Pedro Sánchez 'debuta' en Ourense no primeiro acto das primarias do PSOE en Galicia

Acto de constitución da plataforma de apoio a Sánchez en Ourense Dominio Público @rociodefrutos

Pedro Sánchez desembarca en Galicia pero non por mar, senón no interior. Ourense acollerá o vindeiro mércores 15 de marzo o primeiro acto do que será candidato á secretaría xeral do PSOE, no que é tamén o primeiro acto na carreira polo liderado dos socialistas no país. Coas alternativas confirmadas do que fora último aspirante á presidencia do Goberno central e do ex-lehendakari Patxi López, a postulación de Susana Díaz completará as tres posibilidades sobre as que tamén se tensionarán as costuras do PSdeG. 

Ourense acollerá o vindeiro 15 de marzo o primeiro acto de Pedro Sánchez en Galicia na carreira das primarias

Baixo a etiqueta #somossocialistas, varias plataformas de apoio a Pedro Sánchez foron agromando por todo o Estado entre a militancia do PSOE. E Ourense tomou a iniciativa hai tres semanas en Galicia, liderada por Rocío de Frutos, a única deputada galega que obviou a disciplina no grupo socialista do Congreso e votou 'non' á investidura de Rajoy. Sancionada e retirada das portavocías, primeiro uniuse ao grupo de cartos intermedios que pediron a Sánchez que dera un paso adiante e agora implícase como un dos principais e máis visibles apoios do ex-secretario xeral. 

Varios alcaldes de Ourense uníronse a unha plataforma de apoio a Sánchez que xunta os críticos coa dirección provincial

Xunto a De Frutos, moitas caras visíbeis do socialismo ourensán, uníndose tamén na plataforma todos os críticos coa dirección do PSOE na provincia. Alfredo García, alcalde do Barco e presidente da Fegamp, é outro dos membros dun colectivo onde está Ignacio Gómez, alcalde de Ribadavia e ex-portavoz na Deputación; Luis Milia e Celso Fernández, rexedores de Carballeda de Avia e Maside; o ex-senador Miguel Fidalgo ou o voceiro do PSOE na capital, José Ángel Vázquez Barquero. 

"Hai unha serie de cargos orgánicos moi representativos, pero aquí o realmente importante é a militancia que se mobiliza e, se hai algo que diferenza a candidatura de Pedro Sánchez, é a cantidade de xente que move", di De Frutos, que di sentirse "orgullosa e contenta" ao ser o de Ourense o primeiro acto do ex-secretario xeral en Galicia na carreira das primarias. Mentres noutras localidades -como A Coruña, Pontevedra ou Lugo coa iniciativa de José Luis Díaz López- están a xurdir plataformas de apoio máis modestas en canto a número e visibilidade orgánica, a ourensá foi pioneira e segue acumulando apoios. 

"Se cadra ten que ver con que era de Ourense unha das deputadas que votou 'non' na investidura, o que axudou a darlle máis visibilidade, pero levamos tempo traballando, recollendo sinaturas e apoios e agora hai que ver se a militancia responde igual de ben", sinala De Frutos, que agarda que no acto do vindeiro mércores (no edificio Politécnico do Campus Universitario) "ocorra o mesmo que noutros que se dan por España adiante". 

"O seguemento a Sánchez é brutal pero non hai que ser triunfalistas porque sabemos a importancia que pode xogar o orgánico"

"Vese ilusión e o seguemento está a ser brutal, máis tendo en conta o desapego coa política que leva meses instalado, pero non hai que ser triunfalistas porque todos sabemos a importancia que o orgánico pode xogar despois", advirte a deputada socialista, que aclara non saber "en detalle" como está a división interna  no PSdeG pero que ve "lóxico" que "cada familia ou facción teña o seu candidato preferido" aínda que a xestora declarase a súa neutralidade. Coñece algo máis, asume, da situación no PSOE en Ourense, onde os críticos coa dirección provincial semellan ter tomado partido moi maioritariamente por Sánchez. E sabe tamén que hai apoios, como o explicitado de Abel Caballero a Susana Díaz, "que pesan moito". 

Para De Frutos, a vantaxe de Pedro Sánchez é que "ten unha cousa que non teñen outros" na carreira das primarias: "deixou o seu escano por manter o que se defendera en campaña e, tal e como estamos afeitos á mentira na política, iso ten un valor moi importante". "Dixemos durante a carreira electoral que co PP aumentara a desigualdade e a pobreza e iso é tan certo como que tamén dixemos que votaríamos 'non", insiste desde, curiosamente, a única provincia galega onde Pedro Sánchez non gañou as primarias de verán de 2014 que o levaron á secretaría xeral. Daquela, o apoio do anterior líder dos socialistas galegos e da súa contorna a Eduardo Madina propiciaran a súa vitoria con máis do 50% dos votos da militancia, mentres que Sánchez obtivera máis do 65% en Lugo, case o 52% en Lugo e o 46% nan Coruña. 

Dominio Público Praza Pública
Acto de constitución da plataforma de apoio a Sánchez en Ourense Dominio Público @rociodefrutos

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.