"Galicia sofre un déficit de coñeemento da súa historia contemporánea e, moi singularmente, do proceso que sentou as bases do autogoberno". O Parlamento revestiuse este xoves de solemnidade para, por segunda vez, entregar as súas medallas. No trixéximo sexto aniversario da promulgación do vixente Estatuto de Autonomía, o de 1981, o lexislativo galego abriulle as portas a quen dous anos antes, na primavera de 1979, redactaran o Estatuto que non chegou a ser, o fulminado nos meses da aldraxe, no outono do mesmo ano e cuxo espírito pairou, aínda que atenuado, nos Pactos do Hostal de 1980, que deron lugar á norma estatutaria aínda vixente.
Santalices evoca os "esforzos de Castelao e os patriotas que loitaron polo Estatuto do 36" para eloxiar "outro grupo de patriotas, a Comisión dos 16"
Os condecorados coa máxima distinción da Cámara foron os quince homes e unha muller que conformaron inicialmente a Comisión, pero a homenaxe estendeuse ás persoas que colaboraron con elas e tamén participaron nos traballos. Nomes como os de Xosé Manteiga, Marino Dónega, Joám Lopes Facal ou Xoán Manuel Álvarez Ramos estiveron presentes nos discursos e na memoria dos homenaxeados -seis deles, a título póstumo- nun acto no que o actual presidente do Parlamento, Miguel Santalices, evocou os "esforzos de Castelao e outros tantos patriotas que loitaron polo Estatuto do 36" ou a "memoria dos deputados galegos da República" e mais do histórico Consello de Galiza para acentuar a importancia "doutro grupo de patriotas, a Comisión dos Dezaseis", que tornou "nunha das pouquiñas experiencias de consenso que ten a nosa política máis nova".
Quen redactaron aquel Estatuto, di Santalices, herdaron unha "vocación autonomista nunca interrompida, pero si intensamente maltratada", e xunto aos seus "substitutos e colaboradores" puxérona ao servizo do país cun "alto espírito de lealdade" e "procura de consenso". Experiencias como as súas, mesmo tras o ataque do "Estatuto da aldraxe" que "trataron de nos impoñer", deben ser "fonte de inspiración para calquera que aspire a servir a Galicia", mantén.
Chamadas a renovar o Estatuto e eloxio do "consenso"
O alto grao de "xenerosidade" que presidiu a comisión foi tamén o centro dos discursos dos sete membros da comisión que representaron a todos os partipantes na redacción do anteproxecto. Todos estaban "unidos polo mesmo tremor da patria e pola mesma responsabilidade do encargo" lembrou Pablo González Mariñas, na altura representante da UCD. Cun ollo posto na herdanza da "legalidade republicana" resaltou o socialista José Vázquez Fouz, abordaron o Estatuto cunha actitude que deu en ser "experiencia modelo de respecto mutuo ", resaltou o xurista Francisco Puy, representante de Alianza Popular nos traballos, en cuxo recordo está o feito de que o "único" daqueles artigos que chegou "intacto" ao texto do 81 foi "o que establece a bandeira, o himno e o escudo".
"Galicia é quen de valerse por si mesma"
Se cadra, sinalou Fernando Solla, membro da Comisión polo PTG, cómpre preguntarse "se non sería posible pular" na actualidade "por un proceso aberto e participativo", semellante ou máis amplo que aquel, para abordar "unha posible reforma do Estatuto" que vai alén do actual, algunhas de cuxas competencias aínda están "sen completar" e mesmo "ameazadas por actitudes recentralizadoras". Ameazas como as que, recordou Camilo Nogueira, querían "asimilar" o Estatuto galego ao dunha "rexión administrativa" e non o lograron, aínda que "non todo foi como puido ser" nun país ao que "non se lle explicou por que está como agora o coñecemos", pero que é quen "de valerse por si mesmo" para "encarar o recoñecemento de Galicia como nación en Europa"
A homenaxe, acompañada pola música de Uxía e Xosé Manuel Budiño e secundada por representantes das principais institucións do país, foi clausurado polo presidente da Xunta. Alberto Núñez Feijóo empregou o seu discurso para eloxiar o "parlamentarismo" fronte a "outras formas de participación política", se ben tamén o aproveitou para cargar contra o Goberno catalán, "obstinado en transgredir a legalidade estatutaria" ou censurar os "réximes" que "consideraban a democracia un vestixio" con "argumentos que agora se repiten". A Comisión dos 16, segundo o titular da Xunta, demostra que "a autonomía empezou a andar cun pé dereito e outro esquerdo, ninguén quedou excluído", porque o galego é un "pobo naturalmente parlamentario".