O pasado 2015 foi o ano con menor transparencia sobre as listas de espera do Servizo Galego de Saúde dende que estes datos comezaron a ser públicos, no final do mandato de Manuel Fraga na Xunta. En virtude da lei de garantías de prestación sanitaria, aprobada en solitario polo PP, o Sergas pasou de informar trimestralmente sobre a agarda cirúrxica e de consultas a facelo cada seis meses, en xuño e en decembro, unha mingua de información que lle permite a Sanidade, por exemplo, evitar difundir os datos do verán, cando a demora adoita subir por mor dos peches de camas. Os datos de espera máis recentes, os de finais de 2015, amosaron que o número de doentes a esperar é o maior en dez anos. E agora, cando só resta un informe de listas por difundir antes das eleccións galegas, a Xunta anuncia unha inxección de cartos para rebaixalas.
Este xoves o presidente da Xunta empregou, por segunda semana consecutiva, a rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta para anunciar o destino do que o Goberno galego alcumou "superávit de responsabilidade", os 200 millóns de euros que a Xunta pode gastar en 2016 por riba do previsto grazas á ampliación do obxectivo de déficit por parte do Ministerio de Facenda e por cumprir, como Euskadi e Canarias, o teito fixado para o pasado ano. Estes anuncios producíronse sen que a reunión semanal do Goberno aprobase decisión ningunha ao respecto e se que nin sequera, como noutras ocasións, abordase un informe sobre o tema para despois expoñelo ante os medios de comunicación.
Feijóo realizou os anuncios de investimentos despois do Consello da Xunta, no que non se aprobara nada ao respecto
Despois de afirmar hai sete días que parte deses fondos adicionais, uns 50 millóns, irían parar a eidos como axudas á natalidade por vías como a ampliación a 2017 do controvertido cheque bebé, no segundo anuncio Alberto Núñez Feijóo asegurou que arredor doutros 60 millóns irán parar a "saude, servizos sociais, vivenda e lecer". No que atinxe ao Sergas Feijóo asegura que vai "axilizar" a apertura de diversos centros de saúde ao financiamento de equipamentos para hospitais. A cerna do plan é, en todo caso, "incrementar a actividade asistencial, co obxectivo de rebaixar as listas de espera en consultas externas, en probas diagnósticas e cirúrxicas".
Traducido a números, sempre segundo o afirmado polo presidente ante a prensa, este investimento permitiría reducir as listas de espera de probas e cirurxía nunhas 34.000 persoas. Para conseguilo dedicaríanse uns cinco millóns de euros que servirán para pagar as coñecidas como peonadas, isto é, horas extras dos profesionais do Sergas para, por exemplo, operar pola tarde, un xeito de proceder que o PPdeG asegurou que eliminaría tras retornar á Xunta en 2009.
O efecto desta inxección económica percibirase no informe das listas que será público en xullo; o seguinte chegará xa despois das eleccións
Esta redución aplicaríase sobre unhas listas de espera que, no caso das cirurxías, acumulaban a finais de 2015 un total de 37.442 persoas. Nas consultas externas agardaban 163.272 persoas e nas probas diagnósticas, 78.514. O total era, polo tanto, de algo máis de 279.000 persoas.
Para saber se a diminución prometida polo presidente se cumpre haberá que esperar ao mes de xullo, cando se coñezan os datos de listas de espera do primeiro semestre. Ese será o momento de comprobar, tamén, a evolución do tempo medio de espera para acceder a unha operación cirúrxica, que no remate de 2015 ficou un chisco por riba dos 78 días de media, isto é, 18 días máis que os estipulados pola lei de garantías como limiar para o trasvase de doentes á sanidade privada. O seguinte informe, o de decembro, chegará a comezos de 2017, isto é, despois das eleccións galegas.