Ciudadanos troca o seu candidato galego por un ex membro de UPyD e reabre a súa crise en Galicia

Candidatos de Ciudadanos ao Congreso e ao Senado para o 20-D © Ciudadanos Galicia

Marusía en Ciudadanos Galicia. A formación laranxa decidiu prescindir do seu número 1 pola Coruña e único deputado galego electo do partido o pasado 20-D, Antonio Rodríguez, de cara ás vindeiras eleccións xerais do 26 de xuño. O Consello Xeral de C's ratificou a pasada fin de semana as cabezas de lista a nivel estatal e aceptou a proposta da dirección galega, que substitúe o xa ex parlamentario por José Canedo, quen fora candidato de UPyD á presidencia da Xunta. 

Ciudadanos prescinde do número 1 pola Coruña e único deputado galego da formación laranxa na última lexislatura

Non foi o único cambio nas listas de Ciudadanos en Galicia, xa que María Rey, concelleira en Pontevedra e subdelegada territorial da formación na provincia, substitúe a Antonio Lara como cabeza de lista. Desde varias agrupacións da provincia coruñesa xa solicitaron a Albert Rivera que rectifique e devolva a Rodríguez ao primeiro posto da lista electoral. 

Malia que Juan José Chouza, delegado de Ciudadanos en Galicia e tamén ex de UPyD na comunidade, aseguraba que ambos os dous cambios se debían unicamente a "motivos profesionais", a resposta por parte do ex candidato coruñés, Antonio Rodríguez, non tardou. En declaracións a varios medios, asegurou sentirse "traizoado" logo de que, tras a disolución das Cortes, a formación laranxa lle garantise o mesmo posto nas listas. 

Antonio Rodríguez cualifica de "cacicada" a súa destitución e censura o "dedazo" do partido de Albert Rivera

Rodríguez, elixido mediante un proceso de primarias, cargou contra o "dedazo" do partido que lidera Albert Rivera, e cualificou de "cacicada" a decisión impulsada pola dirección galega e aceptada pola estatal. "Advertinlles que isto non vai ter un custo político, 'non sei como o ides xustificar", di o ex deputado, que denunciou que Ciudadanos "cargouse os estatutos, as primarias e a rexeneración". "É unha burla á democracia", engadiu. 

Antonio Rodríguez, na súa explicación, asegura que o partido pediulle que se afastara e que, malia que lle dixeron que estaban "contentos" con el, manifestáronlle a intención de buscar unha persoa "con máis experiencia nos medios". Ademais, a formación laranxa teríalle ofrecido ir de número dous, unha posición que con case total seguridade imposibilita a súa presenza no Congreso. "Sería unha falta de honestidade aceptalo". 

"Ciudadanos cargouse os estatutos, as primarias e a rexeneración", di o xa ex deputado

Durante a campaña para o 20-D, Ciudadanos blindara o seu candidato coruñés da prensa. Todo foi a raíz de que evitase acudir a un debate en V Televisión para, días despois, nunha entrevista nesa mesma canle e, ao ser cuestionado polas súas propostas para Galicia, dicir que non tería tal ata despois dos comicios. Tras un importante espallamento do vídeo polas redes sociais o partido laranxa continuou celebrando encontros e paseos electorais por diversos puntos do país, se ben o seu servizo de comunicación blindouno das preguntas da prensa.

Non foi a única polémica de Ciudadanos en Galicia durante a súa campaña, na que nos actos non falaban os seus candidatos, senón líderes estatais como Inés Arrimadas ou Marta Rivera de la Cruz. A intervención desta última, deputada por Madrid nada en Lugo, nun mitin na Coruña, foi das máis comentadas. Asegurara que en Galicia era "moi difícil" todo, mesmo ir votar por mor da chuvia, e apostou por propostas estrelas como facer do país un "plató" para filmes, gravando en lugares como os cantís de Santo André de Teixido. "Pueden salir perfectamente en Juego de Tronos", manifestara.

Malia todo, Ciudadanos acadou un escano en Galicia pola Coruña e estivo a piques de conseguir outro en Pontevedra. De cara aos comicios de xuño, as enquisas volven darlle representación no país. Durante os catro meses que durou a pasada -e curta- lexislatura, o deputado galego da formación laranxa, ao igual que os do PP, non presentou iniciativa ningunha

 

Coordinadores da Coruña piden revogar a destitución

A remuda de Antonio Rodríguez non foi acollida con unanimidade, nin moito menos, en Ciudadanos Galicia. Os coordinadores da formación en Cambre, Culleredo, Oleiros, Ames e A Coruña amosaron o seu malestar e pediron a Rivera que devolva o xa ex deputado de Ciudadanos Galicia ao primeiro posto da lista para o 26-X "porque é o candidato que escolleron os afiliados". Para todos eles, a decisión "vai contra os principios" da formación laranxa, segundo advertiu Patricia Pertierra, responsable do partido na capital da provincia. 

"Non ten ningunha explicación", engadiu, tras alertar de que se enteraron da nova "pola prensa" e de que aínda esperan unha comunicación "oficial" da dirección estatal". Así, os cinco coordinadores pediron que se "reconsidere" a decisión porque "aínda hai tempo" ata o día 23. "Logo xa veremos as medidas que tomamos", engadiron. 

Cinco agrupacións de Ciudadanos na Coruña piden a Rivera que rectifique por "ir contra os principios" da foramción laranxa

As crises no partido laranxa en Galicia sucédense a cada pouco. O pasado mes de marzo, Francisco Hervías, secretario de Organización de Ciudadanos, informaba aos militantes galegos da destitución dos dous delegados territoriais da formación: José Canedo e Juan José Chouza, logo da disolución e a grave crise interna das cúpulas en Vigo e na Coruña. 

Chouza e Canedo foron destituídos hai meses pola dirección estatal de Ciudadanos; agora son líder en Galicia e candidato pola Coruña respectivamente

Chouza regresou ao pouco para ocupar o posto de delegado territorial en Galicia, mentres que Canedo é agora o candidato pola Coruña e a persoa con máis posibilidades de representar Ciudadanos Galicia no Congreso. Non hai moito, Javier Sánchez-Agustino, candidato da formación laranxa en Compotela e ex concelleiro polo PP na época de Conde Roa, foi nomeado voceiro do partido na comunidade en substitución da lucense Olga Louzao, que durou pouco máis dun mes no posto. 

Antonio Rodríguez, candidato de C's en Galicia o 20-D © Ciudadanos Galicia
José Canedo, na súa etapa en UPyD © UPyD-Galicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.