O 24 de maio de 2011, dous días despois das eleccións municipais nas que a vitoria do PP en boa parte dos principais concellos anticipou o seu triunfo nas xerais dese mesmo ano, a política galega experimentou todo un terremoto. Axentes de Vixilancia Aduaneira irrompían na sede do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), dependente da Consellería de Economía, e detiñan o seu director, Joaquín Varela, e mais o subdirector de Información Especializada da entidade, Carlos Silva, antes de realizar un minucioso rexistro. Mentres, en Lugo, os axentes enviados pola xuíza Estela San José facían o propio na sede dos ata ese momento prestixiosos Laboratorios Nupel e enviaban ao cárcere de Bonxe ao seu máximo responsable, Jorge Dorribo. Estaba en marcha a Operación Campeón, o primeiro caso de presunta corrupción que salpicou o Goberno de Alberto Núñez Feijóo e que este outono, máis de seis anos despois, será xulgado entre o 24 de outubro e o 2 de novembro, segundo vén de dispoñer a Audiencia Provincial de Lugo.
O estupor daquela primeira xornada, con ata unha quincena de prendementos, derivou en vaga expansiva polas que daquela eran tres forzas políticas do Parlamento: PP, PSdeG e BNG. Os axentes investigaban créditos do Igape ás empresas de Dorribo sustentados en facturación falsa, segundo os investigadores. Tamén identificaban delitos de suborno, branqueamentos de capitais, delitos contables ou tráfico de influencias. Ás sospeitas e indicios da investigación, sustentados en escoitas telefónicas, seguimentos aos presuntos implicados e na abondosa documentación incautada naqueles primeiros rexistros, uníronse as explosivas declaracións ante a maxistrada do presunto líder da trama. Boa parte das súas relacións con políticos de todo signo, aseguraba, estiveran engraxadas con tratos de favor, influencias e mesmo pagamentos de cartos en metálico.
Tras ser detido o presunto líder do caso 'Campeón' acusou a políticos de todo signo de recibir cartos a cambio de favores e influencias
Foi así como quedou trazado o primeiro mapa dunha instrución que en poucos meses chegou a atinxir unha corentena de persoas. Algunhas delas, non obstante, liberáronse das imputacións durante o proceso de instrución que a xuíza San José concluíu no outono de 2014. Este foi o caso do ex-alcalde de Lugo, Xosé López Orozco, e mais do ex-ministro José Blanco, ambos sinalados por Dorribo como destinatarios de cartos a cambio de favores políticos e administrativos. A causa contra Orozco foi arquivada en 2012 e a de Blanco, abordada no Tribunal Supremo por ser aforado, tivo a mesma conclusión ao ano seguinte. Mentres, os cargos que afectaban ao ex-conselleiro Fernando Blanco (BNG), foron situados pola xuíza nunha peza separada tras examinar un informe de Facenda segundo o cal non constan probas de que os pagamentos aos que alude Dorribo se producisen en realidade.
Sen acusación da Xunta
Este é o pano de fondo co que Dorribo se enfronta a un proceso xudicial no que se enfronta a un amplo abano de acusacións. A Fiscalía impútalle oito: delitos contra a Facenda pública, falsidade en documento mercantil, suborno, branqueo de capitais, delito contable e insolvencia punible. A Xunta, que actúa como acusación particular no procedemento, atribúelle ademais falsificación de certificados oficiais. O empresario é tamén acusado pola Axencia Tributaria e fai fronte a unha petición de condena de ata 24 anos de cárcere.
Dorribo enfróntase a unha petición de ata 24 cargos de cárcere
Ademais de a Dorribo o Ministerio Público acusa doce persoas máis, pero a Xunta só a nove. A diferenza é que a Fiscalía procura condenas para responsables ou empregados de Nupel e doutras empresas supostamente implicadas na trama, como a construtora Proitec, e tamén para os antigos cargos da Xunta e do PP que foron procesados. Joaquín Varela e Carlos Silva terán que responder por presuntos delitos contra a Facenda Pública e o antigo deputado popular Pablo Cobián, quen tamén fora candidato conservador á alcaldía de Oleiros, por eses mesmos tipos penais e por tráfico de influencias.
A Fiscalía atribúe aos antigos cargos do Igape delitos contra Facenda Pública e ao ex-deputado do PP Pablo Cobián, tamén tráfico de influencias
A Administración autonómica, no entanto, non formula acusacións contra os seus antigos cargos nin contra o ex-deputado. Preguntado ao respecto no momento en que o xuíz ditou a apertura do xuízo, o presidente advertiu de que a decisión de acusar ou non é da Asesoría Xurídica da Xunta, que "fixa os criterios de defensa e representación". Cando "quen atenta contra o diñeiro público son empresarios" como no caso Campeón, agregara, cómpre ter en conta que "unha cousa é perder a confianza nun funcionario e resolverlle o contrato", como sucedera cos responsables do Igape, e "outra cousa é entender ou interpretar que hai responsabilidade penal na súa falta de dilixencia".
Antes de que todas estas acusacións estean formalmente sobre a mesa no xuízo fica un trámite. Os representantes legais de todas as partes -trece avogados en total- están citados a finais de setembro nunha vista en que, segundo transcendeu, prevén formular diversas cuestións para procurar anular o proceso. Este será o espazo no que, se o desexan, poidan propoñer pactos á Fiscalía.