0 Gardados para despois

Trinta e cinco anos de Parlamento galego: ledicia e inquietude no nacemento da autonomía

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


O 19 de decembro de 1981, exactamente 49 anos despois da derradeira xornada da Asemblea de Concellos que elaborou o Estatuto de Autonomía votado en 1936, o salón de festas do compostelán Pazo de Xelmírez abriuse con solemnidade. O Arcebispado de Santiago accedera a cedelo para que alí botase a andar, hai agora trinta e cinco anos, o primeiro Parlamento de Galicia. A xornada era fría e entre as pedras románicas do pazo arcebispal non sobraba o abrigo. Nas cadeiras dispostas para os persoeiros asistentes ao acto podíase distinguir, nas primeiras ringleiras, algúns rostros que marcarían a política galega nas décadas seguintes, como Manuel Fraga e, ao seu carón, Francisco Cacharro Pardo, ambos nun segundo plano fronte aos protagonistas, os 71 membros da primeira Cámara autonómica.

Aquel primeiro pleno do que este 19 de decembro se cumpren tres décadas e media estaba composto por 68 homes e só tres mulleres -unha delas, Emma González Bermello (UCD), que fora alcaldesa de Vigo durante un ano, acudiu vestida con traxe tradicional galego-. As primeiras verbas que escoitaron os integrantes daquel primeiro lexislativo foron as de José Quiroga, o médico de Valdeorras a quen os ucedistas situaran á fronte da Xunta preautonómica en substitución de Antonio Rosón, mal visto polo sector máis conservador do partido de Adolfo Suárez, en cuxa opinión Rosón realizara demasiadas concesións á esquerda e ao nacionalismo -foi el quen promulgou o aínda vixente decreto que declara o 25 de xullo como Día Nacional de Galicia-.

"Hai momentos na vida do home nos que non pode substraerse á emoción, porque sobre el inciden ao mesmo tempo o peso dunha circunstancia e mais o feito de que sobre ese momento e sobre esa circunstancia gravitan páxinas importantes da historia", comezou Quiroga para explicar que aquel acto era desas honras que "xustifican unha vida". A constitución do Parlamento galego era un momento "senlleiro e solemne" a "inscribir na historia de Galicia" que el, "dende a Xunta que modestamente me cadrou presidir", recibía a medio camiño entre "a ledicia máis reloucante" e a "preocupación máis inquedante".

José Quiroga pronunciou o primeiro discurso e agardou que as institucións autonómicas chegasen a lograr "que ninguén teña que emigrar por non atopar aquí xeito de vivir"

A ledicia víñalle ao presidente preautonómico pola "posibilidade extraordinaria de dispor dos aparellos precisos e necesarios para viabilizar a redención da nosa terra, dabondo deprimida dende hai séculos". A preocupación, porque os "desafíos" da autonomía non eran poucos: culturais para "conservar o patrimonio herdado dos nosos devanceiros"; sociais, para afrontar cambios históricos; políticos para procurar "unha sociedade libre e asisada" lonxe de "vellos e caducos comportamentos"; e tamén económicos, "co desexado obxecto de que ninguén teña que emigrar por non atopar aquí xeito de vivir". "Ergamos, daquela, a nosa prometedora esperanza", instou.

Primeira presidencia

Primeira Mesa do Parlamento, presidida por Antonio Rosón / PARLAMENTO DE GALICIA

Os trámites marcados para aquela primeira sesión esixían que nun primeiro momento deputados e deputadas se constituísen na denominada Xunta Preparatoria, que á súa vez deu paso á Mesa de Idade, o órgano reitor provisional do Parlamento composto polo membro da Cámara de máis idade e os dous máis novos, que aínda se constitúe ao inicio de cada lexislatura. Naquela ocasión os deputados máis novos eran dous que irían incrementando a súa sona: Tomás Pérez Vidal e Mariano Rajoy Brey. O de máis idade e, polo tanto, presidente transitorio foi Manuel Iglesias Corral, o empresario e deputado da UCD que en tempos da II República fora alcalde da Coruña e deputado pola ORGA, o mesmo que anos despois definiría a dura crise interna do goberno Albor co célebre "aquí pasou o que pasou".

