla outra posible fórmula.
Un partido a dúas voltas
Así e todo, as foto das tensións internas de En Marea non estará completa se non figura nela un factor que vai alén das novas xerais: as eleccións galegas. O proceso -ou os procesos- de confluencia cara a eses comicios está en marcha dende comezos de ano e neste punto véñense amosando tamén diverxencias. A nova dirección de Podemos-Galicia aposta por unha "ampliación" de En Marea no canto de "reinicialo todo" e, ao tempo, non dá por desbotada a hipótese de concorrer en solitario. Decidirán as bases, advirte Santos.
A foto das tensións internas non está completa se non figura nela o proceso cara ás eleccións galegas
EU, pola súa banda, achégase ás Mareas en Común, a unión das mareas municipais que vén alargándose dende comezos de ano e que dende a semana pasada estuda o xeito de encaixar cos partidos de En Marea. Nesta liña, na asemblea do domingo agárdase a presenza de membros de plataformas locais, se ben a "título individual", segundo as fontes consultadas. Foi neste achegamento no que Díaz expresou publicamente a súa aposta por que a candidatura confluente á presidencia da Xunta non fose para Beiras, senón para unha persoa "independente" e, preferentemente, muller. "Se me quere quitar do medio, que explique por que", retrucou o portavoz nacional de Anova.
"Reimpulsar" un proxecto "en construción"
En Marea sinala que a asemblea do 15 de maio servirá para "afondar na democratización" e "concibir" a coalición "como un espazo aberto ás mareas municipais"
Todas estas e algunhas outras variables estarán sobre a mesa o domingo nunha asemblea cuxa organización apela ao simbolismo da data, o 15-M. Alí, explican, evidenciarase que En Marea é "un proxecto en construción" que recolle as "ansias de cambio que tomaron corpo primeiro nas mareas municipais" e despois, nas xerais do 20-D. O que agora toca, sinalan, é "afondar na democratización" da coalición e "concibila como un espazo aberto a todas as mareas municipalistas" e "ás persoas implicadas que queiran compartir esta ilusión".
Os "obxectivos" da xuntanza, na que xa están inscritas algo máis de 700 persoas son, segundo En Marea, "establecer un espazo común de diálogo construtivo" e buscar "as mellores formas para o funcionamento democrático" que faga de En Marea "un suxeito político común". Tamén para "facer balance do traballo nas Cortes". "Non é falar por falar", aseguran. O que procurarán é "reimpulsar o proceso que nos permita vencer á dereita e conseguir un goberno para os máis".