A natureza e o home están a aliarse neste chuvioso e nubrado final da primavera e comezo do verán para dificultar notablemente a mobilidade tanto dentro de Galicia como cara o exterior. Á folga de maquinistas de Renfe que ameaza con prorrogarse indefinidamente hai que engadir a chegada da época de máis néboa e cortes da circulación na A-8, a desconexión durante este mes de xuño do sistema de axuda á aterraxe no aeroporto de Santiago que xa está a causar numerosos desvíos e as diversas obras que se están a realizar na AP-9 e noutras estradas próximas que ralentizan a circulación.
Folga en Renfe
A falla de maquinistas unida á súa folga está a facer que moitos trens non poidan completar os seus percorridos e os pasaxeiros sexan transportados, con demoras importantes, en autobuses
O problema de mobilidade que se está a percibir con maior intensidade nestes días é a folga que o sindicato de maquinistas Semaf convocou en Renfe para os días 10, 12, 14 e 16 deste mes de xuño e que vén de prorrogar. Protestan polo deterioro das súas condicións laborais e polo reducido do seu cadro de persoal, que lles impide facer fronte a imprevistos como baixas médicas. Unha situación que é especialmente grave en Galicia, onde nos últimos tempos, a medida que se ía mellorando tanto o eixo atlántico como a conexión coa Meseta, fóronse aumentando os servizos ferroviarios tanto de media como de longa distancia sen que se produciran incorporacións de maquinistas na mesma intensidade. Xa en maio, antes de convocarse a folga, os pasaxeiros de varios trens que circulaban por Galicia realizaron parte da súa viaxe en autobuses pola falta de maquinistas ou porque os que había xa superaran as horas de condución permitidas.
Con esta situación, Fomento decretou uns servizos mínimos para a folga que chegan nalgúns casos ao 70%. Pola súa banda, cando comezaron os paros Renfe cuantificou o seu seguimento como inferior ao 10%, o que, á vista do elevado número de incidencias rexistradas cuns servizos mínimos tan elevados, viría confirmar a falla de maquinistas que estes denuncian. Polo momento, a reunión entre maquinistas e empresa celebrada este luns saldouse sen acordo e o sindicato xa avanzou que, ademais do paro xa previsto para este xoves, amplían a súa folga aos días 24 e 29 de xuño e 1 de xullo. Anuncian un "verán quente".
Pola configuración dos servizos ferroviarios galegos, a estación de Ourense é na que se está a concentrar o maior número de incidencias, que logo acaban afectando ao resto da comunidade. Ourense é o funil polo que pasan a maioría dos trens que saen e entran de Galicia, alí é onde se producen moitos cambios de quenda entre maquinistas e alí é onde Renfe está realizando boa parte dos transbordos entre trens e autobuses dos convois que non son quen de rematar os seus percorridos por falta de condutores.
Lavacolla sen ILS
Obras de mellora obrigan a desconectar o sistema antinéboa de Lavacolla, como xa se fixo na Coruña e Vigo, na época do ano na que supostamente a climatoloxía debía ser máis favorable
Un problema de mobilidade ao que afectou a mala sorte é o que está a rexistrarse no aeroporto de Lavacolla, en Santiago. Por obras obrigatorias de mellora, durante este mes de xuño está desconectado o sistema antinéboa ILS que facilita a aterraxe dos avóns. Son uns traballos que AENA xa realizou en anos anteriores nos aeroportos da Coruña e Vigo e que programa en función do momento do ano en que menos problemas prevé que poidan causar, no caso de Galicia na primavera, cando a climatoloxía supostamente é mellor e aínda non se produce o incremento de voos turísticos de xullo e agosto. Porén, este mes de xuño está sendo especialmente malo no climatolóxico e nos últimos días foron numerosos os voos con destino a Santiago desviados a Vigo, A Coruña ou mesmo Asturias ou Porto. Os pasaxeiros, novamente como sucede no caso da folga de maquinistas, vense obrigados a rematar ou iniciar as súas viaxes en autobús, malia que as estradas galegas tampouco se atopan no seu mellor momento para garantir a mobilidade.
Néboa na A-8
A primavera e o verán son as épocas do ano en que é máis probable o fenómeno meteorolóxico que obriga a pechar a Autovía do Cantábrico por pouca visibilidade
Onde a néboa e o mal tempo non é un convidado inesperado é na Autovía do Cantábrico (A-8). O seu treito entre Abadín e Mondoñedo, polo alto do Fiouco, entrou en servizo a comezos de 2014, uns meses despois a néboa provocou un grave accidente con ducias de vehículos implicados e unha falecida e desde entón, ante a máis mínima dúbida de que a visibilidade sexa escasa, a DGT opta por cortar a autovía e desviar o tráfico pola vella estrada nacional durante uns 20 quilómetros. Uns cortes de tráfico que son máis comúns nesta época do ano, cando se rexistra bo tempo no Cantábrico con altas presións que empurran a humidade do mar cara as montañas da Mariña lucense. Alí prodúcense entón esas nubes de estancamento que, aos 700 metros de altura aos que circula a A-8, convértense nunha mesta néboa. É un problema que Fomento xa coñecía cando comezou a deseñar a autovía, pero para o que non comezou a buscar unha solución ata que esta xa estaba aberta por ese trazado problemático. Agora o ministerio ten en marcha un proceso de diálogo con empresas interesadas en inventar e implantar alí algún tipo de sistema que evite ou palie os problemas de visibilidade. Pero aínda non empezou sequera a fase de proba dos prototipos, polo que nos próximos meses continuarán producíndose cortes de tráfico.
Obras na AP-9
Ademais da ampliación da autoestrada en Santiago e Rande, Audasa está acometendo asfaltados e reparacións que limitan a circulación
As obras que si puideron ser planificadas son as que se están a realizar na Autoestrada do Atlántico (AP-9), o que non impide que as súas molestias, aínda que menores, non deixen de ser outro obstáculo máis á mobilidade. Por unha banda, Audasa ten en marcha desde comezos de 2015 os traballos de ampliación da autoestrada ao seu paso por Santiago e na entrada a Vigo pola ponte de Rande, que demoran a circulación por eses puntos. Son traballos que duran varios anos e que Audasa vén acometendo nos últimos meses ao tempo que outras varias actuacións de menor alcance pero que tamén frean o tráfico, como o reasfaltado dos treitos máis antigos ou a renovación de elementos de seguridade, con cortes puntuais dalgún carril e mesmo desvío do tráfico á outra calzada.
Asfaltados e repintados en campaña
Fomento decidiu comezar esta semana obras que precisan de bo tempo e que nesta ocasión coinciden coa campaña electoral
Con estes traballos en marcha na AP-9, Fomento decidiu comezar este pasado luns día 13 obras de reparación e asfaltado puntual da N-550 paralela á AP-9 entre Santiago e Padrón, actuacións que durarán un mes e que antes xa se realizaran entre A Coruña e Santiago. Ese mesmo día tamén comezou o repintado da N-634 entre Lavacolla e Guitiriz, uns traballos de sinalización horizontal que durarán outro mes e que adoitan ser considerados como un mantemento ordinario do que non sempre se informa. Pero nesta ocasión, en plena campaña para unhas novas eleccións xerais, Fomento decidiu transmitir a súa realización a todos os medios de comunicación a través dunha nota de prensa específica. O ministerio admite que tamén producirán “afeccións ao tráfico”.