0 Gardados para despois

A Xunta pagou xa 1,6 millóns por anular o concurso eólico do bipartito

Miguel PardoMiguel Pardo | @depunteirolo


Máis de millón e medio de euros. É a cantidade que lle custou á Xunta, polo momento, a polémica anulación do concurso eólico do bipartito. Á espera da resolución de máis recursos presentados, a Xustiza xa resolveu tres condenando o Goberno ao pagamento duns 1,6 millóns de euros en indemnizacións a empresas ás que lles foran adxudicados parques e que viron frustrados os seus proxectos a última hora. 

A Xustiza xa condenou a Xunta a pagar 1,6 millóns de euros a tres empresas por ter anulado o concurso eólico do bipartito

A factura, polo de agora, suma os máis de 222.000 euros de indemnización ditaminados polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) para Cupa Renovables -na que foi a primeira das sentenzas- ademais dos 500.000 para EDP Renováveis e os máis de 842.000 que a Administración deberá pagar a Ventauria Enerxía Rural segundo o ditame que se fixo público esta mesma semana. En realidade, a cantidade incrementarase un chisco ao impoñer tamén o alto tribunal o abono dos xuros legais desde a data da reclamación en vía administrativa.

A última sentenza do TSXG condena o Goberno ao pago a Ventauria de 840.000 euros, que se unen aos 220.000 para Cupa e o medio millón a EDP

Sumaban, entre as tres empresas indemnizadas, once parques e máis de 400 megavatios adxudicados na repartición eólica que o goberno de coalición PSdeG-BNG deu a coñecer a finais de 2008. Catro parques e 125,7 MW para EDP a través da súa filial NEO; outros catro e 160 para Ventauria, grupo lucense liderado por Café Candelas, Ingapán e Caixa Rural Galega; e tres instalacións e 118 MW para Cupa Renovables, empresa do sector da lousa. 

Foi naquela primeira sentenza de 2015, que ditaminaba a indemnización a Cupa, cando o Superior galego recoñecía o dereito a indemnización dos parques eólicos e advertía do "dano evidente" que a anulación do concurso do bipartito, así como a responsabilidade da Xunta fronte ás empresas polos gastos que lles supuxeran o proceso. Logo, no ditame que estimou parcialmente o recurso de EDP, o TSXG insistía no "evidente dano á entidade demandante que ha de atribuírse á Administración, quen truncou o proceso de adxudicación acordando a desistencia" dos procedementos eólicos en tramitación. Na última sentenza coñecida, a de Ventauria, declara a responsabilidade patrimonial da Xunta polos "danos e prexuízos" á compañía, que veu "frustrada de forma sobrevinda a posibilidade de desenvolver as instalacións".

"A liña que marca o tribunal semella clara: devólvense os cartos destinados á elaboración dos proxectos, pero non vai moito máis aló", explican a Praza fontes xurídicas con experiencia en diferentes casos sobre o sector eólico en Galicia. EDP reclamara 1,3 millóns polos "gastos indispensables para presentar as solicitudes e tramitar os proxectos", mentres que Ventauria chegara a reclamar máis de 15, incluíndo posibles indemnizacións que na súa maioría non foron recoñecidas. 

A factura a pagar pola Xunta por anular o concurso eólico incrementarase axiña: quedan media ducia de recursos por resolver

"Con todo, estalle saíndo barato á Xunta", aseguran fontes do sector que cren que a ameaza e os temores eran moito maiores. No entanto, advirten que quedan aínda bastantes recursos por resolver que incrementarán considerablemente a factura que o Goberno galego terá que pagar pola anulación do concurso eólico do bipartito.

Segundo as mesmas fontes xurídicas, media ducia de grupos empresarias estarían pendentes da resolución dos seus recursos. Serían Ventos Cooperativos (encabezada por Feiraco e á que se lle adxudicaran 192 MW para catro parques), Inesgal (36 MW para unha instalación), Enerxías Renovables de Galicia (liderado polo empresario Jacinto Rey con 142 MW en cinco parques), Aucosa Eólica (impulsada por conserveiros e segunda maior adxudicataria con 216 MW en sete parques), Viraventos Energy (de empresarios lucenses, con 50 MW e dous parques) e Ventos de Beitureira, con 8 MW nun parque. Son os adxudicatarios dun total de case 650 megavatios para 20 instalacións. 

En total, os adxudicatarios de case a metade dos 2.300 megavatios repartidos daquela polo goberno de coalición acabaron por recorrer ante a xustiza reclamando danos e prexuízos. Os que non o fixeron, na maioría dos casos, optaron por evitar problemas coa Administración ante futuros concursos. 

“Que Galicia ingrese 160 millóns de euros polo canon eólico ben merece un preito”, xustifica Feijóo

Feijóo, preguntado por este novo pau xudicial, asegura que o que di a sentenza "é que hai que pagarlle á empresa os gastos que tivo tras anulación do anterior decreto eólico, pero non se trata de indemnizacións”. Para o presidente da Xunta, “a seguridade xurídica do novo decreto eólico está blindada”. Ademais, cre que a suspensión do proceso do bipartito "quedou superada polas novas leis e sentenzas”. "Na lei anterior había moitos intereses en xogo”. “Que Galicia ingrese 160 millóns de euros polo canon eólico ben merece un preito”, engadiu, tras insistir en que "calquera persoa que tivese gastos por presentar a documentación terá dereito, pero non pola rescisión dos megavatios". 

Xa nada máis coñecer a última sentenza, o conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, asegurtou tamén que o único que supón é facer fronte "simplemente a eses gastos administrativos nos que tivo que incorrer unha empresa para presentar a súa oferta nun concurso que, lamentablemente, foi a demostración de como non se deben facer as cousas". A portavoz do BNG, Ana Pontón, pola súa banda, responsabilizou a Feijóo das perdas millonarias derivadas de anular “por puro sectarismo do PP” un concurso eólico legal, o que se traduce agora "nunha sucesión de sentenzas que establecen indemnizacións a pagar con recursos públicos”.

 

Inseguridade xurídica arredor do eólico

A polémica anulación do concurso eólico do bipartito fora declarada ilegal anos máis tarde polo TSXG nunha sentenza ratificada logo polo Supremo. Pouco antes, o mesmo alto tribunal galego acordara legal o procedemento de regulación do sector levada a cabo polo Executivo que presidía Pérez Touriño, mentres que o novo concurso posto en marcha polo Goberno de Núñez Feijóo fora tombado tamén polo Superior galego hai agora un ano.

A anulación do concurso do bipartito fora declarada ilegal polo TSXG, que avalara o proceder do goberno de coalición; o Superior galego tombou logo o proxecto do PP

No balbordo xudicial que supuxo a polémica anulación, o Supremo avalou en abril de 2016 a anulación do concurso eólico do bipartito, en aparente contradición co ditaminado tan só un ano antes polo mesmo tribunal. Daquela, só se pronunciara sobre a decisión de agosto de 2009 de anular as adxudicacións dos megavatios, mentres que nesta última ocasión decidira sobre a anulación final do concurso, adoptada tres meses despois.

O Supremo avalou finalmente a anulación do concurso eólico do bipartito tras non avalar a suspensión das adxudicacións

Sexa como for, e case oito anos despois daquelas polémicas decisións do Executivo de Feijóo aos poucos días de chegar a San Caetano, o sector continúa estancado, a Xunta enlamado en batallas xudiciais e pagamentos de indemnizacións e outros territorios collendo a dianteira nun ámbito no que Galicia era potencia.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.