Iglesias Corral lembrou dende a Mesa de Idade os "precursores" da autonomía os "compañeiros" cos que participara na asemblea estatutaria de 1932

"A palabra emoción non abonda para expresar o sentimento que me produce este acontecemento", proclamou Iglesias Corral, quen deu en dedicar as súas verbas aos "precursores" da autonomía, especialmenta "a aqueles cos que tiven unha proximidade nesta inquietude", como Porteiro Garea, Vilar Ponte ou Peña Novo e, por extensión, a todos os que traballaran en 1932 na redacción do primeiro Estatuto. "Paréceme que son eu o que queda daqueles relatores", explicou, mentres tamén instaba a homenaxear, no inicio da autonomía, a quen fora "mártir desta causa, Alexandre Bóveda, un daqueles compañeiros".

Rosón tomou posesión da Presidencia instando a que o Parlamento puidese darlle a Galicia a "unidade interna" que "superase as fracturas impostas pola división artificial e centralista" das provincias

"Que Deus nos axude", remataran os seus discursos tanto Quiroga como Iglesias Corral antes de dar paso ás primeiras votacións da historia do Parlamento, tras as cales o que fora presidente inicial da Xunta preautonómica tornou en primeiro presidente do Parlamento. Rosón púxose á fronte dunha Mesa vicepresidida por Pablo Moure (Alianza Popular) e Francisco González Amadiós (PSdeG), con Pablo González Mariñas (daquela en UCD) como secretario primeiro e Mariano Rajoy na vicesecretaría.

Aquel Parlamento, advertiu Rosón, tiña por diante o reto de ser "o órgano vivo que lle dea a Galicia a súa unidade interna, superando as fracturas impostas hai século e medio por unha división artificial e centralista", en referencia ás provincias. A Cámara debera pular tamén por "devolvernos a confianza en nós mesmos" e, a partir dela, pular pola "realización democrática dos dereitos". Cabía naquela hora, a xuízo de Rosón, acudir a Castelao para culminar a histórica primeira sesión do Parlamento galego. "Non lle poñades chatas á obra namentres non se remate. O que pense que vai mal, que traballe nela; hai sitio para todos", convidou. Niso anda a Cámara, trinta e cinco anos despois.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

LexGal: Todas as leis galegas, xuntas por primeira vez

O trinta e cinco aniversario do Parlamento non foi celebrado cunha sesión plenaria solemne nin cun acto específico na Cámara galega, que no entanto xa adaptou a súa imaxe gráfica ao aniversario e, cadrando coa xornada do primeiro pleno da institución, presentou xunto á Xunta e á Universidade de Santiago o portal LexGal, o sitio web no que por primeira vez se poden atopar ordenadas, xuntas e nun formato accesible todas as leis emanadas do propio Parlamento.

A considerada "maior base de datos xurídicos en lingua galega", xa operativa, ofrece todas as leis da historia da autonomía co seu texto consolidado, ademais de decretos e ordes da Xunta. No acto de presentación do portal, na biblioteca do Parlamento, o presidente do lexislativo, Miguel Santalices, advertiu de que LexGal é lanzado nesta xornada por ser "dalgún xeito, un balanzo da actividade" do propio Parlamento que agora fai tres décadas e media.

"Practicamente ninguén concibe agora Galicia sen autonomía"

Estas leis, agrega Santalices, comezaron a forxarse naquel 19 de decembro, "nunha sede prestada e lonxe do fervor popular", xa que "a autonomía e as institucións que con ela nacían distaban moito de suscitar entusiasmo no pobo galego". "Malia todo -afirma- paseniñamente o entramado institucional que agromou ao abeiro do Estatuto fíxose acredor do respecto e consideración das galegas e galegos", ata o punto de que "practicamente ningún, con independencia da súa ideoloxía, concibe Galicia sen autonomía".