De 2009 a 2018: Década e media de prazos incumpridos para o AVE galego

Un tren circula sobre o viaduto do Ulla do AVE Ourense-Santiago, elevado sobre o viaduto la liña convencional Dominio Público Adif

O novo ministro de Fomento, Íñigo de la Serna, deixou esta semana en Galicia dous grandes titulares cargados de realidade. O primeiro, que non haberá transferencia á Xunta das competencias sobre a autoestrada AP-9 que o Parlamento reclamou por unanimidade e que todos os partidos, tamén o PP, prometeron na recente campaña electoral galega. O outro, que non está "en condicións" de "trasladar un prazo concreto" para o remate da conexión de Galicia con Madrid a través da alta velocidade ferroviaria. O único que De la Serna asegura agora politicamente é o que xa era unha certeza técnica dende hai tempo: a finalización das obras e posta en servizo da liña en 2018 é simplemente imposible, convertendo así ese ano no terceiro prazo tan solemnemente anunciado como incumprido.

A primeira data solemne, case mítica para o AVE galego foi o ano 2009. Ese foi o horizonte trazado o 21 de xullo de 2001 polos presidentes Fraga e Aznar cando, xunto aos responsables de obras públicas dos seus gobernos, Álvarez-Cascos e Cuiña, presidiron en vésperas electorais a colocación da primeira pedra da reforma da liña ferroviaria A Coruña-Vigo, que segundo os gobernos da época era o xermolo do AVE galego. O proxecto daquela liña, de características técnicas notablemente inferiores aos plans finais, foi sendo mellorado nos anos seguintes, con fitos como as sucesivas campañas electorais ou a catástrofe do Prestige, tras a que Aznar lanzou o célebre Plan Galicia cunha nova data para o tren rápido: 2010.

O primeiro prazo solemne, 2009, foi lanzado por Fraga e Aznar en xullo de 2001, hai década e media

O goberno Aznar chegou ás eleccións xerais de 2004, que Mariano Rajoy acabaría perdendo fronte ao PSOE de José Luis Rodríguez Zapatero, co prazo de 2010 e un contrato de última hora para o deseño e a construción da liña Ourense-Santiago. Álvarez-Cascos foi substituído en Fomento pola controvertida Magdalena Álvarez, baixo cuxo mandato a data fetiche pasou a ser outra: 2012. Así e todo, co estourido da crise económica esa data caducou de vez e o proceso do AVE galego comezou a ralentizarse ata o ano 2009, cando a vaga expansiva do retorno do PP á Xunta situou en Fomento ao socialista José Blanco. O novo presidente, Alberto Núñez Feijóo, e mais o ministro Blanco retomaron a senda da solemnidade para plasmar en xullo dese ano o terceiro prazo, 2015, inserido no bautizado como Pacto do Obradoiro.

Promesas e seguimento do PP galego

Feijóo chegou a aquel acordo con Blanco, a quen naquela altura moitas voces situaban ás portas dunha futura candidatura do PSdeG á Xunta, cun moi esixente programa electoral do PP galego ao respecto. Na campaña que o levou á Presidencia o actual titular da Xunta asegurara que ía procurar a sinatura dun convenio co Goberno de Zapatero para a "execución das obras do tren de alta velocidade" que implicaría unha fórmula inédita: a Xunta "asumiría a execución do tramo de alta velocidade Vigo-Pontevedra-Ourense" e "o tramo de alta velocidade Ourense Lugo". "Despois xa lle pasaremos a factura a Fomento, pero a Xunta fará o AVE entre Lugo e Ourense", resumira o líder conservador durante un mitin na capital lucense.

