Feijóo preséntase como garante do emprego de Ferroatlántica e á vez deita a decisión nos técnicos

Publicación no Boletín Oficial do Rexistro Mercantil (BORME) da escisión da división industrial de Ferroatlántica CC-BY-SA Praza Pública

En Marea denuncia que a empresa xa segregou as actividades no Rexistro Mercantil e o presidente di que lle "dá igual o que poña" o boletín oficial

A pasada semana o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, deitou nos técnicos, e non no seu Goberno, a responsabilidade de decidir sobre a petición de Ferroatlántica de separar para vendela a súa actividade de produción eléctrica da de produción de metal na Costa da Morte. Así o reiterou este mércores no Parlamento de Galicia a preguntas de BNG e En Marea, pero ao tempo presentouse a si mesmo como o garante do mantemento dos empregos na comarca. Fíxoo no mesmo día en que, como revelou En Marea, e malia non dispor aínda da autorización para separar ambas actividades, Ferroatlántica vén de rexistrar no Boletín Oficial do Rexistro Mercantil (BORME) a escisión a nivel empresarial da súa división industrial nunha nova sociedade denominada Ferroatlántica de Electrometalurgia. “Dame igual o que poña o Borme”, dixo Feijóo.

O presidente di ao tempo que pedirá tantas garantías de emprego como agora pero que a concesión actual non garante ningún posto de traballo

“Vou ser o garante da lei e o garante dos empregos”, asegurou o presidente galego este mércores, para explicar que sobre a petición de Ferroatlántica existen dúas posibilidades: “Se o que pide non se axusta á lei, automaticamente se arquivará”, mentres que “se é compatible, pediremos tantas ou máis garantías que as que hoxe teñen os traballadores”. Porén, tras esa promesa o propio presidente asegurou que hoxe os traballadores non teñen ningunha garantía. “O título concesional actual [dos encoros de produción hidroeléctrica agora vinculados ás factorías de metal] non garante un número de postos de traballo nas fábricas”, salientou.

Villares e Pontón relacionan unha posible autorización da operación por parte da Xunta co presunto financiamento ilegal do PP por Villar Mir que está a investigar a Xustiza

As preguntas ao presidente sobre a posible segregación das actividades de Ferroatlántica e o seu efecto nos empregos na Costa da Morte foron formuladas polo portavoz de En Marea, Luís Villares, e a do BNG, Ana Pontón. Os dous lembráronlle a Feijóo que o propietario de Ferroatlántica, o empresario Juan Miguel Villar Mir, está a ser investigado polo presunto financiamento ilegal do PP e criticaron que o Goberno galego queira compensalo autorizándolle a segregación e con ela o negocio que quere facer coa venta das centrais hidroeléctricas do río Xallas. Feijóo contestoulle a Miranda salientando que “se a petición da empresa é legal e non lle damos a autorización, pode ir ao xulgado e quedarmos sen centrais e sen empregos”. O presidente tamén asegurou que este venres o comité de empresa, presente na tribuna de invitados do Parlamento, poderá acceder ao expediente, do que insistiu en que non existía ata que a empresa presentou formalmente a súa petición a semana pasada.

Pola súa banda, Villares, quen deu por feito o financiamento ilegal do PP a través de Villar Mir, esgrimiu a publicación este mesmo mércores no BORME da escisión da división industrial de Ferroatlántica. “Dáme igual o que poña o BORME, o importante é o que asine a Xunta, non o que digan nin esa empresa nin vostede”, respondeulle Feijóo, quen centrou a súa resposta ao voceiro de En Marea en deslexitimar as súas actuacións e as da súa formación. O presidente mesmo puxo en dúbida o traballo previo de Villares como xuíz. “Preocúpame moitísimo o que estaba vostede facendo antes de entrar neste Parlamento”, dixo, logo de asegurar que “a Xustiza gaña moitísimo” coa súa entrada en política.

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.