Os gobernos español e galego recúan e admiten que poden convocar oposicións este ano

Mobilización da CIG-Ensino CC-BY-NC-SA CIG Ensino

Podíase. O Goberno de España e con el, o de Galicia, comezou o ano premendo na negociación dos Orzamentos Xerais do Estado botando man das miles de persoas que preparan oposicións a xeito de arma arreboladiza. Os populares, resumiu Alberto Núñez Feijóo, estaban dispostos a "un pacto" para lanzar as ofertas de emprego público e mesmo ir máis alá do 100% da taxa de reposición -cubrir as baixas por xubilación-, "pero ese pacto pasa por apoiar os orzamentos do Goberno de España", isto é, por que o PSOE repetise a posición da abstención na investidura e dese luz verde pola vía rápida a unhas novas contas públicas do gabinete de Rajoy.

Nun clima de incerteza e crecente mobilización no persoal afectado o ministro de Educación e portavoz do Goberno central, Íñigo Méndez de Vigo, remataba a pasada semana confirmando a evidencia. É posible convocar as oposicións á marxe dos orzamentos e así se fará.

O Goberno de España deu en admitir que é posible desbloquear as oposicións pola vía do decreto

Como viñan advertindo os grupos da oposición e os sindicatos educativos, a ferramenta empregada para desbloquear a oferta de emprego educativa en tempo -isto é, convocatoria en abril, exames en xuño e tomas de posesión en setembro- e con independencia do ritmo negociador dos Orzamentos estatais é o Real Decreto Lei, que o Goberno de España debe aprobar e despois convalidar no Congreso. Como deu en admitir Méndez de Vigo, con ese "apoio legal" as comunidades autónomas poden celebrar os exames con normalidade, o que no caso galego implicará a confirmación dun proceso selectivo que, en virtude do tratado na Mesa Sectorial do pasado marzo, suporá a convocatoria de 1.043 prazas, 912 delas de novo ingreso.

A Xunta prevé convocar 1.043 prazas en educación, 912 delas de novo ingreso

O anuncio do Goberno central foi recibido dende a Xunta como unha "moi boa noticia", xa que o persoal que está a preparar as oposicións precisa "de certezas e seguridade xurídica ante o proceso selectivo". A Administración educativa galega, agregou a Consellería, está "preparada" para convocar a súa OPE en canto chegue ese decreto, cuxa aprobación di desexar "canto antes". Fica así confirmado, polo tanto, o que oposición galega e sindicatos viñan asegurando, que as oposicións eran posibles fronte ás advertencias do PPdeG, que aínda a finais de febreiro considerou que non era "rigoroso tentar aprobar aquilo dos Orzamentos que nos gusta" sen "ter en conta o que nos poida gustar menos" e afirmou que non existía "respaldo legal" para os exames se as contas do Estado non eran aprobadas.

A CIG-Ensino ve "insuficiente" a oferta que prevé a Xunta tras anos nos que a educación foi a área máis prexudicada pola redución de persoal

Deste xeito, todo semella indicar que en Galicia si verá a luz unha oferta de emprego en educación que, segundo advertira a CIG-Ensino, sindicato maioritario no sector, foi aprobada "sen termos posibilidades de negociar" e nun contexto no que a mera taxa de reposición é "insuficiente" tras anos de recortes nos que o ensino foi, precisamente, a área de xestión do Goberno galego máis prexudicada polas reducións de persoal. "Nos últimos seis anos xubiláronse máis de 5.000" docentes e "a suma das ofertas de emprego destes seis anos non superou as 2.000 prazas", lembraba a pasada semana o secretario nacional do sindicato, Anxo Louzao, durante unha mobilización para reclamara a convocatoria das oposicións.

Feijóo e o ministro de Educación, Méndez de Vigo, nunha imaxe de arquivo © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.