A Xunta traspasou 125.000 euros do tícket eléctrico a un estudo sobre publicidade tres días antes das eleccións

Reunión do Consello da Xunta do 22 de setembro de 2016, que aprobou a modificación orzamentaria © Conchi Paz

A mediados de febreiro de 2015, apenas tres meses antes das eleccións municipais, a Xunta anunciou unha ampliación do seu "tícket eléctrico". Dous días despois de que o PP vetase no Parlamento unha iniciativa que pedía impedir os cortes de luz a quen non puidese pagala o propio Alberto Núñez Feijóo anunciou que esta axuda, equivalente a un recibo e medio da luz ao ano, ía poder ter "ata 40.000 familias beneficiarias" no canto das 15.000 inicialmente previstas grazas a unha partida de ata 1,5 millóns de euros. Na súa convocatoria para 2016, dotada con 2,1 millóns, o prazo para solicitar o tícket eléctrico estendeuse dende mediados de xaneiro ata finais de xullo. Cando pasou esa data as familias destinarias da axuda eran moitas menos das previstas e o Goberno destinou parte dos cartos a outras finalidades. Unha delas, un estudo sobre a efectividade dalgunhas das súas campañas publicitarias. A decisión foi formalizada tres días antes das eleccións galegas do 25 de setembro, pero a Xunta non a divulgou.

Segundo a información facilitada o pasado decembro no Parlamento polo conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, a Xunta "apoiou preto de 5.000 fogares a través do tícket eléctrico social", isto é, 35.000 menos dos anunciados. A resolución de concesión das axudas ao abeiro da convocatoria para 2016, difundida dende a Consellería o pasado 5 de outubro, recolle como admitidas a trámite un total de 761 solicitudes "por un importe total de 148.694 euros". Nesta liña, no penúltimo día da campaña electoral na que Feijóo fixo bandeira das súas medidas sociais, o 22 de setembro, o propio presidente deulle o visto e prace a mudar o destino de 125.000 euros inicialmente reservados a estas axudas, atendendo así a petición da Consellería de Economía, que indicou que o cambio "non altera os obxectivos dos programas afectados".

A Xunta di que o tícket eléctrico chegou a unhas 5.000 familias, 35.000 menos das previstas, e parte dos seus fondos pasan a financiar "estudos" sobre "campañas publicitarias" sobre "promoción laboral"

O departamento de Conde sinalaba na súa proposta que "unha vez rematado o prazo de solicitudes" de axudas do tícket eléctrico "constátase a existencia de remanente que se pretende utilizar" para outra finalidade. Nomeadamente, para "contratar con carácter urxente estudos e investigacións relativos a plans e programas de investimento en campañas publicitarias de divulgación de contidos relacionados coa orientación e promoción laboral e o fomento do emprego". Para facelo, eses 125.000 euros foron trasladados, en senllas partidas de 62.500, ao orzamento de promoción do emprego que xestiona a Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral, dependente da mesma consellería. A decisión adoptouse menos dun ano despois de a Xunta decidise destinar 70.000 a un estudo con enquisas sobre a "eficacia" das súas campañas de publicidade.

Acordo ocultado aos medios

Para completar a mudanza o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, emitiu ese 22 de setembro unha certificación na que deixou constancia, na súa calidade de secretario do Consello da Xunta, de que o Goberno galego viña de adoptar ese acordo na súa reunión semanal. O documento foi tamén asinado por Feijóo e incorporado á relación de modificacións orzamentarias dese mes. O expediente completo foi remitido polo Goberno ao Parlamento, como manda a lei, o día 17 de outubro, catro días antes da constitución da Cámara coa composición xurdida dos comicios do 25S.

O Goberno non incluíu o acordo na referencia pública do Consello e Feijóo non informou del na súa comparecencia ante a prensa tras a xuntanza

Aínda que este foi un dos acordos do Consello da Xunta daquela xornada o Goberno galego decidiu non incorporalo á referencia que cada semana traslada aos medios de comunicación e á cidadanía en xeral sobre os asuntos abordados en cada unha das súas xuntanzas. Do mesmo xeito, o presidente tampouco o indicou na súa intervención ante os medios para debullar o tratado.

Si figuraban naquela referencia outros dos asuntos tratados con rango de acordo, o mesmo que o da modificación orzamentaria do tícket eléctrico. Dous deles correspondían á  propia Consellería de Economía: a autorización de senllos convenios do Igape coa Federación Galega de Xóvenes Empresarios e mais coa Asociación de Centros Tecnolóxicos de Galicia. Feijóo tamén informou, entre outras cuestións, de que o Goberno viña de aprobar o decreto de fusión dos municipios de Cerdedo e Cotobade e mais o regulamento que desenvolve a lei do solo.

Acordo da modificación orzamentaria, datada no 22 de setembro e asinada por Feijóo (premer para ampliar) CC-BY-SA Praza Pública

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.