O xulgado de Instrución número 3 de Santiago, o que leva a investigación agora reaberta do accidente de tren de Angrois, co maxistrado Andrés Lago Louro á súa fronte, foi reforzado o pasado novembro cunha segunda xuíza para tentar axilizar o seu traballo. Un ano antes, poucos meses despois de chegar a ese destino, Lago Louro renunciara ao xuíz de apoio do que o Poder Xudicial dotara ao xulgado xusto tras o sinistro do Alvia. Un xulgado cun funcionamento interno considerado “conflitivo” e que, ademais de ser o encargado de atender os casos de violencia de xénero, leva outros de especial relevancia pública como a suposta retención de monxas estranxeiras nun convento de Santiago ou as investigacións contra a Xunta polas demoras nos tratamentos da hepatite, a súa posible prevaricación na contratación de helicópteros, a presunta corrupción con arte sacro do caso Retablo ou o dragado da ría de Ferrol.
Angrois, hepatite, monxas retidas, dragado da ría de Ferrol ou caso Retablo son algunhas das investigacións do Xulgado de Instrución 3 de Santiago, que tamén leva violencia de xénero
Cando ocorreu o accidente de tren da curva de Angrois, o 24 de xullo de 2013, o xulgado de garda era o de Instrución número 3, co xuíz Luis Aláez á súa fronte, que asumiu a causa. Unha semana despois do sinistro, e dada a complexidade do caso e o número de afectados, con 80 mortos e 144 feridos, o Consello Xeral do Poder Xudicial reforzou o xulgado cun xuíz de apoio e varios funcionarios máis para que Aláez puidera centrarse nesa investigación. Xa daquela ese xulgado tiña a fama de ser o que peor funcionaba de Santiago, segundo relatan de xeito anónimo xuíces, avogados, funcionarios e vítimas, testigos ou imputados que por alí teñen pasado. Para algúns dos consultados, os funcionarios xudiciais son os responsables desa fama. Para outros, o feito de ser o xulgado encargado de tratar a violencia de xénero fai que o seu persoal teña que enfrontarse a diario a uns casos especialmente duros no psicolóxico que repercuten no seu traballo. Para outros, os problemas do xulgado veñen da combinación de ambas circunstancias.
A comezos de 2014 o xuíz Aláez solicitou, por motivos persoais, un cambio de destino a outro xulgado do Penal de Santiago e o 20 de xuño dese ano foi substituído polo xuíz Andrés Lago Louro. Unhas semanas despois, o 29 de xullo, o Poder Xudicial renovou por outros tres meses o reforzo que outorgara ao xulgado un ano antes por seis meses e que xa renovara por outros seis meses. Durante os seus primeiros meses no xulgado o novo xuíz púxose ao día dun caso, o de Angrois, que por entón xa acumulaba máis de 40.000 folios. Pero cando rematou a segunda prórroga do xuíz de apoio, no outono de 2014, o propio Lago Louro informou aos seus superiores de que xa non o precisaba, aínda que mantivo varios funcionarios de reforzo.
En 2015, cando o xulgado estivo sen xuíz de apoio, houbo un parón no caso Alvia
Durante o tempo que o xulgado estivo sen xuíz de apoio produciuse un certo parón no caso Alvia. A última das peritaxes sobre o accidente entregouse no xulgado o 2 de febreiro de 2015, pero o xuíz Lago Louro non emitiu un auto pedíndolles aos peritos que as ratificasen oralmente diante del e das partes ata dous meses despois. E fíxoo citándoos para o 10 de xuño, máis de dous meses máis tarde. Logo, aínda tardaría outros catro meses, ata outubro, en emitir o auto co que propuxo dar por pechada a instrución e xulgar só ao maquinista como único culpable. Ese auto é o que agora a Audiencia Provincial da Coruña vén de rectificar, ordenándolle ao xuíz que investigue mellor se Adif analizou como debía os riscos existentes na curva de Angrois.
O TSXG considerou "oportuno" volver dotar o xulgado dun reforzo pola súa carga de traballo
Para retomar agora o caso Alvia o xuíz Lago Louro volve contar cun reforzo. Segundo confirma o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, desde o 23 de novembro pasado o Xulgado de Instrución 3 conta cunha xuíz de adscripción territorial, “con praza nunha determinada provincia a quen o presidente dá destino provisional onde considera máis oportuno en función das cargas de traballo dos órganos xudiciais”.
Varios dos casos que instrúe o xulgado teñen a Xunta como protagonista
Porque o xulgado non só asume os casos de violencia de xénero e a investigación de Angrois senón tamén outros casos especialmente complexos e de relevancia pública. Xa cando ocorreu o accidente de Angrois nesa sala estaban analizándose cinco pezas do caso Pokémon de corrupción aberto en Lugo nas que había implicacións en Santiago. O mesmo xulgado é o que actualmente investiga a altos cargos da Xunta por supostamente demorar tratamentos a afectados por hepatite C que faleceron, aínda que de momento só está analizando o presunto delito de prevaricación e non o de homicidio, como pediu a Fiscalía. Tamén por prevaricación abriu no seu momento unha investigación contra a Xunta polas súas contratacións de helicópteros, un caso que avanzou lentamente, que reactivou puntualmente un informe moi crítico do Consello de Contas, e que segue sen resolverse. Igualmente contra ex altos cargos da Xunta está a instruír unha causa polo dragado da ría de Ferrol. E vén de pechar a instrución do caso Retablo de corrupción con arte sacra, no que pide xulgar a dous funcionarios da Xunta e cinco traballadores de empresas de rehabilitación, pero exculpa a cargos eclesiásticos. É tamén o mesmo xulgado que se fixo cargo de investigar, e recentemente arquivar “por non quedar acreditada a comisión de ningún delito”, o caso das monxas estranxeiras presuntamente retidas nun convento de Santiago, malia que estas acabaron ao coidado dos servizos sociais.