O Ministerio de Fomento e a Avogacía do Estado terán que botar man da creatividade. O pasado 17 de outubro, aínda estando en funcións, o Goberno de España iniciou unha manobra xurídica e política para botar abaixo a petición de transferir a Galicia as competencias sobre a autoestrada AP-9, pactada por todos os grupos da Cámara galega a partir dunha proposición do BNG. O propósito do Executivo de Mariano Rajoy era impedir que a lei galega chegase a debaterse no Congreso, onde o novo xogo de maiorías lle outorga posibilidades de saír adiante. Para facelo enviou ás Cortes un informe con argumentos legais e económicos que a nova proposta do Parlamento de Galicia, pactada outra volta por todos os grupos, torna en papel mollado.
Como adiantou Praza.gal, o Goberno central asentaba o seu veto no artigo 134.6 da Constitución, o que indica que calquera modificación legal que implique un incremento do gasto público ou unha diminución dos ingresos "require conformidade do Goberno". Para facelo asentábase nunha das disposicións da lei galega, a que indicaba que no caso de que a Xunta "acordase o rescate da concesión da autoestrada (...) para a súa reversión ao ámbito público", sería a Administración xeral do Estado, a que privatizou a xestión da vía e prorrogou a concesión a Audasa, a que asumiría as "obrigas económicas".
O Goberno de España argumentou a súa negativa con cálculos erróneos
Neste punto a Avogacía do Estado esgrimía un informe do Ministerio de Fomento baseado, como informou este diario, en cálculos erróneos que inchaban notablemente o custo da eventual operación. Ese hipotético rescate, argumentaban, custaría "máis de 4.300 millóns" de euros. Para chegar a esa cifra baseábanse nos ingresos que, de media, engrosan cada ano as contas de Audasa en concepto de peaxes, uns 130 millóns anuais. Fomento limitábase a multiplicar esa cantidade polo número de anos que restan de concesión -ata 2048-, obviando que a lei de contratos do sector público obrigaría a realizar cálculos máis complexos, ponderando criterios como os beneficios ou o valor da concesión, segundo os cales o rescate roldaría os 3.000 millóns de euros.
A versión 'pulida' da lei
Aínda tendo en conta que o Goberno de España enganou ou enganouse no seu informe -a cantidade era errónea, daba por suposto que o rescate se ía producir e que ademais ía acontecer en 2016, algo materialmente imposible-, o novo texto acordado por PP, PSdeG, En Marea e BNG -foi asinado polos 75 membros da Cámara- limita as fendas polas que o equipo de Rajoy podería coar a súa negativa. Co asesoramento dos Servizos Xurídicos do Parlamento galego os grupos eliminaron o prazo de seis meses para a transferencia que estipulaba a anterior proposición e ademais explicitan, a través dunha disposición adicional, que "o traspaso efectivo" das competencias "non suporá incremento" ningún "dos créditos nin diminución dos ingresos previstos na lei de orzamentos xerais do Estado en vigor". Isto é, trátase simplemente de que os recursos xa previstos muden de mans.
O texto pactado por PP, En Marea, PSdeG e BNG retira da lei os preceptos en que Fomento baseou o bloqueo
Xunto á cuestión económica, a lei que agora inicia a súa tramitación tampouco inclúe a hipótese na que Fomento asentaba a súa negativa, a do eventual rescate da concesión. Así, trátase de que a través da comisión mixta Galicia-Estado e por medio dun real decreto de traspaso a Xunta poida asumir todas as competencias que actualmente exerce o Goberno de España sobre a autoestrada, isto é: o réxime xurídico da concesión, a autorización de novos tramos e reformas dos existentes, a supervisión e inspección, as posibles sancións por incumprimentos da concesionaria, a política de peaxes e as posibles ampliacións ou reducións do período da concesión. O Estado, pola súa banda, asumiría as obrigas económicas que xa estivesen vixentes no momento da transferencia.
A negativa do novo ministro
Co camiño dos vetos parlamentarios a priori máis despexado que coa anterior versión da lei a transferencia non está, así e todo, asegurada. O principal obstáculo -alén da postura que poida manter no Congreso o PP, toda vez que o pasado novembro apoiou manter o veto á lei galega no que o PPdeG cualificou como un xesto de "responsabilidade"- segue estando no propio Ministerio de Fomento, cuxo novo titular, Íñigo de la Serna, deixou claro por dúas veces ao chegar ao cargo que non contempla acceder á petición galega.
O novo ministro de Fomento xa advertiu en dúas ocasións de que non está disposto a transferir a AP-9 a Galicia
Así, no seu primeiro encontro institucional co presidente da Xunta De la Serna acordou con Feijóo substituír a transferencia por unha comisión para supervisar a autoestrada, remuda á que o xefe do Executivo galego accedeu. Poucos días despois advertiu nunha comparecencia no Congreso de que a súa aposta é "manter a titularidade" estatal da AP-9 para, dixo, "garantir as conexións internacionais". A autoestrada galega "forma parte da rede do Estado" e así ía seguir, asegurou o ministro, disposto a non ir alén da comisión de supervisión da vía.
A postura de De la Serna foi vista pola oposición galega como unha nova claudicación do PP galego ante a cúpula estatal do partido, pero tamén como un agravio comparativo a respecto doutros territorios. Esa diferenza no trato vai tamén incluída na nova lei pactada. Así, antes de debullar a exposición de motivos, o texto expón un amplo capítulo de antecedentes lexislativos nos que se inclúe o traspaso, en 1999, das competencias a Euskadi sobre o treito da A-8 entre Bilbao e Behobia, e a operación semellante realizada en 1995 para que a Generalitat de Catalunya puidese asumir as competencias sobre a A-17 e a A-19.