Tras a sinatura do pacto con Blanco, que marcaba a chegada para 2015, o PP chegou a denunciar demoras dunha semana nos traballos

Alén daquela pirotécnica e irrealizable promesa -só a conexión con Vigo a través de Cerdedo implicaría un custo duns 2.200 millóns de euros- tras a sinatura do acordo con Blanco os populares galegos iniciaron unha milimétrica fiscalización das obras con episodios como a denuncia pública, por parte do seu daquela voceiro de infraestruturas, o deputado Alejandro Gómez Alonso, dun atraso dunha semana nos traballos. Nesa liña, en vésperas das eleccións xerais de 2011 a Xunta do PP abandonou as gabanzas a Blanco e elaborou informes con detallados cronogramas para denunciar que o prazo de 2015 era xa irrealizable. Unha das claves, denunciaban, era o atraso dos 17 quilómetros da liña entre Ourense e Taboadela, nos que aínda na actualidade non se moveu unha pedra.

Na precampaña de hai catro anos Rajoy lanzou o prazo de 2018

Nos comicios de novembro dese ano o PP de Rajoy logrou a maioría absoluta e situou como substituta de Blanco a un dos referentes dos conservadores galegos en Madrid, Ana Pastor, quen como o seu antecesor declarou o seu compromiso de impulso á conexión coa Meseta. Antes de abandonar o Ministerio, en decembro, Blanco deixou inaugurada a liña Ourense-Santiago

Desbotado o 2015 cumpría un novo prazo e este lanzouno o propio Rajoy de novo en vésperas electorais, a mes e medio das eleccións galegas de 2012. No daquela tradicional acto de partido en Soutomaior o presidente do Goberno central proclamou que as obras estarían rematadas en 2018 e así o reflectiu o PP galego no programa co que concorreu aos comicios nos que Feijóo lograría a súa segunda maioría absoluta.

Referencias ao AVE nos programas electorais de Feijóo

Menos dun ano despois do anuncio da nova data produciuse o suceso que marcaría dende ese momento todo o vinculado ao tren en Galicia. O 24 de xullo de 2013 un tren Alvia da liña Ourense-Santiago descarrilaba na parroquia compostelá de Angrois provocando a morte de 80 persoas. A investigación xudicial, que continúa tres anos despois tras a orde de reapertura ditada pola Audiencia da Coruña, revelou diversas deficiencias e disparidades na rede e diversos responsables políticos, a comezar polo propio presidente da Xunta, chegaron a afirmar que o que inaguraran como "liña de alta velocidade" realmente non o era.

Na recente campaña electoral galega o PP presentou o prazo de 2018 como "irrenunciable"; o novo ministro di non estar en condicións de ofrecer "unha idea aproximada" de cando rematarán as obras

Así e todo, o prazo de 2018 mantívose nos argumentarios aínda durante un tempo, mesmo cando as dificultades técnicas e a parálise política en España xa o converteran en materialmente imposible. Así, no programa electoral para as eleccións galegas do pasado setembro o PPdeG presentaba o prazo anunciado por Rajoy como "irrenunciable", alén de "seguir traballando para a mellora dos servizos de ferrocarril convencional".

Ningún responsable gobernamental deu en desbotar 2018 ata que De la Serna e a súa carga de sinceridade entraron en escena para detallar "o que hai": "problemas administrativos" e "dificultades de execución" que non lle permiten ofrecer unha "idea aproximada" da nova data ata, cando menos, "o primeiro trimestre" de 2017. A certificación do que xa era unha realidade técnica foi "agradecida" por Feijóo, por "realista", e criticada dende En Marea e BNG, quen censuran que o PP mantivese unha promesa irrealizable. Mentres, dende o PSdeG lanzáronse colateralmente algunhas críticas ao anuncio e o ex-ministro Blanco lamentou implicitamente que non existise maior contundencia: "AVE retrasado por falta de ejecución presupuestaria, en vía única, embudo entrada de Ourense,Lugo fuera ..Feijóo aplaude, oposición calla", sinalou a través de Twitter.

Feijóo e o ministro de Fomento, Íñigo de la Serna, no Pazo de Raxoi © Conchi Paz
Álvarez-Cascos, Feijóo e Blanco na inauguración do AVE Ourense-Santiago © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.