Feijóo lanza a tradicional promesa electoral de contratos navais e esténdea a "dez anos"

Botadura do 'Orgullo Petrolero' de Pemex, en Ferrol o pasado 2015 © Navantia

É xa un clásico de cada carreira electoral. O sector naval e os seus múltiples problemas son argumentos recorrentes en precampañas e campañas galegas de todo tipo de comicios dende que estes se celebran. No entanto, a partir de 2012 os anuncios para os estaleiros pola banda do PP a poucas semanas das citas coas urnas tornaron xa en algo tan de agardar como as pegadas de carteis ou os mitins. Unha vez máis o albo do anuncio do líder conservador e candidato á reelección foi a 'zona cero' do naval galego, Ferrol. Alí, durante a presentación do seu programa electoral, Alberto Núñez Feijóo asegurou que en cuestión de "horas" ou "días" será posible "solemnizar" un novo encargo para Navantia.

Á espera de coñecer os prazos e contido desta nova promesa que, segundo o actual titular da Xunta, estará ligada á "eólica mariña", Feijóo presenta o PP como o aval para que os estaleiros de Ferrolterra teñan "plena ocupación" durante "unha década". O, polo momento, inconcreto anuncio, chega case exactamente catro anos despois do acto no que, ás portas das anteriores eleccións galegas e retransmitido ao vivo pola TVG, o propio Feijóo apadriñou a sinatura dos xa célebres contratos de Pemex, dando por seguros encargos da petroleira mexicana. A comezar polos famosos floteis, o acordo traduciríase, dixo, en 3.000 empregos repartidos entre Navantia e o estaleiro vigués de Barreras.

O anuncio dun contrato inminente chega catro anos despois de que Feijóo escenificase a sinatura dos célebras contratos de Pémex ás portas das anteriores eleccións galegas

Durante as seguintes semanas e meses as dúbidas sobre a validez dos contratos e as advertencias por parte da propia Pemex de que os encargos fosen definitivos -os floteis, por exemplo, dependían dun concurso posterior- combináronse con novos anuncios da construción de máis barcos, como 14 remolcadores, ou a instalación da empresa mexicana no porto exterior da Coruña. Finalmente, as adxudicacións dos dous floteis chegaron máis dun ano despois do anuncio. Un foi para Navantia e o outro, efectivamente, para Barreras, estaleiro que a propia Pemex mercara meses antes coa intención declarada de transferir a súa tecnoloxía a México.

No caso de Navantia os traballos de construción do buque iniciáronse e publicitáronse tres días antes das eleccións europeas de 2014, comicios antes dos cales Feijóo advertiu tamén da inminente contratación dun novo barco. A súa botadura celebrouse o pasado verán e, en Barreras, as informacións máis recentes indican que, tras varios adiamentos derivados da delicadísima situación financeira de Pemex, a entrega á compañía mexicana se producirá nos vindeiros días, isto é, no inicio da campaña do 25-S. O barco construído en Ferrol xerou uns 500 empregos e en Vigo, arredor de 600. En total, menos da metade dos prometidos naquel acto de 2012.

Outros anuncios preelectorais

Os populares publicitaron encargos para o naval antes de cada proceso electoral dende 2012

Os anuncios preelectorais de traballo para o naval ligados a Pemex foron os máis pirotécnicos dos últimos anos, pero non os únicos. Así, por exemplo, durante a campaña das municipais de 2015 os populares axitaron a sinatura dunha "carta de intencións" para que a compañía vasca Ibaizabal construíse nos centros de Navantia en Ferrol e Cádiz. A concreción do proxecto non chegou ata meses despois daqueles comicios e implicou que o groso do traballo se situase no estaleiro gaditano, mentres que a construción das proas dos barcos correspondeu ás instalacións galegas.

A Navantia atinxiron tamén anuncios preelectorais anteriores a 2015, ano no que expirou o veto europeo para a construción naval civil nos estaleiros de Ferrolterra. Así, por exemplo, antes das eleccións europeas de 2009, acabado de chegar á Presidencia da Xunta, Feijóo asegurou que as xestións do seu partido ante a UE permitirían o levantamento do veto. A mesma promesa reiterouna o propio presidente en marzo de 2011 cando, en vésperas das eleccións municipais daquel ano, asegurou que a Xunta contaba cunha "proposta estratéxica para reactivar as instalacións de Navantia con proxectos industriais" e salvar un veto que, finalmente, rematou cando estaba previsto, o ano pasado.

Feijóo, Tellado e outros membros do PP, este martes no Parador de Ferrol © Ferrol 360 - Cedida

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.